Banco de Datos

Cenozoico [66,4 Ma - Actualidade].



A última Era da Historia da Terra correspóndese co Cenozoico (66,4 Ma - 0), dividíndose na actualidade en tres períodos; o Paleóxeno subdividido en tres épocas Paleoceno (66,4-56,0 Ma), Eoceno (56,0-33,9 Ma) e Oligoceno (33,9-23,03 Ma). O Neóxeno, subdividido en dúas épocas, o Mioceno (23,03-5,33 Ma) e o Plioceno (5,33-2,588 Ma). E finalmente o Cuaternario (< 2,588 Ma), subdividido clasicamente en dúas épocas o Pleistoceno e o Holoceno. Ao final do Cretáceo rexistrouse a aparición dos primeiros primates adaptados á vida arborícola nas selvas tropicais, deles evolucionaron durante o Cenozoico os homininis (Hominini), que inclúen á súa vez aos Panina (Orroin, Pan, Sahelanthropus) con desprazamento tetrápodo e os Hominina (Ardipithecus, Australopithecus, Homo, Kenyanthropus, Paranthropus), de locomoción bípeda.
 

Os Hominini

O desenvolvemento evolutivo das poboacións de homininis (Hominini) no Pleistoceno Inferior (2,588 Ma – 780 ka) conleva a elaboración por determinadas especies de Australopithecus e especialmente do xénero Homo, de utensilios de madeira, óso ou pedra, utilizado para mellorar a provisión de recursos e a transformación destes. A capacidade tecnoloxía mellorou durante o Pleistoceno Medio (780-126 ka) e Superior (126 ka - 11.650 BP), mellorando ademais a capacidade tanto recolectora, como pescadora e cazadora, aspectos que supuxo unha vantaxe competitiva fronte a outros animais. Existe unha interesante discusión sobre os efectos destas actividades sobra a configuración do ecosistema e especialmente sobre a incidencia destas no estado de conservación de determinadas especies sobre as que se exercía unha actividade depredadora, moitas das cales se extinguiron no transcurso do Pleistoceno.
 
Homo - Wikipedia
Esquema evolutivo dos Hominoidea

Outro elemento perturbador vinculado á acción de antigos grupos de Austro e especialmente de Homo foi o lume. O rexistro de incendios naturais no planeta documéntase tanto en momentos premios á irrupción e expansión dos homininis (Hominini), como tras esta (Scott, 2000). De feito, o lume é un proceso determinante na dinámica das biocenoses e dos ciclos bioxeoquímicos, sendo unha parte integral do funcionamento de distintos biomas tanto no pasado, como na actualidade (Bowman et al. 2011). A ecoloxía actual, achéganos ademais datos de como distintas especies de aves ou mamíferos, incluídos varios primates (Crcopithecus aethiops, Pantroglodytes verus) aprovéitanse habitualmente das áreas queimadas para obter recursos alimenticios.
 
Resulta moi difícil confirmar o uso do lume por parte das primeiras comunidades de Hominini (Canti & Linford, 2000; Goldberg et al. 2017; James, 1989; March et al., 1993; Meigne et al., 2001; Roebroeks & Villa, 2011; Sorensen, 2017; Sorensen et al., 2018). O rexistro máis antigo, actualmente aceptado, correspóndese cunha ocupación do Homo erectus na Cova de Wonderwerk (Sudáfrica), onde se recuperaron restos de plantas carbonizadas e ósos sometidos a un tratamento térmico, datándose este evento en 1 Ma (Berna et al., 2012; Kaplan, 2012). As evidencias resultan máis abundantes a partir do 150.000 BP., tanto en Africa como en Europa e Asia. Con todo, resulta moi difícil de identificar ao longo do Pleistoceno cando os humanos ou mesmo que grupos de humanos (Homo neanderthalensis vs Homo sapiens) empregaron o lume para alterar e reconfigurar as biocenoses e máis aínda valorar os efectos destas accións tiveron sobre o ecosistema fronte aos cambios provocados polo réxime natural de incendios.