Banco de Datos

Inicio



O noso planeta é un sistema complexo no que todos os seus compoñentes: atmosfera, hidrosfera, litosfera e biosfera están en continua interacción, intercambiando unha enerxía que procede fundamentalmente do Sol, e en moita menor medida da súa calor interna e das forzas gravitatorías.
 
Con anterioridade ao desenvolvemento industrial, os equilibrios enerxéticos só alterábanse por fenómenos naturais, xa fosen endóxenos (cambios orbitais, derivas continentais, oroxenias, erupcións volcánicas, procesos biolóxicos etc) ou exóxenos (ciclos de actividade solar, impactos de corpos celestes etc.), de modo que tras cada evento activábanse sistemas de retroalimentación que permitían retornar a un novo equilibrio. Pero desde a Revolución Industrial (s. XVII) os patróns naturais de intercambio enerxético poden verse seriamente perturbados pola emisión atípica de gases, entre eles grandes cantidades de sub-produtos radiactivamente activos, como o dióxido de carbono, metano, óxido nitroso, ozono, clorofluorocarbonos e compostos afíns. Hoxe asúmese que estes cambios antropoxénicos están a comezar a alterar as pautas de transferencia de enerxía e, en consecuencia, as condicións ambientais globais. Isto provocou que o debate sobre os cambios climáticos haxa transcendido o ámbito meramente científico para pasar a adquirir un notable interese social.
 
Cosmoloxías teolóxicas
 
A periodización da historia da Terra constitúe un ámbito de discusión ante o que a humanidade se enfrontou ao longo do seu propio devir histórico. Todas as grandes civilizacións formularon con maior ou menor detalle unha periodización da súa historia, recorrendo a seleccionar determinados eventos para marcar o inicio ou a fin dun determinado período. No antigo Exipto a cosmoloxía móstrase complexa, non existe unha única periodización, senón que en cada localidade hai diferentes versións, nas que se introducen distintos feitos derivados da entrada no guión dunha variable cantidade de divindades. Na antigüidade clásica, hebreos e cristiáns compartiron unha mesma periodización cosmolóxica derivada da información contida na Xénese, o primeiro volume da Torá, a redacción da cal é atribuída a Moisés, no deserto do Sinaí no ano 1513 BC (BC = AC = AEC = ANE = antes da nosa era); nesta, relátase a creación do ceo e da terra, e os feitos posteriores ata a morte de Xosé, 1657 BC.
 
Na cosmoloxía clásica grega, a Terra era redonda e ocupaba o centro do universo. O Sol, a Lúa, os planetas e a esfera das estrelas fixas xiraban sen cesar arredor da Terra en perfectas órbitas circulares. Hesíodo, no ano 700 BC, no poema Os traballos e os días ( ?ργα κα? ?μ?ραι) introduce o mito das Idades do Home e considera a existencia de cinco etapas na humanidade, con distintas xeracións de mortais: unha primitiva e paradisíaca, Idade de Ouro, á que suce- den catro estadios de degradación: Idade de Prata, Idade de Bronce, Idade dos Heroes e Idade de Ferro. Estas foron igualmente comentadas e desenvolvidas por outros autores grecolatinos: Platón, Ovidio, Virxilio etc.
 
A mitoloxía romana atribúe a Rómulo e Remo a fundación da cidade de Roma. O proceso de constitución está cheo de lendas. A Rómulo, o primeiro reiromano, atribúeselle a adopción dun novo calendario que comprendía 10 meses lunares, cunha duración de 304 días. Tamén existía o mito de que 12 aguiasrevelaran a Rómulo a data da destrución da cidade. Inicialmente considerouseque esta catástrofe sería no doceavo ano da súa fundación, pero este suceso nonaconteceu. Polo tanto, a profecía foi modificada considerando que cada aguiarepresentaba unha década e, en consecuencia, Roma sería destruída 120 anos despois da súa fundación. Como isto tampouco se cumpriu, algúns romanosoptaron por situar este evento no ano 304 despois da fundación, ao vinculalo conúmero de días do calendario. Para establecer todos estes cálculos, os romanosafanábanse en situar o ano da fundación de Roma, que dende Varrón se calculoua partir da análise temporal das xeracións transcorridas e se fixou segundo disintas aproximacións no ano 754/753 BC (0 AUC =Ab urbe condita, dende afundación de Roma).
 
