Banco de Datos

Situación


Situación

Galicia está situada en latitudes medias do hemisferio norte, entre as coordenadas 41º 48' - 43º 47' N, no extremo NE da Península Ibérica. A súa situación xeográfica determina a súa condición de "finis terrae", peculiaridade compartida con outras áreas atlánticas do continente europeo como a Bretaña francesa, Cornualles ou o SW de Irlanda, que conservan unha paisaxe e formas de vida particulares, en certa medida comúns, que se perderon ou están ausentes do resto de rexións ou países limítrofes. Galicia se atopa bañada no súa beira máis occidental polo Océano Atlántico e na súa parte Norte polo Mar Cantábrico, lindando polo seu estremo máis meridional con Portugal e no seu estremo máis oriental con Asturias León e Zamora.
 
Figura: Mapa de Galicia. Instituto Geográfico Nacional (1979).

Polo xeral, Galicia asóciase co intenso verdor da súa paisaxe e o azul dun omnipresente mar, así como cun clima marcado pola incesante chuvia. Non obstante, a pesar destes e doutros tópicos este é un territorio de acusados contrastes físicos. Máis da metade do territorio supera os 400 m de altitude e a orografía está dominada pola alternancia de suaves serras e penichairas con depresións e vales máis ou menos extensos. En termos xerais, as cadeas montañosas son de pouca elevación alcanzándose as máximas altitudes nas serras orientais (Os Ancares, O Courel, Manzaneda ou Queixa, Pena Trevinca), onde se atopa o cumio máis elevado (Pena Trevinca, 2.124 m). Ademais, unha concatenación de modestas serras dispostas de Norte a Sur divide o territorio practicamente pola metade (Cova da Serpe, Serra da Loba, Montes do Careón, Serra do Faro, Serra do Farelo, Montes do Testeiro). Entre as áreas deprimidas destacan as cuncas de Terra Chá, Sarria, Monforte, Maceda, A Limia e Verín.
 
Por outra banda, o clima de Galicia mostra unha forte influencia das masas oceánicas, con matices característicos de mediterraneidade (seca estival) e continentalidade (rigor invernal) manifestados principalmente en certas comarcas das Rías Baixas e vales interiores no primeiro caso, e nas cadeas montañosas orientais no segundo. En xeral, rexístrase unha moderada oscilación térmica e abundantes chuvias invernais como condicións predominantes. Galicia conta cunha liña costeira moi ampla; o Mar Cantábrico baña a costa norte e o Océano Atlántico a costa occidental. O elemento morfolóxico máis característico da súa costa son as rías, antigos vales fluviais inundados polo mar. As máis extensas e profundas son as Rías Baixas (Vigo, Pontevedra, Arousa e Muros-Noia) mentres que as Rías Altas (Corcubión, Camariñas, Laxe, A Coruña, Betanzos, Ares, Ferrol, Cedeira, O Barqueiro, Viveiro e Ribadeo) son máis pequenas e redondeadas.