Banco de Datos

Clasificación-I

Manual de Hábitats de Galicia.

Clasificación de Hábitats en Europa.

Dende os traballos pioneiros de Blondel (1979) desenvolvéronse diversos sistemas de clasificación de hábitats aplicables ao territorio europeo (Wyatt et al. 1982; EUR-12587/3 1991; Devillers et al. 1992, Davies & Moss 2002) ou ao conxunto da rexión bioxeográfica Paleártica (Devillers & Devillers-Terschuren 1996). Estas iniciativas tiveron unha grande trascendencia ao desenvolver sistemas eficaces de clasificación de hábitats, mais non poderían levarse á práctica de non ser pola mellora dos sistemas de información xeográfica e as técnicas de cartografía dixital.

4.1 CORINE LAND COVER

CORINE Land Cover constitúe un proxecto de cartografía da cobertura do terreo integrado dentro do programa CORINE (Coordination of Information on the Environment) proposto no ano 1985 pola Comisión Europea coa finalidade de reunir información relacionada con certos temas ambientais considerados como prioritarios para a Unión Europea (tales como cobertura do terreo, contaminación ambiental, Biotopos, etc). O programa CORINE Land cover constitúe unha base de datos xeográfica da cobertura do terreo, concibida para o seu doado acceso polos usuarios, que abrangue a grande maioría dos países da Unión Europea, países da Europa do Leste (moitos dos cales son actualmente países da UE).

O proxecto describe a cobertura do terreo (e en certas categorías con referencias ao uso do chan) de acordo cun esquema xeral de clasificación xerárquico de tres niveis. O primeiro nivel integrado por 5 clases correspóndese con categorías xerais de coberturas do terreo (e no seu caso usos do terreo), desenvolvido xerarquicamente nun segundo nivel de 15 clases (describindo entidades físicas e fisionómicas a un maior nivel de detalle) e nun terceiro nivel de detalle de 44 clases (Bossard et al. 2000).

A cartografía elaborouse tomando como base a interpretación visual de imaxes de satélite de mediana resolución (SPOT, Landsat TM e Landsat MSS) e empregando datos auxiliares (fotografías aéreas, mapas topográficos e temáticos, estatísticas socioeconómicas, etc.) para o refino da interpretación e asignación final ás clases do esquema. No proceso de clasificación considerouse unha unidade mínima cartografiable de 25 has, non considerando elementos lineais de menos de 100 m de ancho e a escala final de presentación de resultados foi 1:100.000, cunha precisión na localización xeográfica da orde dos 100 m. Os resultados finais están dispoñibles en formato vectorial ou en formato raster en senllas resolucións espaciais (tamaño de píxel) de 100 e 250 m.

O método de clasificación baséase na denominada "fotointerpretación asistida por ordenador" (Heyman 1993) de imaxes de satélite en falsa cor, non empregando métodos de clasificación automática. Durante a fase de fotointerpretación lévase a cabo un control da súa calidade, abordándose con posterioridade unha fase de validación dos resultados previa á edición final dos mapas.



O proxecto CLC desenvolveuse durante o período 1985-1990 (se ben a entrega de datos finais polos países membros puido demorarse certo período), constituíndose unha base de datos sobre o medio en Europa nun formato uniforme para todos os países integrantes da UE. A partir de finais dos anos 90 comezáronse os traballos preparatorios para a actualización do CLC do ano 90, abordados pola Axencia Ambiental Europea que dende o ano 1995 asumiu as competencias de xestión do proxecto CORINE. A actualización do proxecto CLC90, denominada Image & CORINE Land cover 2000 (I&CLC2000), toma como precedente a información e experiencia recompilada no primeiro proxecto.
 
O proxecto I&CLC2000 constitúese baseándose en dous compoñentes interconectados por unha parte IMAGE2000, correspondente ás actividades relacionadas coa adquisición de imaxes de satélite de Europa, ortorrectificación e produción dos mosaicos de imaxes a nivel Nacional e CLC2000 que aborda as actividades relacionadas coa detección e interpretación dos cambios na cobertura do terreo.