Nas culturas vinculadas coas relixións monoteístas empregaranse os datos que achegan os libros sagrados para establecer a data de creación da Terra, así como as distintas etapas transcorridas, e fixar o día da fin do mundo, que é precedido por un conxunto de circunstancias pouco propicias para o desenvolvemento da humanidade. A falta de concreción nos textos sagrados levará a formular distintos cálculos, de forma que as indicacións referidas na Xénese sobre o número de xeracións transcorridas entre distintos eventos tratarán de trasladar unhas datas concretas no calendario. Noutros casos recorrerase tamén a conxecturas indirectas sobre a posición cronolóxica de determinados eventos históricos.
 
O calendario hebreo comeza coa Xénese do universo (AMAnno Mundi) e o seu inicio correspóndese co 7/10/3760 BC (primeiro día do mes Tishrei do ano 1 AM). No calendario hebreo os días empezan e finalizan co ocaso, mentres que no gregoriano o comezo se establece na media noite. A semana hebrea mantén a súa correspondencia cos seis días da creación e estes desígnanse con números ordinais en hebreo. Nos reinos cristiáns engadiuse un sétimo día, o domingo.
 
Para a designación do resto dos días empréganse nomes de deidades pagás, como por exemplo o sexto día, que se denominou sábado (latín bíblico sabb?tum, do hebreo ???? ???, shabat; día de repouso). Nalgúns países, como Portugal, aínda se mantén para algún dos días a súa designación ordinal (segunda, terça, quarta, quinta, sexta-feira). A cronocosmoloxía máis antiga da tradición xudía atópase incluída no Libro dos Xubileus, un texto redactado cara ao 100 BC onde se divide o tempo transcorrido dende a creación en anos, semanas de anos e xubileus (sete períodos de sete anos). Así, o período que se sucede entre a creación e o asentamento do pobo xudeu en Canaan foi de 50 xubileus (2450 anos). De xeito semellante, o rabino Yose Ben Halafta defende no libro Seder Olam Rabbah, escrito no século II AD (AD = DC = Anno Domini), unha cosmocronoloxía teolóxica que se inicia coa creación no ano 3760 BC (3760 BC = 0 Anno Mundi = 0 AM), para finalizar coa conquista de Persia (331-329 BC) por Alexandre Magno. A partir dos datos incluídos en El Talmud, a tradición hebrea sostiña que o mundo, tal como o coñecemos, durará 6000 anos e desaparecerá co sétimo milenio, é dicir, no ano 2240 AD.
 
Entre os primeiros cristiáns considerábase que entre a crucifixión de Cristo e o xuízo final non tería que discorrer un longo prazo temporal. No Evanxeo de Mateo ponse en boca de Cristo a existencia dunha próxima fin do mundo: «Eu asegúrovos que non pasará esta xeración ata que todo isto suceda». Xorden así distintos apoloxistas que sinalan a data da fin do mundo en distintos anos: 350, 365, 400, 500, 530, calculados a partir da Encarnación ou da Paixón de Cristo.
 
A medida que a sociedade se achegaba a unha das datas sinaladas, a preocupación acrecentábase entre moitos cristiáns, amplificada pola preocupante situación político-social e especialmente pola inseguridade das fronteiras ante ao avance dos bárbaros. Na Epístola de Berbané, redactada cara a 120-130 AD, considerábase que a obra divina estaría completamente finalizada nuns 6000 anos, o ano cero dos cales se correspondería coa creación. Dado que os principais apoloxistas, como o bispo romano Hippolytos (c. 170-c. 236 AD) ou Sextus Julius Africanus (c. 160-c. 240), consideraban que a crucifixión se producira 5500 anos despois da creación, o día do xuízo final situaríase no ano 500 AD ou no ano 530 AD, facendo coincidir este último co quinto centenario da crucifixión
 
O romano Eusebius Sophronius Hieronymus (c. 340-420 AD) foi o primeiro en vincular as idades do home cun calendario: Idade de Ouro (1710-1674 BC), Idade de Prata (1674-1628 BC), Idade de Bronce (1628-1472 BC), Idade dos Heroes (1460-1103 BC) e Idade de Ferro (1103 BC ata a actualidade). Pola súa banda, Agostiño de Hipona (354-430 AD) redacta entre 413-426 AD unha das súas principais obras, A Cidade de Deus, e nela establécese unha análise cro-nocosmolóxica que refuta os augurios dos milenaristas e os intentos para establecer unha cronoloxía para a fin do mundo, recordando que nos textos sagrados non se establecen datas precisas sobre a segunda chegada de Cristo, e el mesmo se expresou sobre este aspecto: «En canto a ese día ou a esa hora ninguén a coñede, nin os Anxos do ceo nin o Fillo, senón só o meu Pai» (Mateo 24: 36).
 
