Banco de Datos

Hidroloxía


Hidroloxía
 
Segundo Rodríguez Martínez-Conde (2001), á hora de falar da hidroloxía de Galicia convén ter en conta que as augas continentais no seu fluír canalizado sobre a superficie da terra xeran unhas paisaxes cuxas manifestacións máis elementais e importantes son o que coñecemos baixo o nome de "ríos", e con eles as formas de relevo que se coñecen como "vales", resultado da incisión das canles sobre a superficie pola erosión fluvial. Polo tanto, se dunha parte están os fluxos superficiais de auga (os ríos en canto masas de auga que se moven, hidroloxía), doutra está a incisión que estes producen sobre a superficie (trazado, hidrografía). Unha e outra están condicionadas por múltiples factores como son as características morfoestructurais do territorio, os seus trazos climáticos, en particular os pluviométricos, a natureza do terreo, a vexetación e a actuación do home. O dispositivo hídrico de Galicia é o resultado da conxunción de todos eles.
 
A disposición e estruturación do relevo ofrece de modo esquemático unha parte central relativamente chaira, circundada por montañas que unhas veces se sitúan próximas á costa, mentres que outras se afastan dela, deixando entre estas e aquelas zonas aplanadas, polo que os ríos que drenan o seu territorio presentan características distintas en canto ao seu trazado e perfil lonxitudinal. Ao mesmo tempo, o clima temperado húmido, de abundantes precipitacións, favorece a existencia dunha ampla e densa rede de drenaxe, formada por múltiples cursos de auga que dan orixe a outras tantas cuncas hidrográficas de diferentes magnitudes.
 
En xeral, os ríos adoitan ser curtos, de reducida superficie de cunca, salvando fortes desniveis en pouco espazo polo que non é raro que sexan de carácter máis ben torrencial. Estes ofrecen rupturas de pendente no seu trazado, e forman vales estreitos e encaixados. A medida que os relevos se afastan da costa, ou ben nos atopamos con sectores deprimidos nas súas inmediacións, os cursos fluviais fanse máis tranquilos e o seu trazado cambia sensiblemente. Como algún autor sinalou, podería dicirse que en Galicia, vello territorio asociado a un macizo antigo con certa evolución temporal, unha boa parte dos seus ríos xa son vellos nos seus primeiros andares, e posteriormente, en contra do que comunmente adoita suceder, rexuvenécense, como se pode apreciar nos perfís lonxitudinais dalgúns deles, no seu percorrido final.
 
No chafrán atlántico do NW, cando os relevos se afastan da costa, os ríos teñen unha pendente regular (río Anllóns), mentres que se están próximos, presentan unha brusca ruptura cara ao interior (río Eume). Nas Rías Baixas setentrionais as superficies aplanadas derrúbanse sobre a liña de costa, polo que os perfís presentan fortes rupturas de pendente sobre ela (río Xallas) ou nas súas inmediacións (río Tambre); no sector central os perfís ofrecen unha longa evolución (ríos Ulla e Umia); pola contra, nas meridionais a proximidade da Dorsal Galega ao mar proporciona uns perfís máis torrenciais (ríos Lérez e Verdugo). Mención aparte merece o río Miño co seu afluente o Sil, verdadeira arteria mestra de Galicia, que encaixan os seus vales na Galicia interior e dan perfís lonxitudinais moi evolucionados (cf. Rodríguez Martínez-Conde, 2001).
 
Caudais
 
Como consecuencia dos niveis pluviométricos baixo os que se atopa Galicia (uns 1.500 mm anuais), a permeabilidade do substrato rochoso, e a retención presentada polos chans, os ríos galegos son considerados como caudalosos. Isto pode parecer unha esaxeración se se lles compara cos grandes ríos da Península Ibérica (Douro, Ebro, Texo, Guadalquivir). Coa excepción dos ríos Miño e Sil, os demais están moi por debaixo dos volumes de auga sinalados, pero non desdín en nada doutros grandes ríos peninsulares, como o asturiano Nalón, os levantinos Júcar e Segura, ou o catalán Llobregat (cf. Rodríguez Martínez-Conde, 2001).
 
O caudal absoluto ou abundancia absoluta refírese ao volume total de auga evacuado polo río ao longo dun período de tempo; mídese en m3/s ou en Hm3, en cuxo caso se fala de achega. Os ríos máis caudalosos son os que teñen cuncas vertentes máis extensas, dado que o caudal absoluto é directamente proporcional á superficie da cunca. Destaca neste senso o río Miño, que leva entre 1,2 e 1,4 veces un caudal superior ao Sil, o seu inmediato seguidor e algo máis de 5,8 veces que ó Tambre que é o seguinte en canto a caudalosidade. É factible que o río Ulla posúa un maior caudal que o anterior, se ben isto non e posible sabelo a ciencia certa, posto que carece de estación de aforo no seu tramo final (Rodríguez Martínez-Conde, 2001). Os datos coñecidos indican que algúns dos principais ríos de Galicia (Xallas, Eume), a pesar de ser máis pequenos que os citados peninsulares, están entre os valores de referencia dados para estes, seguíndoos de preto outros como o Lérez ou o Limia. A notable distancia quedan xa os restantes ríos que poderiamos considerar como "menores" (Anllóns e Oitavén con case 11 m3/s, Umia e Mandeo por debaixo de 10 m3/s).
 
O caudal relativo ou específico permite establecer comparacións máis axeitadas en relación á caudalosidade dun río. Neste caso, ponse en relación o tamaño da cunca co volume de auga evacuado. Exprésase en l/s/km2 de cunca vertente nun lugar determinado do seu percorrido. Varía de modo directo coa precipitación pero de forma inversa ao tamaño de cunca. É con este parámetro co que é posible verificar o feito de que os ríos de Galicia son caudalosos. A modo de exemplo, os grandes ríos peninsulares teñen na súa desembocadura valores inferiores (o Douro posúe 4,1 l/s/km2, o Ebro 6,4 l/s/km2, o Texo 6,1 l/s/km2 e o Guadalquivir 3,7 l/s/km2), mentres que os ríos galegos están moi por enriba destes valores e calquera deles supera con creces ao máis caudaloso.
 
A escala rexional, o río máis caudaloso en termos relativos non é o Miño, nin o Sil, nin os que viñan a continuación, senón que o é o Xallas (70,82 l/s/km2), seguido do Lérez (64,94 l/s/km2) e do Oitavén (61,08 l/s/km2); é dicir, ríos de cuncas máis pequenas que desembocan nas Rías Baixas. No Norte fano o Mera (52,79) e o Eume (51,07). En todos os casos se trata de ríos que presentan fortes rupturas de pendente no seu perfil lonxitudinal pola proximidade de elevados relevos ao mar, e que actúan como pantallas pluviométricas para as súas cuncas hidrográficas polo que reciben abundantes precipitacións.
 
O último feito a ter en conta é o pequeno valor que alcanza no seu conxunto o coeficiente de irregularidade interanual que vén a indicar as variacións que experimenta o caudal do río no transcurso dun período de tempo; na medida en que os valores se acheguen á unidade sinálannos que hai poucas diferenzas de caudal dun ano a outro, mentres que cando se afastan dela significan o contrario. En Galicia, os valores pódense considerar baixos, por debaixo de 8 (salvo o valor atípico do río Sor, moi superior ao de ríos próximos), que podería ser o límite que nos achegase ao comportamento de ríos máis secos.
 
Réxime fluvial
 
O réxime dun río defínese (Rodríguez Martínez-Conde, 2001), en boa medida, polas variacións do seu caudal ao longo do ano. Para iso, utilízase o denominado coeficiente mensual de caudal, que se obtén dividindo o valor medio do mes polo valor medio do período considerado (caudal anual, caudal modular). A partir dos coeficientes mensuais establécense os períodos de altas augas, cando o seu volume supera o valor medio ou modular, é dicir 1, e de baixas augas cando sucede o contrario. Pódense determinar tamén outros parámetros, como por exemplo a duración do período de altas e baixas augas, valores duns e outros e, finalmente, a súa intensidade.
 
Os ríos de Galicia levan auga ao longo de todos os meses do ano. Salvo nalgúns deles con sectores de cabeceira a considerable altitude, que teñen certa innivación, a súa alimentación débese ás chuvias oceánicas; de aí que se fale dunha alimentación pluvial oceánica, con distintas matizacións segundo as súas cuncas hidrográficas. É de destacar a ausencia de leitos secos ou de estiaxes profundas. Dáse concordancia entre os ritmos pluviométricos e de caudal, con certo atraso ás veces insignificante no tempo: cando máis chove é cando o río leva máis auga.
 
