Banco de Datos

Clima


Clima

A bioclimatoloxía é a parte da climatoloxía que estuda as causas climáticas da distribución dos seres vivos na Terra. A escala mundial é coñecida a importancia que determinados parámetros climáticos, como os rangos de temperatura e precipitacións anuais, teñen sobre a estrutura e composición florística da cuberta vexetal que, á súa vez, é o soporte fundamental das cadeas tróficas nas áreas emerxidas do Planeta. O coñecemento das relacións que existen entre estes parámetros e a distribución de especies e comunidades vexetais considérase fundamental para valorar correctamente a riqueza e particularidades bioxeográficas das diferentes áreas continentais. Para iso, desenvolvéronse distintas clasificacións bioclimáticas de entre as cales se elixiu, pola súa especial adaptación á área xeográfica galega, a proposta por Rodríguez Guitián & Ramil Rego (2007) que aplica a metodoloxía de Rivas-Martínez (2007) no ámbito galego usando como referencia os datos climáticos tomados de 209 estacións meteorolóxicas situadas no territorio galego e áreas limítrofes asturianas, castelán-leonesas e portuguesas.
 
Macroclima
 
Segundo a "Clasificación Bioclimática Mundial" proposta por Rivas-Martínez et al. (2002), Galicia é un territorio comprendido dentro da cintura latitudinal a través da que se estende o denominado "Macroclima temperado", caracterizado pola ausencia ou escasa incidencia de seca estival. Intercalado dentro do intervalo latitudinal comentado, en diferentes áreas do Planeta atópase o "Macroclima Mediterráneo", diferenciable do primeiro pola existencia dun período de máis de dous meses de seca durante a estación de temperaturas medias mensuais máis elevadas (verán).
 
En función dos datos climáticos dispoñibles, pódese afirmar que dentro do territorio galego se dan ambos os dous tipos de macroclimas, se ben a súa repartición é moi desigual. A maior parte do territorio galego presenta características climáticas propias do macroclima temperado, que se distribúe de xeito xeral pola metade setentrional de Galicia e polas áreas montañosas sublitorais e interiores máis elevadas e próximas ao Océano Atlántico da meridional. Ademais, nas áreas costeiras, nas depresións interiores e nas montañas do extremo suroriental detéctase a tendencia cara a unha seca estival pouco acentuada, o que permite a súa inclusión na variante submediterránea do macroclima temperado. Por último, nunha pequena superficie do cuadrante suroriental de Galicia (tramo galego do Río Sil e uns pequenos enclaves no límite con Portugal) maniféstase un período de seca estival o suficientemente prolongado como para considerarse representado o macroclima mediterráneo.
 
Datos da estación meteorolóxica de Lugo. Fonte: AEMET.
 
Climograma Lugo. Fonte: Climate-Data.

Bioclima
 
Como é sabido, as masas de auga mariña exercen un efecto temperante no clima das terras emerxidas que as circundan, observándose unha tendencia progresiva á continentalización conforme nos afastamos das costas, evidenciable polo incremento da amplitude térmica (diferenza entre as temperaturas medias do mes máis frío e do mes máis cálido). Este fenómeno permite explicar a distribución preferentemente costeira de determinados grupos florísticos e comunidades vexetais pouco tolerantes aos climas termometricamente contrastados, a presenza e desenvolvemento dos cales non é posible en áreas interiores.
 
O grao de influencia das masas oceánicas no clima se pondera a partir do denominado "índice de continentalidade" (Ic), equivalente á amplitude térmica media anual, determinada a partir da diferenza de temperaturas medias mensuais dos meses máis cálido e máis frío. Segundo os valores que alcance este parámetro é posible diferenciar dentro dalgúns macroclimas, entre os que se atopan o temperado e o mediterráneo, variantes ou bioclimas fortemente influenciados polas masas oceánicas (bioclima hiperoceánico) doutros nos que a oscilación das temperaturas é maior (bioclima oceánico, variantes euoceánica e semicontinental). No caso de Galicia obsérvase que as áreas próximas ao Mar Cantábrico e ao Océano Atlántico se atopan baixo un bioclima de carácter hiperoceánico, con temperaturas medias mensuais que sofren variacións pouco marcadas ao longo do ano. Pola súa banda, a Galicia interior presenta xa certo carácter continental, dado que os invernos son algo rigorosos e os veráns tenden a ser máis calorosos que nas costas. Estes feitos son especialmente salientábeis nas depresións e macizos montañosos do oriente ourensán, nos que o bioclima é de tipo semicontinental (Rodríguez Guitián & Ramil Rego, 2007).
 