O monxe inglés Beda o Venerable (672-735) sitúa a partir da cronocosmoloxía hebrea a creación do mundo no 18/03/3952 BC e divide a súa historia en seis etapas: Adán-Noé, Noé-Abraham, Abraham-David, David-desterro Babilonia e Desterro á chegada de Cristo; e desta á actual, que se corresponde co denominado «tempo da Igrexa» e que finalizará no ano 2048 AD. Beda intenta manter a correlación das principais etapas de cronocosmoloxía cristiá coa periodización da semana, vinculando deste modo os aspectos derivados da Xénese cosda Pascua. Recoñece, en consecuencia, seis idades: a de Adan-Noé, a de Noé--Abraham, a de Abraham-David, a de David-desterro Babilonia, a de desterro-chegada de Cristo e a de chegada de Cristo ao actual, o denominado tempo da Igrexa, que despoxa de todo significado cronolóxico. Acorde con Xerónimo ou Agostiño, esta cronocosmoloxía conclúe que a idade do mundo é incerta, aínda que, por outra parte, asume como data o ano 3952 BC e a do comezo da sexta idade o ano 672 despois da fundación de Roma, é dicir, entre o ano 83-82 BC. Inspirado por Ticonius Afro (c. 330-c. 390 AD) e Agostiño de Hipona (354--430 AD), Beda afirmaba que ninguén pode coñecer o día nin a hora do día do Señor e que as seis idades do mundo non representan unha duración de 6000 anos, encontrando fría e herética a interpretación dos seis milenios. A sétima idade, ao igual que o sétimo día, é a do descanso, a das almas privadas do corpo en espera da resurrección, que terá lugar durante o oitavo día. Beda deixou esta nota profética entre os seus escritos: «Mentres o Coliseo de Roma siga en pé, Roma manterase; cando Roma e o seu coliseo caian, o mundo caerá». Ao achegarnos á fin do primeiro milenio da nosa era volven xurdir nos reinos cristiáns, especialmente en Francia, Inglaterra ou no Sacro Imperio Romano Xermánico, a preocupación pola fin do mundo, que se supón que acontecería no ano 1000 AD, ou preferentemente no ano 1033 AD, é dicir, un milenio despois da Paixón de Cristo. A data non deriva dun cálculo teolóxico, senón que se alimenta comedo nestes territorios ante a expansión territorial do Califato, identificado en distintas crónicas como o anticristo. A cosmocronoloxía xudeo-cristiá-islámica difire substancialmente das establecidas en Oriente. O texto hindú coñecido como Puranas (en sánscrito «de tempos antigos») foi redactado entre os séculos IV e XVI AD, aínda que con seguridade recolle tradicións moito máis antigas. A cronoloxía do universo fixa a historia deste (Mah?-Kalpa ou vida de Brahma) en 311,04 trillóns de anos.
 
Cronoloxías para novos tempos
 
O inicio dos tempos modernos adoita marcarse por un conxunto de sucesos, como a invención da imprenta (1448), a fin do Imperio Romano de oriente (1453 AD), a toma de Granada polos Reis Católicos (1493) e o comezo das exploracións ás Indias orientais e occidentais. Malia iso, as cronocosmoloxías teolóxicas seguirán sendo a única fonte para establecer a periodización da historia da Terra, que reciben novas modificacións de distintos autores. No século XVII, Cristoph Cellarius (1638-1707) propuxo unha periodización da civilización no Vello Mundo en tres unidades: «Historia Antiga», que comprendería os períodos clásicos de Grecia e Roma; «Media» para a Idade Media e «Nova» para o Renacemento. Neste mesmo século propóñense distintas modificacións á periodización cronocosmolóxica derivada das fontes teolóxicas. Así, James Ussher, arcebispo da Igrexa de Irlanda (1625-1656), establece un calendario a partir das xenealoxías da Xénese. Deste xeito, fixa a creación da terra na tarde (18.00 h) do sábado 22 de outubro do ano 4004 BC e a expulsión de Adán e Eva do paraíso o luns 10/11/4004 BC. A periodización de Ussher foi amplamente aceptada no Vello Continente. Isaac Newton (1643-1727) realizou tamén un novo cálculo, a partir da Biblia, da data da fin do mundo e concluíu que esta se produciría 1260 anos despois da refundación do Sacro Imperio Romano levada a cabo por Carlomagno, é dicir, no ano 2060 AD.
 
