Banco de Datos

Tp 31. Koala

Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega
Typus 31. Koala



Un dos principais retos na conservación da paisaxe de Galicia é a eucaliptización que se apodera sen ningún tipo de control de amplas superficies do territorio galego. Os primeiros eucaliptos (ocalipto, eucalipto, alcalipto, etc) chegaron a Galicia fai menos 170 anos procedentes de Australia. Arribaron inicialmente como unha curiosidade botánica, obxecto de ensaio e aclimatación, para converterse posteriormente rapidamente na "árbore marabilla", un eficiente antídoto para loitar contra as gripes terciarias e todo tipo de inmundicias nacidas nos humidais. As incertas capacidades hixiénicas viñan acompañadas cunha esaxeración da calidade e utilidade da súa madeira, útil para construír barcos e pontes, obter travesas para o ferrocarril ou pavimentos para as rúas. Estas e outras virtudes propiciaron o inicio da súa difusión territorial, apoiada polos servizos oficiais que prodigaban en exceso os seus beneficios, á vez que distribuían plantas obtidas nos viveiros oficiais.
 
Décadas máis tarde cando a tecnoloxía da industria da celulosa se puido adaptar á escasa lonxitude das fibras da madeira de Eucalyptus, este inicia unha vertixinosa expansión territorial superando actualmente a superficie ocupada polos diversos grupos de especies nativas ou polas repoboacións artificiais de coníferas. O proceso de eucaliptización de Galicia realizouse e realízase sen ningún tipo de racionalidade, sen consideracións ambientais, ecolóxicas ou culturais. O incremento de superficie que mostran os eucaliptais en Galicia conseguiuse cortando a feito ou a matarrasa as fragas, carballeiras, soutos, bosques aluviais e de ribeira. Destruíndo brañas, turbeiras, queirogais secos, marismas, e coa súa destrución a de enclaves de especies endémicas ou en perigo de extinción. Así como grandes superficies ocupadas por prados e labradíos. Plantáronse e séguense plantando eucaliptos sobre as medoñas e castros, sobre as citanias romanas ou os campos de petroglifos. A maior parte da superficie ocupada por Eucalyptus correspóndese a predios onde o eucalipto se comporta como unha especie cultivada, pero ademais existe unha porción significativa de eucaliptais conformada en áreas onde estes non foron cultivados directamente polo home actuando como unha especie exótica invasora.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi un dos primeiros en posicionarse en relación co impacto que os eucaliptais provocan sobre a paisaxe de Galicia. Segundo palabras de Castelao: "O eucalipto estragou a paisaxe galega: desnaturalizouno". O máis dramático desta expresión é que a mesma se expresa nun momento onde o eucaliptal e a eucaliptización de Galicia se atopaba nos albores da súa expansión, xa que a situación na actualidade resulta moito máis dramática que a comentada polo propio Castelao.

Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader