Manual de Hábitats de Galicia
Clasificación de Hábitats na Península Ibérica
O desenvolvemento de sistemas de clasificación de hábitats en España e Portugal é máis tardío que no contexto europeo. Neste sentido ten un papel fundamental a posta en funcionamento da rede Natura 2000 no ano 1992, que supuxo un impulso grande na proposta de clasificacións de hábitats en España, xa que tíñanse que paliar importantes carencias sobre o coñecemento do medio, co fin de dispoñer de datos equiparables cos outros territorios da Unión Europea. Os sistemas de clasificación de hábitats empregados inicialmente tanto a nivel do estado español como do portugués (Rivas-Martínez
et al. 1993, Alves
et al. 1998) baseáronse en criterios fitosociolóxicos, no que se considera a asociación vexetal como a unidade inventariable. Isto conleva unha serie de limitacións no momento de desenvolver a cartografía de hábitats.
A sistemática de asociacións establece unha tipoloxía xerarquizada que non garda relación coa súa escala xeográfica. Deste modo, nas unidades superiores (clase, orde, alianza) mantense a mesma heteroxeneidade de escala que a establecida nas unidades básicas. A non concepción escalar das unidades fitosociolóxicas constitúe un serio problema no momento de obter unha representación cartográfica que cumpra uns criterios básicos de precisión e escala, e que permita ademais cubrir globalmente un territorio, cunhas unidades homoxéneas que poidan ser identificables en calquera momento e que permita a súa integración con outras técnicas cartográficas. Estas limitacións determinan que a expresión xeográfica das unidades fitosociolóxicas a certas escalas se realice a través de representacións simbólicas que teñen un baixo grao de resolución espacial.
A consideración estrita do concepto de comunidade en cartografía de vexetación en ocasións non se adapta ás características particulares da cobertura vexetal do terreo e ás posibilidades reais de diferentes métodos cartográficos. Así, o carácter dinámico da vexetación, a presenza de transicións e mosaicos na distribución das comunidades vexetais e a necesidade de consideración dunha escala de referencia no proceso cartográfico esixe, en ocasións, a adopción doutros conceptos e esquemas máis eficientes de cara a abordar determinados problemas cartográficos. Aínda que se consideren as comunidades vexetais como entidades reais e definidas, o feito de que non constitúan entidades discontinuas localizadas xeograficamente, e a presenza de coalescencias e interdixitacións entre estas (Blondel 1979, 1995) dificulta a súa análise cartográfica e aconsella a adopción doutros criterios no proceso de definición das unidades cartográficas básicas.
Ademais das clasificacións de hábitats en base a criterios fitosociolóxicos, fóronse desenvolvendo outras iniciativas nas que se aplica o coñecemento biocenótico e tecnoloxías de información xeográfica, empregando unha delimitación específica de unidades ecolóxicas a unha escala de traballo, en moitos casos, inferior a 1:10.000, como por exemplo a cartografía de hábitats da Rede Natura 200 de Galicia elaborado a escala 1:5.000.
5.1 TIPOLOXÍA DO INVENTARIO NACIONAL DE HÁBITATS
A aprobación da Directiva Hábitat obrigou ao estado español a incrementar o coñecemento relativo aos hábitats e especies recollidos na citada Directiva. Neste contexto, en 1992 establecéronse entre o Ministerio Agricultura Pesca e Alimentación e as Comunidades Autónomas diferentes reunións co fin de poñer en marcha os traballos do Inventario Nacional de Hábitats. Como instrumento técnico de apoio, o antigo ICONA solicitou á Unión Europea un proxecto Life-Naturaleza para abordar os traballos de inventariación de hábitats e taxóns dos Anexos da Directiva e a dixitalización e informatización dos seus resultados (Primeira Fase do inventario e cartografía da directiva 92/43/EEC de hábitats en España [LIFE93 NAT/E/011900]; Segunda Fase do inventario e cartografía da directiva 92/43/EEC de hábitats en España [LIFE94 NAT/E/004831]).
Tomando como base cartográfica de referencia as follas a escala 1:50.000 do Servizo Xeográfico do Exército, procedeuse á delimitación manual dun conxunto de elementos gráficos (polígonos, liñas, aspas) vinculados cunha información tabular na que se indicaba a presenza dun grupo de comunidades vexetais, así como a súa cobertura sobre o total da unidade cartográfica e grao de naturalidade. As técnicas cartográficas empregadas foron moi rudimentarias e cun elevado grao de erro, o que afecta negativamente ás súas posibilidades de emprego na valoración e xestión da biodiversidade do territorio, restrinxindo o seu emprego a análise a escalas moi xerais.
