Banco de Datos

Tp 26. Paseo

Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega
Typus 26. Paseo


Os termos "paseo" e "pasear" derivan de "paso" (latín "passus"), e teñen unha intensa maridaxe co termo "paisaxe". Pero nesta relación, polo menos na peculiar Galicia, pode converterse tamén nunha falta total de entendemento cando o "paseo" se converte nun exultante exemplo de feísmo.

Quen percorra o litoral Galego, dende a desembocadura do Miño ata a do Eo, observará a existencia dunha colosal muralla a semellanza da Muralla China, para defendernos das hordas de piratas e outros pendóns que chegan por vía marítima. Para a construción deste colosal paseo marítimo houbo que loitar con bravura contra a paisaxe natural, desmembrando sen piedade dunas, marismas, lagoas e acantilados. Conquistado o territorio, este desnaturalizouse permanentemente coa axuda dun peculiar catálogo de pavimentos, muros, varandas, aparcamentos e mobiliario urbano. Así como cun axardinamento enfermizo sustentando en plantas exóticas, cando non invasoras. O fotógrafo de paisaxes probablemente poida evitar en moitos dos encadres este novo tipo de feísmo lineal, pero a retina e a mente do observador, dificilmente poderá suavizar a realidade que perciben.
 
A moda do paseo mariño estendeuse e arraigou no interior, facendo mella nas ribeiras, illas e canles dos nosos xa maltratados mil ríos. Non hai cidade ou vila que se prece desta designación que non acometese a condución dos seus ríos, iniciando unha cruenta incursión contra os bosques de ribeira, as malditas orlas de megaforbias e os prados húmidos. Impoñendo aos seus cidadáns como sinal de modernidade unha paisaxe fluvial conformada por ribeiras de diques ou formigonadas, praias de area artificial, e pasteiros de especies invasoras onde defecan con primor os cans urbanos. Algúns munícipes promoveron ou permitiron substituír os leitos de lama ou de gravas por unha placa de formigón, pintada evidentemente de azul intenso.

Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader