Elementos relevantes da xeodiversidade: Galicia
A normativa estatal (Lei 42/2007) establece o Inventario Español de Lugares de Interese Xeolóxico co obxectivo de catalogar as estruturas, formas e depósitos xeolóxicos senlleiros, considerando as súas características mineralóxicas, sedimentolóxicas, estratigráficas, xeomorfolóxicas, paleobiolóxicas, ou edafolóxicas. A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, no seu artigo 25.4 crea o Inventario Galego de Lugares de Interese Xeomorfolóxico.
Lei 5/2019, do 2 de agosto.
Artigo 25.4.- Créase o Inventario galego de lugares de interese xeomorfolóxico como rexistro público de carácter administrativo dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.
Neste inventario incluirase a información actualizada sobre todos os espazos de carácter xeomorfolóxico situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os requisitos establecidos na normativa básica estatal para a súa inclusión no Inventario español de lugares de interese xeomorfolóxico. A Administración autonómica comunicará a información recollida neste inventario, para os efectos do seu reflexo no Inventario español de lugares de interese xeomorfolóxico.
Atopámonos pois con dous inventarios diferenciados no seu obxectivo, o Estatal, que catalogaría todo tipo de elemento xeolóxico singular, mentres que o galego soamente catalogaría os elementos xeomorfolóxicos. Esta dicotomía, supón que a normativa galega non contempla a posibilidade de inventariar elementos da xeodiversidad que resulten singulares polas súas características mineralóxicas, sedimentolóxicas, estratigráficas, paleobiolóxicas, ou edafolóxicas.
A esta exclusión, habería que unir a referencia equivoca a un suposto I
nventario español de lugares de interese xeomorfolóxico, que ata a data non foi creado polo organismo estatal competente, nin se contempla na normativa estatal, nin no Plan estratéxico estatal do patrimonio natural e da biodiversidade.
1.- Lugares de Interese Xeolóxico
Aínda que Galicia carece dun Inventario Galego de Lugares e Interese Xeolóxico e a súa elaboración non esta contemplado na normativa vixente (Lei 5/2019), existe unha información preliminar sobre os lugares de interese xeolóxica recollida no Inventario Español de Lugares de Interese Xeolóxico.
 |
Inventario Español de Lugares de Interese Xeolóxico (IELIG). Lugares catalogados no NW de España. Imaxe esquerda: GEOSITES. Imaxe dereita: Lugares de Interese Xeolóxico. Fonte: IGME (Consultada: 2025/04). |
O Inventario Español de Lugares de Interese Xeolóxico (IELIG) inclúe 4 Global Geosistes tres deles se corresponden co contexto “Oróxeno Varisco Ibérico” e o seu principal interese é o tectónico (OV-02 Pregues tombados da Serra do Courel, OV-03 Zona de cizalla basal do manto de Mondoñedo e OV-04 Complexo de Cabo Ortegal) mentres que o derradeiro (RF-04 Fervenza de Ezaro) sitúase no contexto da “Rede Fluvial, rañas e releves apalachianos do Macizo Ibérico” e o seu principal interese é o xeomorfolóxico. Xunto con estes lugares de importancia internacional foron identificados 45 lugares de Interese Xeolóxico de importancia rexional ou local (22 na provincia de A Coruña, 10 na de Lugo, 7 en Ourense e 6 en Pontevedra).
2.- Lugares de interese xeomorfolóxico
A Lei 5/2019 contemplaba a elaboración dun Inventario de Lugares de Interese Xeomorfolóxico (art. 25.4). Transcorridos máis de 5 anos da aprobación desta Lei o inventario aínda non foi adoptado normativamente, a pesar da existencia dun documento científico elaborado no ano 2008 por Pérez-Alberti & López Bedoya, no que se formulaba a primeira Listaxe de Lugares de Interese Xeomorfolóxico de Galicia (Pérez-Alberti & López Bedoya, 2008).