En canto ás unidades asignadas en cada unidade cartográfica, estas forman parte dun listado de comunidades vexetais que corresponden a máis de 1.600 sintaxóns descritos no territorio español segundo criterios fitosociolóxicos, que se relacionan con 124 tipos de hábitats que forman parte do Anexo I da DC 92/43/CEE. A cada un dos sintaxóns asignóuselle un código numérico de 6 díxitos. A lista definitiva aparece recollida nas memorias técnicas do proxecto e publicada nunha revista científica baixo o título "El Proyecto de Cartografía e Inventariación de los Tipos de Hábitats de la Directiva 92/43/CEE en España" (Rivas-Martínez
et al. 1993).
Posteriormente, o Inventario Nacional de Hábitats sométese a unha revisión e corrección da cartografía xerada. Engádese cartografía relativa a novas asociacións que, de acordo coa metodoloxía de traballo, trataríanse de asociacións non incluidas na Directiva Hábitat. Este proceso levouse a cabo mediante a fotointerpretación sobre fotos en branco e negro do voo do Servizo Xeográfico do Exército do ano 1984, a escala 1:30.000, restituíndo máis tarde os polígonos debuxados na foto aérea á folla 1:50.000 do Servizo Xeográfico do Exército correspondente. Finalmente dixitalizáronse estas follas sobre unha tableta dixitalizadora a partires das follas en papel e se procedeu á integración da información resultante nun Sistema de Información Xeográfica. .
De todos modos non existe ata a data, publicación oficial que outorgue validez legal a esta interpretación dos tipos de hábitats do Anexo I presentes no territorio español. A correlación formulada entre os tipos de sintaxóns e os tipos de hábitats do Anexo I realizouse, na maioría dos casos, á marxe da documentación técnica xerada pola propia Unión Europea para a súa identificación e delimitación. Iso conduciu á existencia de graves erros que afectan tanto á distribución dos tipos de hábitats, como, de forma máis notoria, á súa delimitación xeográfica, ao non ser factible esta en base a unha fitocenose característica, como por exemplo os casos de baías e enseadas, xa que as características de fitocenose son equivalentes aos esteiros, o que non permite diferenciar estes medios como esteiros ou baías.
Esta mesma situación reflíctese con outros tipos de ecosistemas, cunha fitocenose non definida, como por exemplo as turbeiras degradadas. Estes inconvenientes conlevan unha delimitación difusa dos hábitats, o que deriva nunhas estimacións de superficie erróneas. Algúns dos hábitats de interese comunitario presentes en España cuxa distribución e descrición non se recolle no Atlas e Manual de Hábitats de España (Rivas-Martínez & Penas 2003) son os tipos Nat2000 1130 – Esteiros, Nat2000 1160 – Grandes calas e baías pouco fondas , Nat2000 1170 – Arrecifes, Nat2000 8310 – Covas non explotadas polo turismo, Nat2000 8330 – Furnas mariñas. Mentres que pódense atopar exemplos como o tipo Nat2000 1110 – Bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña, pouco profunda, cuxa distribución no Norte Peninsular de acordo a Rivas-Martínez & Penas (2003) restrínxese a certas áreas de Asturias e Cantabria asignándose unicamente coas comunidades litorais de pelotas mariñas
Zosteretum marinae (Borgesen 1905) Harmsen 1936 (fondos mariños).
Outro exemplo semellante ao anterior é o do hábitat Nat2000 4040* - Queirogais secos atlánticos costeiros de
Erica vagans. Neste caso o Atlas e Manual de Hábitats de España (Rivas Martínez & Penas 2003) asigna este hábitat a comunidades de queirogais fóra da área de distribución galega da especie
Erica vagans, como é a área litoral Sur da provincia da Coruña ou en toda a franxa costeira de Pontevedra
Débese ter presente outra limitación evidente do Inventario Nacional de Hábitats, que non é outra que a escala de traballo empregada, 1:50.000. Esta escala, tal e como recollen os propios autores do manual, resulta insuficiente en moitos casos para a xestión cotiá, e en particular para os lugares incluídos na rede Natura 2000, para os que debe dotarse dunha cartografía a maior escala (Rivas-Martínez & Penas 2003).