Termotipos (Pisos bioclimáticos)
 
Enténdese como termotipo ou piso bioclimático, un intervalo altitudinal caracterizado por uns valores termométricos determinados, ao que se asocia un ou varios tipos de vexetación característicos. O número e distribución altitudinal de intervalos termométricos definibles é diferente nos distintos tipos de macroclimas e variantes bioclimáticas, establecéndose para o caso da Península Ibérica un total de cinco en áreas baixo macroclima temperado e seis nas mediterráneas. Segundo os datos climáticos dispoñibles Rodríguez Guitián & Ramil Rego (2007) admiten para Galicia a existencia de catro termotipos temperados (termotemperado, mesotemperado, supratemperado e orotemperado) e dous mediterráneos (mesomediterráneo e supramediterráneo).
 
A distribución xeográfica dos distintos termotipos presenta unha boa correlación coa dalgúns taxóns vexetais de maneira que, en ausencia de estacións meteorolóxicas, é posible determinar de xeito bastante aproximado o piso bioclimático dun determinado territorio examinando en detalle a súa flora.
 
O termotipo termotemperado esténdese de forma ininterrompida ao longo dos territorios costeiros de Galicia e penetra cara ao interior a través dos fondos de val e pequenas depresións sublitorais ata cotas de aproximadamente 150-200 m de altitude na metade setentrional, mentres que alcanza progresivamente altitudes superiores cara ao S, superando os 300 m de altitude nas zonas internas das cuncas que desembocan nas Rías Baixas, no tramo medio e inferior do Río Miño, e na parte final da do Río Sil a partir da súa unión co Cabe. Salvo algunhas localidades especialmente cálidas situadas no litoral das Rías Baixas, que se poden incluír no horizonte inferior, o resto dos territorios termotemperados atópanse dentro do horizonte superior. Neste piso bioclimático a penas se rexistran xeadas invernais sendo a súa probabilidade de ocorrencia dun ou dous meses ao ano, o que permitiu un aproveitamento dos terreos agrícolas de xeito practicamente continuado así como o cultivo de especies tropicais e subtropicais (viña, cítricos, kiwi, kaki, palmáceas, etc.) tanto con finalidade produtiva como ornamental, dende tempos remotos. Taxóns autóctonos indicadores deste piso bioclimático en Galicia son Quercus suber, Osyris alba, Cistus salviifolius, Smilax aspera, Prunus lusitanica e Daphne gnidium.
 
O termotipo mesotemperado é o máis amplamente distribuído por Galicia e dentro del pódense distinguir dous horizontes: inferior e superior. O primeiro sitúase inmediatamente por enriba do termotemperado ata niveis que oscilan entre os 400-450 m na metade setentrional e arredor dos 550-600 na meridional, mentres que o segundo non adoita superar os 700-800 m en practicamente todo o territorio galego, se se exceptúan as montañas orientais ourensáns, nas que o efecto de continentalidade provoca un ascenso apreciable das temperaturas estivais e permite a súa extensión ata altitudes próximas aos 1.000-1.100 m.
 
Neste piso bioclimático xa se rexistran condicionantes climáticos severos para o cultivo de numerosas especies de carácter termófilo, se ben o grao de limitación pode variar sensiblemente entre os dous horizontes descritos en función da incidencia doutros factores climáticos (nebulosidade, repartición estival da precipitación, grao de continentalidade). Taxóns indicadores do horizonte mesotemperado inferior, tamén presentes polo xeral dentro do termotemperado, son Cistus psilosepalus, Arbutus unedo, Rubia peregrina, Laurus nobilis e Adenocarpus lainzii; alcanzan o límite superior da súa distribución natural no horizonte superior deste piso bioclimático taxóns como Castanea sativa, Quercus robur, Ulex europaeus, Tamus communis e Ruscus aculeatus, entre outros.
 