Os autores desta primeira Listaxe de Lugares de Interese Xeomorfolóxico resaltan na introdución de seu traballo que a Xeomorfoloxía ten por obxecto a descrición das formas superficiais para explicar a súa xénese e a influencia que estas teñen nas actividades humanas, baseándose na clasificación xenética das formas do relevo. A xeomorfoloxía é a ciencia fundamental para valorar e estudar a xeomorfodiversidade. O tradicional desequilibrio de interese entre os seres vivos e o patrimonio inerte provén, en grande medida, da falla de comprensión social sobre o seu significado. Só a espectacularidade dalgunhas formas, a beleza dalgunhas paisaxes, logrou achegarse ó convencemento colectivo da necesidade de protexer o patrimonio xeomorfolóxico (Pérez-Alberti & López Bedota, 2008).
Na elaboración da Listaxe de Lugares de Interese Xeomorfolóxico de Galicia, os autores tiveron en conta tanto os valores científicos como estéticos, sen esquecer a representatividade destes espazos para a comprensión da historia xeolóxica e a evolución xeomorfolóxica do territorio galego. Nesta Listaxe inclúense 67 lugares que foron escollidos, analizados e valorados para a futura “Rede de Espazos de Interese Xeomorfolóxico de Galicia” e 32 lugares denominados como “Outros espazos de interese xeomorfolóxica de necesaria valoración e protección” (Pérez Alberti & López Bedoya, 2008).
Entre os elementos de interese xeomorfolóxico recollidos no Inventario de lugares de interese xeomorfolóxico (Pérez Alberti & López Bedoya, 2008) se inclúen formas de acumulación e formas de erosión. Entre as formas de acumulación se inclúen depósitos costeiros que poden ser depósitos antigos costeiros (depósitos de orixe fría, praias antigas e dunas fósiles) ou depósitos costeiros actuais ou subactuais (cordóns dunares, dunas móbiles non vexetadas, dunas remontantes, dunas en chaira, mantos eólicos e formas intermareais dominadas por limos e arxilas) e depósitos continentais, que do mesmo xeito que os depósitos costeiros poden ser depósitos continentais antigos (cuñas de xeo ou estruturas cilíndricas, estruturas cilíndricas fósiles de orixe glaciar e periglaciar, cuñas de xeo fósiles, depósitos glacio lacustres, depósitos fluvioglaciares, morrenas, till, glaciares rochosos, morrenas de neve e depósitos de terrazas fluviais) e depósitos continentais subactuais ou actuais.
Entre as formas de erosión se inclúen formas rochosas acantiladas que poden ser costeiras (cantís, arcos rochosos, furnas, galerías, bufadeiros, farallóns e illotes) e continentais (crestóns cuarcíticos, cristas, cantís ou riscos de materiais metamórficos ou ígneos e covas); modelado cárstico (covas, megaformas e mesoformas de degradación cárstica, lapiaces e dolinas e uvalas) e formas menores en materiais metamórficos ou ígneos, na costa ou no interior (alveolizacións, pías, cacholas e covas).
Estes diferentes elementos se reparten en 5 tipos de dominios xeormorfolóxicos: dominio costeiro (costas abertas e costas de rías), dominio fluvial (vales fluviais abertos, vales fluviais encaixados e depósitos fluviais antigos e subactuais), dominio montañoso (áreas con pegadas glaciarias, áreas con pegadas periglaciarias, vales de orixe glaciar ou mixta e sistemas cársticos das bandas calcarias do oriente galego); dominio das depresións tectónicas interiores (área de depósitos sedimentarios de orixe terciaria, área de depósitos sedimentarios de orixe cuaternaria, áreas de relevos residuais resistentes ás paleoerosións, relevos graníticos, relevos metamórficos e relevos cársticos e paleocársticos) e dominio das superficies antigas de aplanamento continentais (áreas de relevos residuais resistentes ás paleoerosións, relevos graníticos, relevos metamórficos e relevos cársticos e paleocársticos). (Pérez Alberti & López Bedoya, 2008).