 

Se ben as especificacións en canto ao esquema de clasificación, características xeométricas, etc. coinciden coas do proxecto CLC90, no proxecto I&CLC2000 formúlanse unha serie de melloras en canto a incrementar a calidade (sobre todo no que se refire á precisión xeográfica da imaxe e do mapa de coberturas) e a facilidade de acceso e interpretación do produto final. En canto á análise de cambios, a superficie mínima de cambio a considerar é de 5 has, non considerándose polígonos de cambio de menos de 100 m de ancho, establecéndose unha serie de normas en canto á creación, fusión e modificación de polígonos de acordo cos cambios rexistrados.

Aínda que o proxecto CORINE Land cover levado a cabo no territorio Español corresponde aos estándares xerais do proxecto CORINE para o resto de Europa, presenta unha serie de particularidades que deben de ser tidas en conta. Inicialmente a coordinación do proxecto correu a cargo do Ministerio de Obras Públicas e Transportes, a través do Instituto Xeográfico Nacional, o Instituto do Territorio e Urbanismo e a Dirección Xeral de Medio, sendo a duración do proxecto dende o ano 1987 ata o ano 1991. O proxecto segue o esquema de clasificación previamente establecida polo proxecto CORINE, pero incorporando dous niveis máis de detalle, chegándose así a unha esquema final de 5 niveis e 64 clases de cobertura do terreo.

O desenvolvemento do esquema orixinal do proxecto CORINE Land cover para España supón a aparición de 28 novas categorías no cuarto nivel, correspondentes á diferenciación de coberturas antrópicas como tipos de infraestruturas, tipos de cultivos en regadío, froiteiros en regadío e tipos particulares de mosaicos de cultivo. Dentro das masas forestais diferénciase dentro do epígrafe xeral de masas de frondosas entre caducifolias-marcescentes, perennifolias e procedentes de plantación e dentro do de coníferos entre sabinares- xenebreiros e piñeirais en xeral. No epígrafe de matogueira e herbáceas introduce a discriminación entre tipos de pasteiros naturais, diferencia a categoría de matogueiras macaronésicos dentro do epígrafe de matogueiras non esclerófilas e establece tres categorías en función da cobertura e xerofilia dentro das matogueiras esclerófilas. Dentro do epígrafe de espazos escasamente vexetados diferenza tres novas categorías, en función de criterios bioxeográficos (piso altitudinal e bioclima) e de estados erosivos.

Por último introduce a diferenza en función da orixe natural ou artificial nos epígrafes correspondentes a láminas e cursos de auga. Resulta de especial interese a introdución da clase de frondosas procedentes de plantación que en certa medida permite diferenciar masas de eucaliptos que doutra forma se considerarían conxuntamente na clase de bosques de frondosas (se ben o criterio presenta certa ambigüidade en canto que pode englobar plantacións de frondosas autóctonas e polo uso inadecuado do concepto bosque para masas forestais artificiais).
 


4.2 CORINE BIOTOPES

O sistema de clasificación CORINE Biotopes iníciase na década dos oitenta aínda que non será publicado definitivamente ata 1991. Na tipoloxía de hábitats de CORINE Biotopes (EUR-12587/3, 1991) e a base de datos Physis (Devillers & Devillers-Terschuren 1996) definiuse a Unidade de tipoloxía de hábitat, como un conxunto de entidades espaciais, separadas no espazo, pero suficientemente semellantes nas condicións abióticas, fisionomía, e composición de comunidades de plantas e animais, e que á súa vez desempeñan roles similares dende o punto de vista da conservación da natureza. O obxectivo xeral de CORINE Biotopes é o de "identificar e describir biotopos de importancia para a conservación da natureza na Comunidade Europea" (Commision of the European Communities 1991a, 1991b), para o cal precisouse do establecemento dunha serie de principios xerais para a colección de información sobre a localización e status de conservación de ecosistemas, hábitats e especies vulnerables de forma consistente en toda a comunidade europea.

CORINE Biotopes integra xerarquicamente dende tipos de hábitats que corresponden a grandes espazos xeográficos (augas mariñas pouco profundas, acantilados) a outros que representan comunidades a escala métrica ou mesmo submétrica. Os criterios para a delimitación dos diversos tipos de hábitats son pois variados, empregándose características xeográficas, bioxeográficas ou ecolóxicas, a fisionomía, estrutura e composición das comunidades, ou a presenza de determinadas especies. Resulta interesante resaltar que é no marco deste proxecto no que se establece un concepto e unha escala ou rango de escalas de referencia para a identificación e representación cartográfica de hábitats.

