Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega
Typus 34. Incivicus
Aquel que observe con detemento a paisaxe galega poderá decatarse da abundancia de cans de razas perigosas ou non perigosas aos que os seus donos permiten deambular sen ningún control por praias, dunas, humidais ou calquera tipo de ecosistema. Cun pouco de paciencia e unha boa óptica poderá comprobar como os cánidos se internan nas áreas de cría ou descanso de aves e réptiles, depredando a aqueles individuos que se atopan no seu camiño. Os cánidos actúan seguindo o seu instinto animal, pero os donos destes fano de forma incívica, cando non vulnerando disposicións legais.
O comportamento incívico sobre a paisaxe non se limita á presenza de cans senón que tamén móstrase na teima tan hispana de circular con vehículos a motor sobre ecosistemas de elevada fraxilidade ou mesmo sobre os viais restrinxidos ao uso peonil. En Galicia os efectos negativos da circulación e estacionamento de quads, vehículos 4x4, vehículos turísticos, motos, bicicletas e cabalarías afectan especialmente a praias, sistemas dunares, áreas cimeiras de acantilados, así como en diversos tipos de humidais e matogueiras, provocando alteracións e perdas da superficie de hábitats prioritarios e de enclaves que albergan especies de flora e fauna silvestre estritamente protexidas. Ademais, os vehículos e cabalarías actúan de forma moi eficaz dispersando froitos e sementes de plantas invasoras, así como creando medios alterados nas que estas logran doadamente establecerse.
Nos últimos anos os responsables do turismo galego intentan complementar a oferta turística tradicional, centrada no visitante ligado ao Camiño de Santiago, con ofertas nas que se promove o verdor e riqueza das nosas paisaxes. Esta labor pode resultar contraproducente se non se acompaña de medidas axeitadas para a xestión racional do uso público que elimine a anarquía existente no tránsito, estacionamento e esparexemento de todo tipo de vehículos, animais de compañía e persoas sobre hábitats fráxiles, máis aínda cando este tipo de actuacións degradantes se realizan en espazos naturais. Os posibles turistas que cheguen a Galicia buscando paisaxes ou ecosistemas singulares quedarán atónitos ao comprobaren que no Finisterre de Europa reina a insostibilidade.