Banco de Datos

Mesozoico [251,9-66,4 Ma].



Os 186 millóns de anos que dura o Mesozoico (251,9-66,4 Ma), prodúcese a fragmentación do supercontinente Panxea. As novas masas continentais fóronse desprazando ata a súa posición actual. O clima foi moito máis cálido que na actualidade, repercutindo na diversificación e colonización dos grupos de vexetais e animais nas áreas continentais, rexistrándose fai 240 Ma, a aparición no rexistro fósil das primeiras plantas con flores, as Anthophyta. Entre os animais continua a diversificación dos invertebrados (amonites, cefalópodos, belemnites, equinodermos, braquiópodos, crustáceos, insectos), como dos vertebrados, destacando entre estes os peixes, tartarugas, crocodilos e dinosauros, rexistrándose os primeiros grupos de aves e mamíferos.

Na división do Mesozoico recoñécense tres períodos; Triásico (251,0-201,3 Ma), Xurásico (201,3-145,0 Ma), Cretáceo (145,0-66,4 Ma). Na transición entre o Triásico e o Xurásico, fai aproximadamente 201 Ma, prodúcese unha cuarta extinción global. Ante a falta de evidencia de fenómenos catastróficos vincúlase este evento coa actividade volcánica na rexión central do Océano Atlántico.
 

No Cretáceo (145,0-66,4 Ma) a superficie continental atopábase dividida en máis de 12 grandes continentes que propiciará o illamento dos grupos de flora e fauna favorecendo a aparición de numerosos elementos endémicos. As condicións climáticas mantéñense moi similares á dos períodos anteriores, rexistrándose inicialmente un ascenso da temperatura global do planeta, que alcanzou o seu máximo fai 100 Ma., momento no que non había practicamente xeo nos polos. Estimándose unha temperatura global de 8ºC por encima das actuais. Tras este máximo a temperatura iniciou un progresivo detrimento ata alcanzar fai 66 Ma, o seu mínimo, emprazándose a 8-6 ºC, sobre a actual. A comparación dos rexistros polínicos obtidos en numerosas localidades do planeta permitiu establecer unha sectorización fitoxeográfica para o final do Cretáceo (Herngreen & Chlonova, 1981; Herngreen et al., 1996; Morley, 2000), na que se recoñecen distintas provincias e subprovincias, que son designadas habitualmente en función dun tipo polínico característico. Herngreen (Herngreen & Chlonova, 1981; Herngreen et al., 1996), recoñecen 5 grandes provincias florísticas na Terra durante o final do Cretáceo (88-65 Ma). A provincia Aquilapollenites, alberga os territorios máis setentrionais do planeta (Norte de América, Europa e Asia, Ártico). O nome da provincia fai referencia a un grupo polínico de antigas anxiospermas emparentados coa actual familia Santalaceae.
 
Os rexistros da provincia Aquilapollenites evidencian o predominio das selvas tropicais-subtropicais. Ao Sur da provincia florística Aquilapollenites, atópase a designada como provincia Normapolles, de menor entidade superficial, que inclúen distintos territorios de América, Asia e Europa, incluíndose aquí a totalidade da Península Ibérica. A vexetación da provincia estaría configurada igualmente por selvas tropicais-subtropicais. Os rexistros polínicos obtidos na Península Ibérica (Alonso et al., 2018), reflicten principalmente ambientes de humidais, nos que se atopan distintas especies acuáticas como nenúfares, e bosques pantanosos de ximnospermas (Cupresaceae, Taxodiáceae) e anxiospermas (Myricaceae). Rodeando aos humidais identifícanse áreas boscosas dominadas por especies de Normapolles; Atlantopollis (Fagaceae). Complexiopollis, Limaipollenites etc. O sotobosque estivo poboado de varios tipos de fentos entre os que destacaban Leiotriletes e Lygodiaceae. Os últimos rexistros de Normapolles na Península Iberia correspóndese co final do Eoceno (56-34 Ma), sendo substituídos na paisaxe por outros grupos de anxiospermas. Unha terceira provincia é a Palmae, que se estende por territorios intertropicais de América (Centro América e Sur América), Africa e Madagascar. Vincúlase a provincia con condicións máis áridas e presenza de taxons como Gnetales, Cycadaceae, Bennettitales. Unha cuarta provincia, a Schizaeoisporites, esténdese pola India, Indochina e Indonesia. Territorio que nos últimos anos sufriu novas propostas de sectorización (Li & Liu, 1994; Jianguo & Batten, 2010). Os territorios austrais do Planeta (América, Africa, Australia, Antártida), configurarían a provincia florística Podocarpus e Nothofagus (Proteacidites / Notofagidites), na que se atopan taxons como Myrtaceae, Casuarinaceae, Cunoniaceae, Didymelaceae.