UNESCO Chair: IBADER



A UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) é un organismo especializado da ONU que busca promover a paz e a seguridade a través da cooperación internacional nestes campos. Fundada en 1945, ten como misión contribuír ao desenvolvemento sostible, o diálogo intercultural e o respecto dos dereitos humanos mediante programas educativos, científicos e culturais
 
En 1992 a UNESCO creou o Programa de  UNITWIN - UNESCO Chair [“Irmandamento e Interconexión de Universidades” (University Twinning and Networking, UNITWIN) e “Cátedras UNESCO” (UNESCO Chair)], co fin de crear unha rede a escala internacional para a promoción da cooperación interuniversitaria, a mobilidade académica e a transferencia de coñecemento. O programa UNITWIN & Cátedras UNESCO, reúne aquelas unidades de docencia e investigación establecidas en universidades, institucións de ensino superior ou centros científicos que destaquen pola súa excelencia académica e que compartan os obxectivos da UNESCO.
 
As cátedras UNESCO están especializadas nunha temática e teñen como obxectivo posibilitar a transferencia de coñecemento entre distintas universidades de todo o mundo. As materias tratadas abarcan calquera rama da ciencia, a tecnoloxía, as enxeñerías, as ciencias sociais e humanas, a paz, a democracia, os dereitos humanos, as ciencias da educación, a cultura ou a comunicación. Desde 1992, o programa creceu ata incluír máis de 1.000 Cátedras UNESCO e 45 redes UNITWIN en máis de 120 países, promovendo a cooperación internacional e o intercambio de coñecementos.
 
No ano 2024 a Universidade de Santiago iniciou o proceso para a designación dunha Cátedra UNESCO adscrita ao IBADER. A proposta foi avaliada inicialmente pola Comisión Nacional Española de Cooperación con la UNESCO, obtendo unha valoración positiva en abril do 2025. Tras o cal iniciouse un proceso de verificación e avaliación internacional levado a cabo a través dunha comisión especializada do programa UNITW/Cátedras UNESCO. En novembro de 2025, a UNESCO comunicou oficialmente á Universidade de Santiago de Compostela a designación da: UNESCO Chair Atlantic Biosphere Reserves: Biodiversity, Green Infrastructure and Rural Development.