Actividades

VIII Edición dos premios de investigación Rafael Crecente



VIII Convocatoria dos Premios “Rafael Crecente” a  Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial
 
 
Base da convocatoria: 2025
Aprobadas pola Xunta de Goberno do IBADER
Sesión: 2025/02
 
 
1.- Obxectivo.
 
Estes premios teñen como obxectivo impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.
 
2.- Participantes.
 
Poderán participar nesta convocatoria: a) De forma individual, todas aquelas persoas que  obtiveran a súa titulación universitaria (Grao, Máster ou Tese de Doutoramento) nos últimos 10 anos, tomando como referencia a data límite de entrega de propostas á presente convocatoria.

b) De forma colectiva, dúas ou máis persoas poderán presentar os seus traballos a condición de que o primeiro asinante cumpra os criterios establecidos no punto anterior.
 
No caso do alumnado que estea a cursar un Dobre Grao e non teña aínda titulación por non ter rematados os dous tras as correspondentes defensas de ambos TFG, se un deles xa o ten aprobado, poderá admitirse a súa participación.
 
Non poderán presentarse a esta convocatoria aquelas persoas que fosen galardoadas en anteriores edicións destes mesmos Premios.
 

3.- Carácter dos premios.
 
Concederanse dous premios, un primeiro e un segundo, co recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha contía económica de 2.000,00 € e 1.000,00 € respectivamente. A dotación dos premios farase a través da partida orzamentaria do IBADER-USC.
 
As propostas premiadas poderán difundirse parcial ou completamente a través dos medios de difusión que se designen polos organizadores dos premios.
 
4.- Prazos.
 
Con data de 3 de marzo de 2025 abriuse o prazo para presentación de propostas sendo o 20 de setembro de 2025 a data límite para a recepción de candidaturas. O fallo, emitido polo Consello Científico do IBADER, farase público preferiblemente no transcurso do mesmo ano académico coincidente coa convocatoria. O acto formal de concesión dos premios terá lugar en data e lugar que serán anunciados oportunamente
 
5.- Presentación das propostas.
 
A proposta remitida polos candidatos deberá constar da seguinte documentación:
 
a) Memoria
 
As persoas candidatas deberán enviar unha proposta innovadora no ámbito do desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial ao correo electrónico premio.rafaelcrecente@usc.es, en formato pdf.
 
As propostas poderán corresponder a un traballo académico (Traballo Fin de Grao, Traballo Fin de Master, Tese de Doutoramento) presentado polo seu autor ou polo seu autor e os seus directores, nos que o autor deberá cumprir o establecido no punto 2.
 
Igualmente, poderanse presentar ideas orixinais, traballos técnicos, iniciativas ou proxectos en fase de proposta ou xa executados, onde o autor ou autores deberán destacar o seu carácter novidoso, explicando onde reside a compoñente de innovación e en que medida a proposta contribúe á iniciativa máis aló do xa existente. Nesta segunda modalidade débese igualmente cumprir os aspectos sinalados no punto 2.
 
Aínda que os premios buscan ideas innovadoras que poidan inspirar e mellorar a xestión territorial en Galicia, o ámbito das propostas non se circunscribe á devandita comunidade autónoma. Neste sentido acéptanse propostas de fóra deste territorio, a condición de que se detalle e faga referencia explícita á súa aplicabilidade e/ou viabilidade para o contexto galego. Por exemplo, indicando en que medida a proposta é replicable en Galicia, cal pode ser a achega da idea ao contexto galego, que factores poden favorecer ou dificultar a súa aplicabilidade, etc.
 
Recoméndase que a memoria explicativa teña extensión máxima de 100.000 caracteres, sen contar os espazos, e tamaño A4. Poderá presentarse en galego ou castelán, e incluirá un resumo en galego, castelán e inglés dun máximo de 150 palabras.  No caso dos traballos académicos (de Final de Grao, Máster, Tese) poderá presentarse a memoria orixinal, aínda que se a idea presentada non se corresponde coa totalidade do recollido no traballo, senón con algunha das súas partes ou conclusións, dita memoria debería adxuntarse como un Anexo e centrar o tema nunha Memoria breve específica.
 
b) Ficha resumo
 
Complementariamente á memoria descrita no parágrafo anterior, todas as persoas candidatas deberán achegar á mesma unha ficha resumo de dúas páxinas, tamén en A4 e empregando a plantilla proporcionada. Na ficha farase unha breve descrición do proxecto de forma esquemática e visual, incluíndo diagramas, fotografías ou outros elementos gráficos de apoio. Dita ficha resumo terá unha finalidade divulgativa.
 
c) Anexo I
 
Deberase cumprimentar o formulario que se xunta no Anexo I da presente convocatoria, indicando os datos persoais  dos  participantes.
 
d) Currículum vitae
 
Achegar un  curriculum vitae resumido de dúas páxinas de extensión máxima, no que conste expresamente a denominación ea data de obtención do título universitario (Grao, Máster ou Tese de Doutoramento) co que acceden á convocatoria.
 
e) Titulo ou certificación académica
 
Finalmente, e en liña co anterior, as as persoas candidatas deberán adxuntar copia do título (ou certificación académica de  ter superados os créditos que conducen á obtención dun dos títulos, no caso de ser alumnado dun Dobre Grao....). As persoas candidatas solicitarán confirmación da correcta recepción dos documentos enviados.
 
6.- Comité avaliador.
 
O Consello Científico do IBADER desempeñará as funcións de Comité avaliador das propostas, contando para elo co asesoramento dunha Comisión Externa de expertos, que trasladará as súas propostas a este Consello Científico.
 
O Consello Científico do IBADER terá a potestade de interpretar as bases da presente convocatoria. E de ser necesario, poderá modificar os prazos de entrega das propostas, modificación que será publicada na web do IBADER, e difundida por distintos medios.
 
O Consello Científico aprobará unha lista priorizada dos traballos presentados, indicando nela os correspondentes ao primeiro e segundo premio. Así mesmo, á vista da calidade dos traballos, poderá formular unha mención honorífica a aqueles que considere de especial interese. O ditame do Consello Científico será comunicado aos participantes. As decisións deste Comité avaliador serán inapelables.

Ante a publicación do fallo do concurso por parte do Consello Científico do IBADER, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte á data de publicación oficial no taboleiro de anuncios electrónico, de conformidade cos artigos 46 e 8 da Lei da Xurisdición Contencioso Administrativa, aprobada por Lei 29/1998, do 13 de xullo. Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que o ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en tanto non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao amparo dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
 
7.- Criterios de valoración.
 
O Comité avaliador analizará a orixinalidade, así como a calidade científica e/o técnica da proposta. Considerando, entre outros aspectos, a súa aplicabilidade, a súa posible contribución no uso racional e sostible do territorio e dos recursos naturais, a súa vinculación co desenvolvemento do medio rural e a mellora da calidade de vida. Así mesmo, valorarase a calidade expositiva e a claridade do documento presentado.
 
Con respecto aos traballos de ámbitos territoriais alleos ao galego, a maiores do anterior, terase en conta a viabilidade e aplicabilidade en Galicia.
 
8.- Dereitos das persoas candidatas.
 
Os dereitos de propiedade intelectual serán dos seus autores con excepción dos dereitos de difusión, que corresponderán ás entidades convocantes destes premios.
 
Así, as entidades convocantes deste premio poderán divulgar por calquera medio audiovisual as propostas presentadas, e en particular a ficha resumo e as imaxes descritas no apartado 5 das presentes bases. Como mínimo, farase difusión na web dos premios (http://laborate.usc.es/). Indicarase en todo momento a autoría das propostas innovadoras, informando sobre os dereitos de propiedade intelectual asociados ás mesmas.
 
9.- Aceptación das bases.
 
Os participantes aceptarán incondicionalmente as bases da presente convocatoria.