O relevo de Galicia é o resultado da interacción de factores litolóxicos, a dinámica cortical e a acción dos axentes do modelado ao longo da historia xeolóxica. Dende o punto de vista xeomorfóxico, e de xeito sintético, pódense diferenciar dous grandes dominios: o relevo litoral e o interior. En cada un deles poden identificarse unha serie de subunidades caracterizadas pola combinación de determinados elementos que outorgan ás distintas áreas de Galicia un relevo característico. Nas áreas litorais existen diferenzas importantes derivadas da competencia litolóxica fronte á erosión mariña e do efecto tectónico sobre os distintos fragmentos da codia terrestre.
 |
Mapa: Unidades do relevo de Galicia |
A unidade litoral presenta unha disposición practicamente lineal ao longo do perfil costeiro de Galicia salvo nas partes internas das rías máis importantes, onde algúns elementos morfolóxicos como marismas e esteiros chegan a cubrir importantes extensións que se ven afectadas polas subas e baixadas das mareas. En función da frecuencia con que aparecen diversos elementos morfolóxicos, a costa galega pode dividirse nun total de cinco tramos: Costa Cantábrica, Costa Ártabra, Costa da Morte, Rías Baixas e Costa Miñota.
No relevo do interior de Galicia pódense diferenciar tres grandes subunidades: as depresións sedimentarias, as montañas sublitorais e as montañas interiores. As depresións sedimentarias sitúanse en áreas que sufriron un afundimento durante diferentes fases da oroxenia alpina a favor de redes de fallas e fracturas hercínicas, ou orixinadas en momentos máis recentes (Neóxeno, Plio-Cuaternario). As máis extensas dispóñense na parte oriental, seguindo unha ampla banda que segue o eixe que se dispón entre o N da Terra Chá e o Val de Monterrei (Ourense).
Distribución paralela á sinalada, pero máis occidental, seguen outras pequenas foxas que se atopan entre a localidade de Carballo e Tui, mentres que un terceiro grupo de cubetas situadas no terzo setentrional de Galicia (San Sadurniño, As Pontes, Meirama, Laracha, Boimorto, Melide, Portomarín etc.) alíñanse seguindo a dirección NNW-SSE. Con frecuencia estas depresións enlázanse entre si por medio de superficies aplanadas que se suceden de xeito graduado.
Como o seu nome indica, as montañas sublitorais atópanse na parte continental máis próxima ao litoral e con frecuencia delimitan as depresións que forman parte da unidade anterior. Os principais aliñamentos montañosos que se inclúen nesta unidade son as Serras Setentrionais (serras de Capelada, Forgoselo, Curiscada, Faladoira, Xistral, Carba, Monseivane, Cordal de Neda, serras de Meira e Cuias), as elevacións da Dorsal e os macizos montañosos de Leboreiro, Xurés e Larouco, no límite con Portugal. Nelas poden diferenciarse diversas subunidades en función do grao de encaixamento da rede fluvial e da importancia que os afloramentos graníticos teñen na configuración da paisaxe.
Pola súa banda, as montañas interiores distribúense pola área oriental de Galicia, dende A Fonsagrada ata as terras de A Gudiña, pasando por Os Ancares, O Cebreiro, O Courel, Macizo de Trevinca e Macizo de Manzaneda. Presentan uns importantes desniveis altimétricos así como elementos do modelado, practicamente ausentes do resto de montañas, como son o glaciar e o kárstico. Nalgunhas áreas, o intenso encaixamento da rede fluvial é responsable da formación de profundos canóns, como acontece nos tramos medios e baixos de ríos como o Navea, Xares, Bibei, Sil, Lor, Navia ou Rodil.