Na segunda metade do século XVIII, os traballos levados a cabo por Giovanni Arduino (1714-1795), Johann Gottlieb Lehmann (1719-1767) e Georg Christian Füchsel (1722-1773) establecen as bases da estratigrafía. Anos máis tarde, Abraham Gottlob Werner (1749-1817), na súa célebre obra Breve clasificación e descrición dos diferentes terreos (1787), elabora a primeira proposta de cronoloxía de estratos, dividindo os terreos da montaña de Harz (Baixa Saxonia) en cinco tipos: primitivos, de transición, estratificados, aluviais e volcánicos. Non será, non obstante, ata o século XIX cando William Smith (1769-1839), Georges Cuvier (1769-1832) e Jean d ‘Omalius d ‘Halloy (1783-1875) realicen os primeiros intentos de datación dos estratos a partir dos fósiles de plantas ou animais preservados neles. En 1735, Giovanni Arduino (1714-1795 AD), a partir dos estudos xeolóxicos realizados no norte de Italia, divide a historia da Terra en catro grandes etapas: Primaria, Secundaria, Terciaria e Cuaternaria. Anos máis tarde, James Hutton (1726-1797) presenta ante a Sociedade Real de Edimburgo a súa Teoría da Terra (1785), na que defende que a cronoloxía da Terra era moito máis antiga que a que sostiñan as cosmocronoloxías teolóxicas xa que os ámbitos temporais contidos nestas non eran o suficientemente amplos para asumir un longo proceso no que as antigas montañas da terra foron erosionadas e os materiais arrastrados ao fondo do océano, onde se converteron en novas rochas que posteriormente emerxeron.
 
En 1878 celebrouse en París, coincidindo coa Exposición Universal, o primeiro Congreso Xeolóxico Mundial (CXM), que reuniu máis de 300 especialistas e no que se intentaron resolver, aínda que non con moitos éxitos, os problemas de clasificación e nomenclatura xeolóxicas. O segundo congreso tivo lugar en Boloña no ano 1881 e nel establecéronse as bases para o desenvolvemento da ciencia xeolóxica (Vai 2004). Un dos aspectos debatidos no II CXM foi o da necesidade de unificar, aclarar os termos e os conceptos vinculados cos estratos e a súa cronoloxía, que se están a empregar nas distintas escolas. Malia iso, o establecemento das unidades xeocronolóxicas e cronoestratigráficas globais non se consegue ata o ano 1974, e é dende esa data responsabilidade da Comisión Internacional de Estratigrafía da Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (Fernández López 1988).
 
Ata o século XIX, o establecemento da cronoloxía dos distintos episodios da historia da Terra realizábase a través de métodos de datación relativos nos que soamente se podían establecer relacións de anterioridade ou posterioridade con determinados eventos (terminus ante quem, terminus post quem). No século XIX aparecen distintos métodos de datación absoluta a partir dos cales se obtén unha maior precisión temporal. O primeiro deles foi a dendrocronoloxía. O uso dos aneis das árbores para establecer a súa idade con precisión xa era coñecido por Teofrastro, e o propio Linneo desenvolveu distintas experiencias, pero non será ata 1827 cando Alexander Catlin Twining (1801-1884) estableza os seus fundamentos científicos. Unha situación similar acontece co estudo da sedimentación rítmica que se aprecia nos lagos glaciares de Escandinava dende o final dos tempos glaciares, onde se forman estratos anuais de sedimentos arxilosos que permiten analizar con precisión o tempo transcorrido. A comezos do século XX aparecen novas técnicas para o estudo da historia da Terra. A paleobioloxía, centrada no estudo de restos orgánicos, compleméntase coa investigación dos fósiles e cobre os períodos máis recentes da historia nos que non hai rexistro destes. O descubrimento da radioactividade (1896) terá unha directa aplicación nos estudos cronolóxicos e xurdirán, deste xeito, novos métodos de datación absoluta baseados na idea de que o lapso de tempo transcorrido é a constante de desintegración no tempo dalgún isótopo radioactivo: datacións radiométricas (C12/C14, K/Ar, U/Th, U/Pb, Rb/Sr, Sm/Nd etc.); que se comple- mentan con métodos non radiométricos, como as datacións por termoluminiscencia ou a datación por paleomagnetismo. As variacións isotópicas dos isótopos estables de hidróxeno (H2/1), osíxeno (O18/16) e carbono (C13/C12) teñen tamén unha grande aplicación no estudo do clima pasado e permitiron un rápido desenvolvemento da paleoeclimatoloxía e, en xeral, da paleoecoloxía.
 
