Banco de Datos

Tp 22. Iconoclasta

Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega
Typus 22. Iconoclasta


Ao longo da historia de Galicia establecéronse un conxunto de iconas paisaxísticas vinculadas con aspectos culturais, relixiosos, históricos ou ambientais. Ou simplemente por ser atalaias privilexiadas para percibir aquelas paisaxes máis sobresaíntes, máis enriquecidas pola presenza de singulares iconas. A comezos do Século XX realízase a primeira catalogación de espazos de interese. Nela, a pesar das súas limitacións, atopamos moitos das iconas asumidas pola sociedade galega. A evolución temporal destas iconas foi dramática, algúns desapareceron ou mesmo perdido o seu valor de atalaia, outros permanecen fortemente degradados, semidestruidos. E o máis triste é que a destrución das iconas representativas da identidade galega se produciu no período histórico no que Galicia posúe importantes cotas de autogoberno, integrada nun estado e unha Unión Europea na que teoricamente existían numerosas normas que ben aplicadas puideron impedir este xenocidio cultural e ambiental.
As Torres do Oeste (Esteiro do Ulla) resistiron os envites das hordas normandas, configurando no baixo Ulla unha das paisaxes máis belas de Galicia. Os aspectos históricos, culturais, ambientais non foron non obstante suficientes para impedir a construción dun viaduto que impacta a poucos metros das torres, unha imaxe impactante, bochornosa, escandalosa. Un claro exemplo da iconoclasia que destrúe a esencia de Galicia.

O Xallas é un río excesivamente regulado, posúe unha lonxitude de 57 Km e unha cunca de 504 Km2, cun caudal medio de 13 m3/s. Os primeiros enxeños hidroeléctricos establecidos no Xallas datan de finais do Século XIX, soportando na actualidade 6 encoros, cunha xeración de electricidade de 130.000 Kw. A construción dos primeiros encoros, en plena ditadura franquista, realizouse sen ningún criterio ambiental, situación que non mudou substancialmente nas últimas actuacións, bendicidas iso si coa correspondente avaliación de impacto ambiental. A xestión do Xallas realizouse de forma irracional, maximizando o beneficio empresarial a custa do estado ecolóxico do río e do interese paisaxístico do propio corredor fluvial e da súa desembocadura. A marea social desatada co Prestige protestou e puxo de relevo que o Xallas era un río intermitente, cuxa conexión ao mar dependía do interese empresarial. A protesta social obrigou á Xunta de Galicia a intervir e a negociar cos señores dos encoros un estrito horario de apertura e peche da fervenza. No ano 2011 unha sentenza xudicial, promovida ante a denuncia de "Ríos con Vida", veu a poñer un pouco de orde neste desaguisado ambiental, obrigando a empresa a liberar un caudal ecolóxico de 2,23 m3/s durante todos os días do ano.

Non se debe estar en contra do progreso, do desenvolvemento socio-económico, pero este debe ser sostible, tanto socialmente, como ambientalmente. Nun país civilizado e xestionado racionalmente, cada territorio ten unha vocación e unha capacidade para soportar determinadas actuacións humanas, para as cales existen sempre máis dunha ducia de lugares alternativos, sen ter que recorrer á destrución das áreas de maior valor paisaxístico, ambiental ou cultural. Pero o iconoclasta séntese fortalecido e reafirmado coa destrución, coa humillación dos que alzan a súa voz para protestar por tanta destrución inxustificada.
 

Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader