Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega
Typus 19. Casamata
En ocasións a destrución dos elementos paisaxísticos singulares non culminan coa construción dunha torre, senón que no seu lugar se configura unha estrutura semellante a unha casamata de grosas placas de formigón que esconden distintos niveis subterráneos. En superficie soamente son visibles pequenas torres mal disimuladas en distintos tipos de alpendres e elementos artificiais. Para incrementar o impacto visual a superficie do chan recóbrese con plaquetas de cemento, e nos pobos máis ricos, substitúense estes elementos por aburridas plaquetas de granito ou de cerámica, similar ás empregadas en moitos WC. O conxunto culmina coa colocación de varios elementos verdes, xeralmente exóticos e torturados por un excesivo celo dos xardineiros.
Moitas casamata construíronse sobre o antigo Campo da Feira de pobos e vilas. Espazo multifuncional por natureza que era utilizado para os mercados periódicos, para as festas patronais, para o mitin político, para o xogo dos nenos e adolescentes, para os primeiros amoríos. En Galicia os Campos da Feira non eran simples superficies aplanadas, neles existían arboredos señoriais, de frondosos árbores nativas, especialmente carballos, castaños e algún que outro lamagueiro. Arboredos que lucían os seus esveltos fustes, crecidos ao paso das distintas xeracións de galegos e galegas. Unha tras outra a maioría dos Campos da Feira de Galicia foi aniquilado por un bárbaro e insostible desenvolvemento acelerado deixándonos unha versátil mostraxe de casamatas.