O avance da xeoloxía e da paleobioloxía durante os séculos XX e XXI provocou unha importante modificación e continua adecuación da periodización da historia da Terra. Un exemplo evidente é a modificación sufrida en relación cos períodos máis recentes. O Cuaternario foi entendido inicialmente como unha era pero posteriormente considerouse que as súas características diferenciais con respecto ao Terciario non tiñan suficiente entidade para entenderse de forma independente e, na actualidade, forma parte da mesma era, a Cenozoica.
 
O límite entre o Terciario e o Cuaternario sufriu igualmente importantes modificacións. Inicialmente vinculouse o Cuaternario coa aparición do xénero Homo e co inicio dun período de arrefriamento global do clima, no que se suceden episodios extremadamente fríos e outros temperados. Non obstante, os sucesivos estudos arqueolóxicos e antropolóxicos situaban os grupos primitivos de Homo no Terciario, identificándose igualmente neste mesmo período os primeiros eventos glaciares. O carácter difuso entre o Cuaternario e o Terciario leva consigo, ademais, a consideración ou non de que o propio Cuaternario teña a mesma categoría temporal que o Cámbrico, o Carbonífero ou o Xurásico, formulación que soamente pode defenderse dende unha perspectiva antropocéntrica da historia da Terra.
 
Non menos importante foi dende o inicio do século XX a periodización do Cuaternario e do propio Holoceno. Os modelos de periodización baseados no estudo das órbitas planetarias así como os obtidos a partir do estudo estratigráfico, cronolóxico e paleoecolóxico de depósitos glaciares, cársticos, litorais, orgánicos etc. mostraban numerosos interrogantes, que se amplificaban no momento de tratar de correlacionar distintas secuencias rexionais e subrexionais e, sobre todo, a medida que nos internamos nos períodos temporais de maior antigüidade. A análise da variación isotópica do O18/O16 nas cunchas dos foraminíferos mariños incluídos nos sedimentos oceánicos, apoiada con datacións radiométricas e estudos micropaleontolóxicos, permitiu unha reconstrución da paleotemperatura global durante o Cuaternario así como establecer diferenzas entre os grandes territorios. A medición da variación isotópica aplicouse paralelamente ás burbullas de aire contidas nas mostras de xeo, obtidas en sondaxes da Antártida e Groenlandia. Aquí, a cronoloxía das últimas secuencias publicadas alcanza os 2,7 Ma (Yan et al. 2015) e obtéñense, xunto aos datos de paleotemperatura, rexistros sobre a concentración no aire de CO2 e de CH4. Malia iso, a reconstrución paleoecolóxica relativa aos períodos anteriores ao último estadio glaciar do Cuaternario resulta aínda un obxectivo inconcluso para a ciencia, tanto a nivel global como rexional e subrexional, sobre todo se a comparamos cos datos dispoñibles para o Tardiglaciar e para o Holoceno (cf. Jorda Pardo 1995).
 
A periodización do Cuaternario, ao igual que a do Terciario, realízase a partir de criterios climáticos, que nas actuais zonas mornas e boreais do planeta deron orixe a unha sucesión de fases frías e temperadas que se designan como ciclos glaciarinterglaciar. Na Fase Glaciar predominan as condicións frías ou extrema- damente frías, o xeo acumúlase nas montañas así como nas áreas oceánicas e continentais de maior latitude. A Fase Glaciar pode dividirse en fases frías (estadial) e fases menos frías (interestadial), rexistrándose, pola súa vez, nestas últimas, diferentes subfases. A fase interglaciar mostra habitualmente unha subfase de incremento térmico (Anatérmica), un período de máximo térmico (Óptimo Climático do Interglaciar), na que a superficie dos xeos acumulados nos océanos e nas áreas continentais se reduce drasticamente, e unha fase de detrimento térmico (Catatérmica). A caracterización global das condicións climáticas destes ciclos elabórase a partir das variacións isotópicas de determinados elementos químicos. A caracterización rexional e subrexional tanto do clima como do propio ecosistema debe ter en conta a heteroxeneidade bioxeográfica dos distintos territorios, polo que necesita un abundante número de proxy data derivado de estudos paleobotánicos, paleozoolóxicos e paleoantropolóxicos, apoiados en datos cronolóxicos e sedimentolóxicos. No noroeste ibérico, esta informacióncéntrase maioritariamente en relación coas dúas últimas fases glaciar e interglaciar, o Würm e o Holoceno (Muñoz Sobrino et al. 2005; Ramil Rego et al. 1998, 2008, 2009, 2011; Gómez-Orellana et al. 2007; Ramil Rego 2009a, 2009b etc.).