A secuenciación clásica da historia da Terra foi trastornada recentemente como consecuencia da importancia que adquiriu o denominado Cambio Global. A acción do home sobre o planeta incrementouse de forma dramática desde os albores da Revolución Industrial, provocando modificacións sobre os ecosistemas que transcenden do nivel local ou sub-rexional, ata percibirse a escala rexional ou mesmo global, afectando tanto os compoñentes da biodiversidade, como á estrutura e funcionamento dos ecosistemas (Ramil-Rego et al. 2005). O Cambio Global incide igualmente sobre o sistema climático do Planeta, o cal sufriu desde a Revolución Industrial unha dinámica, na que certas variacións detectadas a escala continental e rexional, están directamente vinculadas á acción humana (IPC, 2007; 2013, Karl et al. 2006; NRC, 2006).
Nas secuencias paleoambientais publicadas ata finais do século XX, o teito temporal do Holoceno facíase coincidir coa actualidade, asumindo que, tras a Pequena Idade de Xeo, se rexistrarían un conxunto de episodios fríos e temperados, que acorde cos modelos rexistrados noutros ciclos glaciar-interglaciar deberían conducir a un novo período estadial. Pero esta dinámica foi substituída por un episodio de quentamento térmico global xerado polo home. A problemática do cambio climático antropoxénico foi un revulsivo no desenvolvemento da investigación paleoclimática e paleoambiental, que, ata mediados do século XX, frecuentemente eludira o estudo dos períodos máis recentes da historia da Terra, situación que se agrava no ámbito das ciencias xeolóxicas cando a problemática e a complexidade do subatlántico, e en xeral a do Holoceno, quedaba a miúdo reducida a un par de parágrafos.
A problemática do cambio climático antropoxénico forma parte dun contexto pouco prometedor para a humanidade que, baixo a designación de cambio global, agrupa todo un conxunto de graves perturbacións de orixe antrópica que están a afectar de forma negativa á biosfera e que están a causar importantes perdas de recursos así como a condena á fame e á miseria de moitas sociedades e pobos que ata hai pouco tempo podían vivir aproveitando os recursos naturais. As accións destrutoras e desencadeantes deste cambio global son ben coñecidas na actualidade. En Galicia, este tráxico panorama vén marcado polo uso irracional de combustibles fósiles procedentes de América e Asia para a obtención de enerxía, mentres que os reservorios a medio e longo prazo de carbono galego (turbeiras, breixeiras húmidas, marismas, bosques nativos etc.) seguen a ser destruídos con recheos, plantacións de especies exóticas –especialmente de eucaliptos– e, en menor medida, para a obtención de solos agrícolas (Gómez-Orellana et al. 2014; Ramil Rego et al. 2016, 2017). O aproveitamento irracional dos recursos naturais evidénciase na contaminación que mostran moitos solos, ademais dos medios acuáticos, tanto continentais como mariños. A deficiente depuración, e mesmo a falta desta, unida a un uso irresponsable de xurros, fertilizantes, herbicidas e produtos fitosanitarios están a desbordar a capacidade de resiliencia dos ecosistemas acuáticos.
A mesma situación arrepiante apréciase ao comprobar como ano tras ano a superficie ocupada por hábitats naturais e seminaturais se reduce mentres que a de áreas protexidas permanece inamovible e, pola contra, aumenta de forma prodixiosa a superficie ocupada por formacións exóticas (Eucalyptus, Pinus, Pseudotsuga etc.), ou como as poboacións das especies endémicas, raras ou ameazadas seguen tamén reducíndose e recibindo os impactos negativos de distintas actividades humanas. A perda do natural deixou paso ao establecemento e expansión de especies exóticas invasoras, o número das cales aumenta ano tras ano, con claros efectos negativos sobre o medio e sobre a sociedade. Nalgunhas áreas protexidas de Galicia, o número de especies exóticas invasoras supera o número de especies protexidas. E, ano tras ano, increméntanse máis especies, que ata hai pouco tempo ninguén coñecía; así, o fento mosquito (Azolla filiculoides), a cortadeira (Cortaderia selloana), a unlla de gato (Carpobrotus edulis), a herba do Cabo (Arctotheca calendula), a herba nodosa (Reynoutria japónica), o pasto de Santo Agostiño (Stenotaphrum secundatum), a tritonia (Crocosmia × crocosmiiflora), o pasto negro (Sporobolus indicus), o picudo vermello das palmeiras (Rhynchophorus ferrugineus), a avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus), o avespón asiático (Vespa velutina), o gurgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus), o black bass (Micropterus salmoides), o mapache (Procyon lotor) ou o porco vietnamita (os Sus scrofa domestica) se desenvolven libremente polo territorio galego.
Algunha destas especies, como a Phytophthora alni, destruíu en menos dunha década (2008-2018) a case totalidade dos bosques da ribeira de Galicia e matou centos de miles de individuos e puxo en grave perigo o mantemento das función ecolóxicas inherentes aos corredores fluviais. A este elenco habería que unir os organismos xeneticamente modificados (OXM), cuxa superficie se está a incrementar de forma exponencial, e a explotación irracional dos recursos sostibles.