No ámbito territorial de Galicia, os maiores problemas obsérvanse naqueles tipos de hábitats do Anexo I en cuxa delimitación as comunidades de plantas vasculares son escasamente resolutivas por si soas. Así, tipos de hábitats como os esteiros (Nat-2000 1130), as chairas lamacentos ou areosas que non están cubertos de auga cando hai marea baixa (Nat-2000 1140), as grandes calas e baías pouco fondas (Nat-2000 1160), foron cartografados cun nivel de erro moi superior que o que se podería obter a partir dunha simple delimitación xeográfica. Noutros grupos de hábitats, como son os humidais continentais, os tipos recollidos no Anexo I da DC 92/43/CEE corresponden a unidades cuxa determinación obriga a considerar, xunto aos datos fitocenóticos, outro tipo de información ecolóxica. Deste modo, a distribución destes tipos de hábitats no territorio galego mostra graves problemas de identificación en moitas áreas, considerándose sistemas de turbeiras de cobertor presentes nas áreas litorais de Galicia, ou interpretándose parte das turbeiras altas como mires de transición.
Outros dos problemas detectados no Atlas e Manual de Hábitats en España para o territorio Galicia é a presenza de hábitats de interese comunitario dos que non existen referencias científicas que poidan avalar a súa presenza no noso territorio. O hábitat Nat-2000 3170* – Estanques temporais mediterráneos, atópase representado en charcas e lagoas temporais a lámina de auga das cales se desenvolven en inverno e primavera en territorios adscritos á Rexión Bioxeográfica Mediterránea. As condicións climáticas e o réxime hídrico determinan a presenza de biocenoses características con abundancia de terófitos e xeófitos pertencentes ás alianzas
Isoetion,
Nanocyperion flavescentis,
Preslion cervinae,
Agrosion salmanticae,
Heleochloion e
Lythrion tribracteati. De acordo co Inventario de Humidais de Galicia (Ramil & Izco 2003), as charcas temporais existentes en Galicia prolongan o mantemento da lámina de auga, debido ás condicións climáticas, ata o inicio ou mediados do verán, o que determina o desenvolvemento de comunidades distintas ás descritas para o tipo Nat-2000 3170*, e que son as características dos tipos Nat-2000 3110 - Augas oligotróficas (
Littorelletalia uniflorae), Nat-2000 3120 - Augas oligotróficas (
Isoetes spp.), Nat-2000 3130 - Augas oligotróficas ou mesotróficas.
O hábitat Nat2000 9110 – Faiais de
Luzulo-Fagetum, ausente en Galicia, asígnase de acordo con Rivas-Martínez & Penas (2003) en lugares que dende a época romana non se ten constatada a presenza da faia (Ramil Rego 1992). Ou o tipo Nat2000 5210 – Matogueiras arborescentes de
Juniperus spp., que corresponde a formacións esclerófilas de carácter perennifolio de ámbito Mediterráneo e sub Mediterráneo, conformadas por especies arborescentes do xénero
Juniperus. No entanto, en Galicia non existen en estado silvestre especies arborescentes de
Juniperus e aínda menos comunidades características (cf. Izco
et al. 1999). O único elemento deste xénero corresponde á especie rastrexa
Juniperus communis subsp
nana cuxas formacións integraríanse dentro tipo do Nat-2000 4060 – Queirogais alpinos e boreais.
5.2 TIPOLOXÍA DO INVENTARIO DE HÁBITATS DE PORTUGAL
A aplicación da Directiva 92/43/CEE en Portugal seguiu inicialmente un proceso semellante ao do Estado español, obrigando a incrementar o escaso coñecemento existente relativo aos hábitats e especies mencionados nesta normativa europea. A metodoloxía seguida para a diagnose de hábitats foi igualmente baseada nos conceptos da fitosocioloxía seguindo as directrices que se constaban nas sucesivas versións dos Manuais de Interpretación dos Hábitats da Unión Europea (Espirito Santo
et al. 1994). A principal diferenza en relación a España foi a ausencia dunha cartografía nacional de Hábitats previa á designación dos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC). En Portugal, o traballo de implementación da Directiva Hábitat foi fundamentalmente dirixida á identificación dos LIC e á cartografía de Hábitats neles presentes, faltando unha cartografía de hábitats fóra dos LIC.