En canto ao límite das unidades, o criterio seguido pola tipoloxía CORINE foi que dous hábitats deberían ser distinguidos se as comunidades de plantas ou animais que soportaban eran suficientemente diferentes para conferirlles diferente importancia na conservación de especies sensibles.




A primeira fase de clasificación de hábitats no contexto europeo finaliza coa publicación en 1991 do CORINE Biotopes Manual (Devillers et al. 1992). Despois desta publicación despréganse tres liñas de desenvolvemento da clasificación: o desenvolvemento da lista de tipoloxías, o desenvolvemento de hábitats pobremente desenvolvidos e a progresiva extensión xeográfica fóra da Comunidade Europea, e a articulación dunha base de datos incorporada no sistema Physis del Institut Royal des Sciences Naturelles de Belgique, de cuxa versión de 1995 xurdiu o documento A Classification of Paleartic Habitats (Devillers & Devillers-Terschuren 1996).

As grandes unidades de hábitats (dous díxitos á esquerda do punto) definidas tanto no CORINE Biotopes Manual como na Classification of Paleartic Habitats deriva da proposta por Wyatt et al (1982), revisada posteriormente durante a realización do proxecto CORINE Biotopes, e a Classification of Paleartic Habitats (as definicións das subdivisións das grandes categorías corresponden a CORINE Biotopes). A Clasificación do Paleártico non inclúe descricións das subunidades (primeiro e segundo díxitos á dereita do punto).


O obxecto final do proxecto CORINE Biotopes non constitúe a realización dunha cartografía de hábitats propiamente dita, xa que esta é asumida polo proxecto CORINE Land cover, senón que se limita a delinear (con maior ou menor precisión) e sistematizar nunha base de datos información ambiental de áreas ou lugares que, por englobar certa cobertura de determinados tipos de hábitats, poboacións de certo tamaño de determinadas especies, etc., considéranse de interese para a conservación da natureza en Europa.




4.3 EUNIS EUROPEAN NATURE INFORMATION SYSTEM

EUNIS é o acrónimo en inglés de "European Nature Information System", base de datos creada entre 1996 e 1999 e actualizada periodicamente polo CTEPNB que reúne a información recollida por diferentes estados a través da EIONET ("The European Environment Information and Observation Network", coordinada pola AME) e por organizacións internacionais sobre especies, tipos de hábitats e lugares de interese a nivel europeo. Este sistema de clasificación foi desenvolvido pola Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA) a través do European Topic Centre on Nature Protection and Biodiversity. A clasificación constrúese sobre CORINE Habitats Classification, e o seu sucesor Paleartic Hábitat Classification, pero reestrutura e redefine a clasificación, fundamentalmente nos tipos de hábitats mariños, engadindo os tipos desenvolvidos polas convencións relativas a medios mariños, o Convenio de Barcelona (1976) e o de Helcom, o proxecto Biomar de la Unión Europea, a Convención OSPAR e o International Council for the Exploration of the Sea (ICES).

EUNIS constitúe a base empregada pola Axencia Europea do Medio Ambiente para a elaboración de informes e documentación sobre a Rede Natura 2000, así como para a coordinación internacional dos países europeos no campo da conservación, como é o caso da Convención de Berna sobre a Rede EMERALD ou as de Helsinki, OSPAR e Barcelona sobre conservación da biodiversidade. A clasificación de hábitats de EUNIS desenvolveuse para facilitar a descrición e recollida de datos a través dos países europeos mediante o emprego de criterios comúns de identificación dos hábitats. Trátase dunha exhaustiva clasificación sistemática paneuropea que inclúe todos os tipos de hábitats existentes, tanto naturais e seminaturais como artificiais, dende os terrestres ata os mariños, pasando polos das augas continentais, que permite establecer correspondencias con outros tipos de clasificacións de hábitats.

O sistema de clasificación de Hábitats proposto por EUNIS é un sistema xerárquico e aberto, susceptible de sucesivas ampliacións, se así estímase conveniente, no que cada unidade ten asignado un código que está vinculado cunha ficha de diagnose na que constan diversos aspectos que se empregan para caracterizar cada hábitat. A aplicación informática desta clasificación, inclúe unha clave dicotómica que permite situar doadamente un tipo de hábitat dado nalgunha das categorías que conforman a clasificación.