Paul Crutzen [1933,2021], Premio Nobel de Química en 1995 polo seu traballo sobre a formación e a descomposición do ozono, propuxo unha nova división do Cuaternario e formulou xunto ao Plistoceno e o Holoceno unha terceira época, que designou Antropoceno (do grego anthr?pos, home, e kayinós, común), marcado a nivel mundial polos efectos derivados do incremento da poboación humana e do desenvolvemento económico sobre o medio (Crutzen / Stoermer 2000; Crutzen 2006) ata percibirse a escala rexional ou mesmo global. A semellanza das cronocosmoloxías teóloxicas, o termo Antropoceno foi empregado tanto para formular unha periodización dos tempos pasados como para aventurar os vindeiros, nun escenario frecuentemente pouco esperanzador (Crutzen & Stoermer, 2000; Crutzen, 2005).
Consideramos que o Antropoceno ten suficiente entidade, dende un punto de vista paleoambiental, ligada ao cambio global e ao cambio climático antropoxénico, para consideralo como unha fase do Holoceno, aínda que tampoco rexeitamos a proposta inicial de Crutzen (Crutzen / Stoermer 2000, Crutzen, 20050) de consideralo como unha época do Cuaternario, posterior ao Holoceno. En calquera das dúas opcións, o inicio do Antropoceno debería fixarse tras o final da Pequena Idade de Xeo (1850 AD), momento a partir do cal se incrementa a pegada destrutiva do home sobre os ecosistemas naturais, xa fortemente extenuados en múltiples territorios do planeta, especialmente no vello continente. A pesar do escaso tempo transcorrido dende o seu inicio, ao longo do Antropoceno (1850-2018 AD) os sedimentos continentais e mariños impregnáronse de novos compostos artificiais que se foron obtendo e difundindo en distintas décadas: biocidas (lindano, DDT, aldrin, endrin, malation, paration, glifosato etc.), con diferente grao de persistencia e asimilación polos organismos vivos, productos plásticos presentes na actualidade en todos os ecosistemas do planeta, que chegan a formar grandes acumulacións nos océanos (baquelita, polietileno, poliestireno, nailon, polipropileno etc.), así como contaminantes radioactivos derivados de actividades civís, militares ou de accidentes. Os sedimentos do Antropoceno mostran tamén tafocenoses características, marcadas pola presenza de elementos alóctonos distribuídos a partir de 1850 AD, ano en que dende Australia se distribúen aos distintos continentes diferentes especies de Eucalyptus, Acacia, mentres que o territorio australiano é invadido por especies transportadas polo home dende o Reino Holártico.
Proposta de periodización do Antropoceno
Durante o Antropoceno (1.850 AD - Actualidade) a temperatura global da superficie da Terra quentouse nunha media de 1,0-0,74ºC alcanzando nas áreas máis setentrionais, como ocorre na Península Ibérica, valores de 1,2-1,5ºC, con incrementos medios das temperaturas máximas de 0,12 ºC/década e das temperaturas mínimas de 0,10 ºC/década (MMA, 2007). Esta tendencia non é homoxénea, nin a escala temporal, nin espacial, podéndose delimitar ao longo do Antropoceno tres fases claramente diferenciadas, acordes coas reconstrucións globais (IPCC,2007; NRC, 2006; Karl et al., 2006), e as secuencias rexionais e subrexionais (MMA, 2005).
Na primeira fase Antropoceno-a (1.850-1.949 AD) prodúcese un incremento da temperatura, en relación coa última fase do Holoceno (Neogl-IVc). Ao longo desta fase sucédense pequenos períodos de maior ou menor humidade, aínda que non existen evidencias de secas con efectos importantes sobre a vexetación ou os cultivos na área galega.
Unha segunda fase, Antropoceno-b (1.950-1.972 AD) de forte detrimento climático. En Galicia como noutras áreas da zona Cántabro-Atlántica rexístranse anos con abundantes e fortes xeadas, así como con choivas copiosas. En localidades interiores de baixa altitude, como en Vilalba (480 m) ou Lugo (454 m) rexístranse nevadas de máis de 1 metro de potencia, permanecendo os chans cubertos pola neve durante varias semanas. Aínda que nalgunhas áreas continentais da Península Ibérica prodúcense nesta fase importantes secas (anos 40, 50 e 60), estes detrimentos non se traducen en efectos significativos, en Galicia en relación con cambios da vexetación ou dos cultivos.
Unha terceira fase, Antropoceno-c (1.973 AD – Actualidade). A temperatura increméntase, sobre todo desde 1995. Os rexistros térmicos permiten considerar que este incremento faise máis patente a partir de 1995. O quecemento foi máis acusado na primavera e verán, e nas temperaturas máximas. Na Península Ibérica, as rexións máis afectadas polo quecemento son as situadas na metade oriental peninsular, cubrindo unha ampla franxa en torno ao litoral mediterráneo. De novo as tendencias da precipitación móstranse moi irregulares (cf MMA, 2005). En termos xerais na Península Ibérica rexístranse períodos de detrimentos da precipitación nas décadas dos 80 e 90, que provocan graves problemas de seca nas áreas eu-mediterráneas e sub-mediterráneas. Mentres que nas décadas dos 60 e 70 rexístranse períodos de maior precipitación. Algúns estudos locais, reflicten entre 1949-2005 unha tendencia claramente negativa nas choivas en certas áreas do Cantábrico (detrimentos de 4,8 mm/ano en Santander e 3,3 mm/ano en Bilbao), coincidentes aos rexistrados en SE da Península.