O período postglaciar (Holoceno) iniciouse hai aproximadamente 10.000 anos. En termos climáticos definíronse tres fases. Unha inicial ou Anátermica 11.700-7.800 cal. BP. (10-7 ka. BP), que representa un período de continuas modificacións ambientais pero que globalmente, supuxo o quecemento progresivo das augas mariñas e dos territorios emerxidos adxacentes. A continuación, rexístrase unha fase tépeda, o óptimo climático postglaciar 7.800-2.500 cal. BP. (7-2,5 ka BP), momento no que se alcanzaron as fases de maior temperatura no SW de Europa e que, nos territorios de marcado carácter oceánico, caracterizouse, ademais, por unhas condicións especialmente húmidas. Dentro do óptimo climático pódense recoñecer tres fases, unha inicial de carácter cálido entre 7-6,5 ka (7,8-7,4 ka cal. BP.), seguida por unha fase fría entre 7,4-5,5 ka BP. (7,4-6,3 ka cal. BP.), e finalmente unha nova fase cálida, entre 5,5-2,5 ka BP. (6,3-2,5 ka cal. BP.). Por último, a fase catatérmica 2.500 cal BP. – Actualidade, que podería definirse como unha sucesión de períodos ou subfases frías e cálidas que acabaron derivando cara ás condicións actuais. (Ramil-Rego, 1993; Ramil-Rego et al, 2008)
En moitas das periodizacións establecidas no Holoceno (cf. Gribbin & Lamb (1978), a última subfase do Optimo Climático (6,3-2,5 ka cal BP.) e a fase Catatérmica, agrúpanse dentro dunha nova unidade disignada como Neoglaciación. O termo desta identifícase ben co momento actual, ou se fixa o seu termo cara ao ano 1.850 A.D. (A.D.= Anno Domini), data na que se iniciaría o Antropoceno.