Os territorios supratemperados galegos abranguen un reducida extensión en comparación con outras áreas setentrionais da Península Ibérica, cinguíndose ás cotas máis elevadas dos sistemas montañosos que conforman a denominada Dorsal Galega e as Serras Setentrionais, Orientais e Meridionais. Na parte central de Galicia o límite inferior deste piso bioclimático adoita atopar arredor dos 750-800 m de altitude, nivel que descende ata preto dos 650 m nas serras máis elevadas do macizo de O Xistral mentres que, contrariamente, ascende ata superar, como xa se sinalou anteriormente, os 1.000-1.100 m, nas serras do centro-oriente ourensán.
 
Como no caso do piso mesotemperado se poden diferenciar dous horizontes, un inferior que contacta co mesotemperado superior e esténdese aproximadamente ata os 1.200-1.350 m, e outro (supratemperado superior) dende esta cota ata os 1.650-1.700 m. Aínda que este piso bioclimático está representado en case todos os sistemas montañosos de Galicia, é nas montañas orientais e nas meridionais ourensáns onde cobre unha maior extensión. O período libre de xeadas neste piso bioclimático é moi reducido, sobre todo no horizonte superior, o que limitou tradicionalmente a existencia de asentamentos humanos neste termotipo ás áreas de clima máis benigno situadas dentro do horizonte inferior. Consecuentemente, os aproveitamentos tradicionais destes territorios limitáronse ao pastoreo estacional con gando vacún, cabalar, ovino e caprino e o abastecemento de leñas para combustible e madeira con finalidade construtiva. Diversas especies vexetais atopan en Galicia o óptimo ambiental para o seu desenvolvemento nas condicións bioclimáticas características deste termotipo. Entre elas pódense destacar Aconitum neapolitanum, Actaea spicata, Corydalis cava, Daphne laureola, Fagus sylvatica, Galium odoratum, G. rotundifolium, Paris quadrifolia Quercus petraea, Ranunculus platanifolius, Salix caprea, Sorbus aucuparia ou Taxus baccata.
 
Nos macizos montañosos máis elevados de Galicia obsérvase que a vexetación arborada de carácter climácico adquire progresivamente un menor talle e un porte máis tortuoso conforme se aproxima a unha cota comprendida entre os 1.650-1700 m, a partir da que practicamente se extinguen as árbores.
 
A desaparición en altitude da vexetación arborada por imperativos climáticos é característica do piso orotemperado e débese á grande amplitude anual que presenta o período con probabilidade de xeadas e a uns valores baixos da temperatura media anual. A pesar de que dentro do territorio galego non existen estacións meteorolóxicas por enriba de 1.500 m de altitude, as situadas en localidades montañosas de comunidades autónomas limítrofes permiten establecer a existencia deste piso bioclimático, aínda que cunha representación espacial moi restrinxida, no cordal de cumios da Serra de Ancares, o sector culminante do Macizo de Queixa e a área sobranceira das serras de Trevinca- Segundeira. Determinados tipos de vexetación, que de forma natural se atopan nestas montañas, como os piornais orófilos de Genista obtusiramea e Cytisus purgans, as formacións de xenebreiras rastreiras con arando negro (Vaccinium uliginosum) e diversas comunidades herbáceas quinófilas permiten, en ausencia de datos climáticos, delimitar con certa precisión a extensión deste termotipo en Galicia.
 
Dentro das áreas de macroclima mediterráneo existentes en Galicia considéranse representado unicamente o termotipo mesomediterráneo. Este termotipo esténdese, por medio do seu horizonte superior, ao longo do tramo galego do Río Sil e da súa rede de tributarios (Casaio, Bibei, Xares, Návea, Soldón, Quiroga, Lor) ata a súa unión co Río Cabe, en plena Ribeira Sacra, englobando as vertentes e fondos de val situados por debaixo dos 650-700 m de altitude. Pequenos enclaves pertencentes a este mesmo piso bioclimático atópanse en diversos vales tributarios dos ríos Tea e Támega, no S de Galicia.
 