En xeral atopamos que o pico de máximas augas duplica con creces o valor modular, mentres que o de baixas augas, aínda sendo importante, nunca é acusado. A partir da primeira quincena de decembro os ríos alcanzaron xa o seu valor modular e a súa duración chega ata finais de abril ou comezos de maio, se ben nalgúns do sector atlántico do NW o comezo deste período se adianta a novembro, e o de baixas augas a abril. As pequenas diferenzas que se poden perfilar entre os ríos galegos son debidas fundamentalmente a dous tipos de factores: uns de localización-posición, e outros de altimetría-relevo.
 
Os ríos da vertente cantábrica presentan un réxime máis equilibrado, pois os picos de altas ou de baixas augas son os menos pronunciados. O ano hidrolóxico comeza (mes de outubro) con valores próximos á metade de valor modular (0,5), o cal indica un verán húmido; a partir de entón hai un crecemento sostido, ata alcanzar o máximo de febreiro nos sectores máis orientais, e de decembro ou xaneiro nos occidentais. O descenso posterior leva ao período de baixas augas, coas mesmas pautas espaciais anteriores, que xa en xuño descende de forma sostida ata agosto-setembro, onde se rexistran os valores máis baixos.
 
No Golfo Ártabro os trazos contrástanse máis, de forma que o caudal modular comeza con niveis máis baixos, o pico de altas augas de febreiro é máis acusado e pódese adiantar a xaneiro (río Eume), duplicando o valor modular. O incremento ata febreiro ofrece desigualdades espaciais; así os ríos orientais en xaneiro xa duplican o valor modular. En cambio, o descenso ata abril, onde apenas se supera o caudal modular, é máis sostido e sen a penas diferencias. Os caudais mínimos alcánzanse en agosto-setembro.
 
No sector fisterrán hai xa unha variación, anunciadora das Rías Baixas, caracterizada por valores menores pero máis sostidos durante o período de altas augas, sen a agudeza nin as proporcións anteriores, polo que o pico adquire unha forma redondeada semellante aos normais dos medios oceánicos. Ademais, ofrece unha ruptura de pendente no descenso (meses de abril-maio) e, finalmente, a tendencia a adiantar o momento principal de baixas augas a agosto Nas Rías Baixas resulta difícil establecer unha pauta común por varias razóns:
 
Nas Rías Baixas resulta difícil establecer unha pauta común por varias razóns: 1º) as cuncas hidrográficas intérnanse no interior de Galicia co conseguinte descenso pluviométrico; 2º) teñen "grandes" dimensións; 3º) na parte meridional os elevados relevos da Dorsal aproxímanse ao mar e actúan de pantalla pluviométrica, incrementando as precipitacións nas pequenas cuncas do Umia, Lérez e Oitavén. O ano hidrolóxico arranca con valores altos, e o mes de febreiro alcanza, xunto cos ríos da Raia Seca, os valores máis elevados de Galicia. Non obstante, o ascenso ata febreiro non é regular e ofrece máis incremento en decembro. O descenso ata abril é moi acusado. Por último, o verán déixase sentir con bastante claridade.
 
Os ríos da Raia Seca responden moi ben a esta denominación da parte máis meridional de Galicia, onde os trazos mediterráneos se deixan sentir nas marcadas baixas augas do verán. Non obstante, os elevados volumes montañosos fan que a alimentación destes ríos sexa complexa pola interacción de variados factores. Todo iso se traduce nunha curva a forma da cal é a máis contrastada de Galicia. Finalmente, os ríos Miño e Sil posúen unhas características simples, oceánicas (nun contexto amplo).
 
A escala rexional reflicten réximes complexos resultado de múltiples factores. No Miño estamos ante a arteria mestra que articula grande parte de Galicia interior, climáticamente contrastada; abonde sinalar que a súa cabeceira recolle augas da divisoria cantábrica mentres que no seu curso medio percorre sectores relativamente secos. A súa curva de variacións de caudal comeza con similitudes do dominio oceánico para pasar, en Belesar, a uns trazos máis mediterráneos. A partir de Os Peares déixase sentir a influencia do Sil, manifestada con claridade en Frieira. No río Sil os factores son aínda máis complexos, pois nace máis alá dos límites rexionais, na Cordilleira Cantábrica. Percorre grande parte da Galicia meridional, de pegada climática mediterránea; ademais, os seus principais afluentes nacen nas montañas máis altas da rexión onde con frecuencia neva. A súa curva de variacións mantén os trazos a través do seu percorrido por Galicia, e inflúe de modo claro, como dixemos, no comportamento do Miño. Convén, por último, ter en conta a influencia da acción do home na regulación de caudais, por medio da construción de encoros para a produción hidroeléctrica, polo que as curvas de variacións de caudal poden mostrar comportamentos anómalos.
 
Balance hídrico
 
O balance hídrico é a relación que se establece entre as achegas de auga, determinada a partir da precipitación (ou mellor aínda, da precipitación efectiva), e o consumo ou saídas de auga, por evaporación directa do solo ou das superficies de auga e a transpiración das plantas (Soto González & Díaz-Fierros Viqueira, 1996). Cando a demanda supera a oferta hai déficit de precipitación que, segundo a intensidade ou duración, pode afectar máis ou menos á vida vexetal. Cando a oferta supera a demanda, o exceso de precipitación pasa a abastecer de auga ás reservas subterráneas e aos diferentes cursos naturais, e ten lugar o escorregamento superficial que dá orixe aos sistemas hidrolóxicos (Rodríguez Martínez-Conde, 2001).
 
Esta visión do balance hídrico non ten en conta nin os consumos humanos para usos industriais, agrícolas ou domésticos, nin as retencións naturais que se dean na circulación hídrica subsuperficial; adóitase estimar que a retención da cunca pode alcanzar o 50% do exceso mensual de auga. Resulta obvio que uns e outros afectan ao balance final e mesmo ao mensual, porque poden supoñer transferencias de auga duns meses a outros e xerar desfases no balance, así como modificar a influencia final que un determinado balance pode ter sobre os cursos de auga.
 
Os mencionados autores distinguen oito grandes sistemas hidrolóxicos en Galicia, algúns deles subdivididos, onde a coincidencia cos grandes sistemas de drenaxe non sempre se cumpre. O escorreagamento, con mínimos no sistema da Raia Seca e máximos nas Rías Baixas, depende máis da precipitación recollida na cunca hidrográfica que doutros factores como por exemplo a ETP, que ten sempre unha variación menor no conxunto de Galicia. As retencións en cunca non se desvían moito do valor teórico antes sinalado, se ben reflicten unha clara relación de dependencia co tamaño da cunca, salvo para o caso das cuncas cantábricas que mostran valores demasiado altos sen que sexa clara a súa causa pois o substrato rochoso non parece xustificalo suficientemente.
 
As cuncas hidrográficas correspondentes ás Rías Baixas meridionais (cuncas do Umia e do Lérez) son as que presentan os saldos máis altos, mentres que as dos ríos Tambre e Ulla ofrecen valores sensiblemente inferiores. A explicación diso hai que buscala nas características fisiográficas das cuncas, pois mentres que nos primeiros nos atopamos con ríos a cabeceira dos cales está a considerable altitude e en montañas próximas á costa, nos segundos aquelas se internan no interior de Galicia e percorren territorios situados a menor altitude. Parecido ao caso das Rías Baixas meridionais é o da cunca do río Eume. En contraste co anterior e no extremo oposto están os grandes colectores de Galicia, as cuncas dos ríos Miño e Sil que drenan áreas máis secas, ao igual que sucede co Limia.
 
A perda de auga, expresada como déficit de escorrenta ou diferenza entre a precipitación recibida da cunca e a achega do río que a drena, matiza a diferenciación espacial aludidal. No Norte a perda é moi pequena, por debaixo do 30%. No Golfo Ártabro, os valores son algo superiores, e estes crecen un pouco cara a Fisterra. Nas Rías Baixas varía moito duns sectores a outros, como por exemplo entre as cuncas do Umia e Lérez, limítrofes entre si, e niso inflúe a litoloxía granítica, a fracturación do substrato e a pendente das superficies drenadas. En cambio, a Galicia interior ofrece no seu conxunto maiores valores de perda nas cuncas do Miño e do Sil, debido sen dúbida á incidencia da evaporación, que se une aos factores mencionados; así a cunca do Miño pasa do 35,2% de perdas en Rábade a 51,8% en Ourense, mentres que o Sil se mantén en valores máis homoxéneos, aínda que altos, no seu desenvolvemento. Non obstante ao longo do ano a importancia da auga é considerable ata o extremo de que salvo nos meses estivais se pode falar dun exceso de auga no chan, polo que o valor anual do balance hídrico sempre é moi positivo, e as variacións mensuais da auga útil para o escorregamento son moi parecidas nas diversas cuncas fluviais. As diferenzas radican, sobre todo, en dúas cuestións: os valores que se alcanzan e o momento no que teñen lugar.