Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega
Typus 30. Alienixena
Na redacción do Convenio Europeo da Paisaxe, tal e como se indica no propio documento, tívose en conta o Convenio relativo á Conservación da Vida Silvestre e do Medio Natural en Europa (Berna, 19/09/1979), o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica (Río de Janeiro, 05/06/1992), e a Convención sobre a Protección do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural (París, 16/09/1972). Nestes documentos e especialmente no CDB (1992), identifícase ás especies exóticas invasoras, as denominadas Aliens en inglés, como un dos factores que máis contribúen á perda de biodiversidade do planeta, afectando aos seus ecosistemas e paisaxes, así como ás poboacións de especies protexidas e nativas. As condicións climáticas de Galicia, e a falta de medidas concretas para controlar e mitigar o establecemento e expansión das especies exóticas invasoras, propiciou que moitas destas especies se naturalizaran en distintas áreas do noso territorio, e unha parte significativa das mesmas mostran un evidente comportamento invasor afectando moi negativamente á conservación da biodiversidade e do patrimonio natural.
A nivel paisaxístico os Aliens apoderáronse de grandes espazos terrestres, en ocasións camufladas e mimetizadas dentro do verdor que forman as especies nativas, noutros casos van substituíndo progresivamente a estas, mantendo sen cambios perceptibles a súa estrutura e así pasando desapercibidas para o observador pouco douto. E noutros casos máis rechamantes, impoñen directamente a súa fisionomía na paisaxe. Sen ánimo de incluír aquí a lista de especies exóticas que invaden a paisaxe galega, entre as máis perigosas atópanse plantas escapadas de cultivos recentes ou antigos como os eucaliptos, as acacias, as robinias e os piñeiros. E outras que foron introducidas por particulares, entidades privadas ou as propias administracións públicas como plantas de ornato en xardíns e vías públicas, como é o caso de coñecido vulgarmente como "herba do coitelo" de orixe sudafricano (Carpobrotus), a "cola de raposo" procedente da Pampa (Cortaderia), a "herba arame" chegada da India (Sporobolus), as “gramas” para céspedes e campos de golf (Cynodon, Stenotaphrum),a margarida do Cabo (Arthoteca) ou o “pan de cuco” (Oxalis pes-caprae).
O desinterese da autoridades en cumprir a lexislación existente sobre especies invasoras queda patenteen determinadas iconas de noso paisaxes, como é o caso da Illa Pancha (Ribadeo) ou a Torre deHércules (A Coruña), onde a superficie do terreo contigua aos elementos construtivos, en lugar conservara vexetación nativa e características dos medios de acantilados, aparece dominada por especiesinvasoras.