Estes territorios presentan, salvo no fondo das depresións de Valdeorras e Quiroga, un relevo abrupto con abundancia de afloramentos rochosos que impiden un aproveitamento agrícola intensivo e reforzan, dende o punto de vista edáfico, a seca estival climática que os caracteriza.
 
A situación abrigada con respecto aos ventos dominantes destes territorios favorece a existencia de fenómenos de inversión térmica durante o inverno e a do conseguinte período de xeadas, que se inicia a finais do outono e se prolonga ata o principio da primavera. Estas limitacións climáticas, unidas ás que presenta o recurso chan, obrigaron á construción dunha cantidade inxente de bancais ou "sucalcos" nos que se viñeron cultivando, dende fai centurias, plantas leñosas como a vide, o castiñeiro e a oliveira, especies que, despois dun período de declive rexistrado a mediados do pasado século, se atopan actualmente en recuperación. Paralelamente, e tendo en conta a escaseza de áreas aptas para a produción de feo, a gandería máis estendida foi a de gando menor (ovellas, cabras) que atopaba abundante pasto principalmente nas áreas desarboradas próximas aos pobos.
 
A elevada termicidade que se rexistra nestes territorios, xunto á baixa achega pluviométrica que se produce entre maio e setembro, favorece a presenza de plantas adaptadas a estas condicións entre as que se poden destacar a aciñeira (Quercus ilex subsp. ballota), a sobreira (Q. suber), o érvedo (Arbutus unedo), as lentellas (Phillyrea angustifolia, Ph. latifolia), o escornacabras (Pistacia terebinthus) ou o pradairo de Montpellier (Acer monspessulanum), entre outras moitas especies.
 
Ombrotipos
 
Un parámetro que inflúe de xeito decisivo na distribución das formacións vexetais é a relación existente entre o réxime de temperaturas e de precipitacións ao longo do ano. Este aspecto é abordado na clasificación de Rivas-Martínez et al. (2001) a través da determinación dos denominados ombrotipos, para cada un dos cales, como no caso dos termotipos, adoitan diferenciarse senllos horizontes inferior e superior. Con relación á parte temperada de Galicia, os datos climáticos manexados permiten establecer a existencia de catro tipos ómbricos: subhúmido, húmido, hiperhúmido e ultrahiperhúmido.
 
O tipo húmido é o máis amplamente representado ocupando o seu horizonte inferior grande parte das zonas baixas litorais, vales sublitorais e depresións interiores (Terra Chá, Terra de Lemos, Maceda, A Limia). Pola súa banda, no horizonte superior inclúense a maioría das áreas montañosas setentrionais e as terras suavemente onduladas das cabeceiras do Tambre e Ulla. Igualmente pertencen a este tipo ómbrico outras áreas elevadas das Serras Meridionais Ourensás e montañas medias das Serras Orientais de Lugo.
 
O ombrotipo hiperhúmido esténdese basicamente polas comarcas de Fisterra- Bergantiños no NW de Galicia, así como polas partes altas das serras, tanto da Dorsal como das Setentrionais, Orientais e Meridionais. Por último, o ombrotipo ultrahiperhúmido está representado exclusivamente na Serra do Xistral, os sectores culminantes das serras fronteirizas entre Pontevedra e Ourense, e nos cumios das serras de Leboreiro, Xurés, Queixa e Trevinca.
 
O ombrotipo subhúmido está asociado basicamente a áreas que se atopan protexidas dos ventos outonais e invernais cargados de humidade, como acontece na Mariña Lucense ou en comarcas nas que o descenso de achega hídrica na época estival é máis acusado, caso das partes máis externas das Rías Baixas, a cunca media e baixa do Río Miño, grande parte da cunca do Cabe (Terra de Lemos) e grande parte das comarcas de Verín e Riós. Dentro dos territorios mediterráneos, as áreas baixas de Valdeorras reciben os valores mínimos de precipitación anual, o que unido á súa elevada termicidade, fai que presenten un ombrotipo subhúmido inferior, mentres que o resto de comarcas se inclúen no horizonte superior deste ombrotipo.