A institución encargada pola coordinación do traballo da implementación da Directiva Hábitat en Portugal foi o ICN (Instituto de Conservação da Natureza). En 1994 foi establecido un convenio entre o ICN e un grupo de expertos procedentes de diferentes universidades portuguesas co fin de elaborar propostas de potenciais lugares para integrar a Rede Natura 2000. O territorio portugués foi dividido en áreas limitadas pola cartografía topográfica nacional e cada área foi asignada a un grupo de traballo. A identificación de lugares potenciais serviuse das áreas de interese cartografadas durante o inventario realizado no ámbito do proxecto Corine Biotopes así como outras áreas propostas a partir do coñecemento persoal dos membros do grupo (Costa
et al 2007). O traballo de localización e posterior elaboración de memorias descritivas para cada lugar foi levado a cabo a través de proxectos LIFE. As propostas de Lugares de Importancia Comunitaria foron enviadas ao ICN que sobrepuxo a información coa existente relativa a especies vexetais e animais recollidas nos anexos da Directiva.
A “Lista Nacional de Sítios” foi aprobada en dúas fases: a ‘Resolução do Conselho de Ministros’ nº 198/97, de 28 de Agosto, publicou a 1ª fase da Lista contendo 31 Lugares; recentemente a ‘Resolução do Conselho de Ministros’ n.º 76/2000 aprobou a 2ª fase, que contén 29 Lugares (DR n.º 153, serie I-B de 5/7/00). Unha vez aprobada a lista definitiva de Lugares, o ICN solicitou os respectivos informes e cartografía a cada grupo de traballo. Os mapas dos Hábitats foron solicitados a unha escala 1:100.000, pero a ausencia de directrices específicas resultou nunha certa disparidade de metodoloxías de cartografía entre os distintos grupos.
Unha vez definidos os Lugares, foi elaborado o denominado Plano Sectorial da Rede Natura 2000 onde se presentou a caracterización dos Hábitats tendo como obxectivo facilitar a xestión dos Hábitats existentes nos Lugares. O Plano Sectorial da Rede Natura 2000 encóntrase actualmente dispoñible a través do sitio http://www.icnb.pt. Para cada hábitat foi establecida a súa correspondencia co código EUNIS 2002, co Código Paleartico 2001 e CORINE Land Cover, así como a correspondencia fitosociolóxica incluíndo unha breve descrición ecolóxica para a súa diagnose. En moitos casos foron desenvolvidos subtipos dentro dos inicialmente propostos nos Manuais de Interpretación dos Habitats da Unión Europea para adaptar os hábitats propostos a nivel europeo cos encontrados en Portugal. No caso do Hábitat Nat2000 91E0* - Bosques aluviais de
Alnus glutinosa e
Fraxinus excelsior foron definidos para Portugal tres subtipos
Ameneirais ripícolas 91E0pt1
, Bidueirais ripícolas 91E0pt2
e Ameneirais e salgueirais palustres 91E0pt3.
5.3 TIPOLOXÍA DO INVENTARIO DE HUMIDAIS DE GALICIA
A clasificación de hábitats adoptada no Inventario de Humidais de Galicia segue a tipoloxía e proposta de
EUNIS - Hábitat, así como as consideracións técnicas que, para a interpretación dos hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE, aparecen recollidos no Interpretation Manual of European Union (
EUR-25). Na tipoloxía de hábitats adoptada non se consideraron os complexos establecidos na clasificación EUNIS-Hábitats. A maioría deles son alleos ao territorio bioxeográfico de Galicia ou presentan unha escasa correspondencia cos ecosistemas húmidos do noso territorio. Por outra parte, aqueles complexos considerados como humidais presentes en Galicia (
Estuaries, Raised bog complexes, Saline coastal lagoons), son tratados de forma concreta, sen necesidade de recorrer a unidades globais que dificultan a análise da súa diversidade e do seu estado de conservación.
No Inventario de Humidais de Galicia realízase unha proposta de hábitats característicos dos diversos tipos de humidais Ramsar presentes en Galicia. A proposta segue a clasificación EUNIS - Hábitat establecéndose a vinculación cos tipos de Ramsar e a súa presenza en territorio galego baseándose en documentación e traballos científicos así como na propia información obtida no desenvolvemento de traballos de campo. A proposta en ningún caso se pode e debe considerar como definitiva. Para algúns dos grupos de hábitats presentes no territorio galego a información dispoñible é aínda escasa e, sobre todo, pouco resolutiva. Por outra parte, a propia clasificación EUNIS - Hábitat constitúe unha proposta non pechada, que está a sufrir múltiples modificacións.
Seguindo as propostas metodolóxicas de Ramsar e as formuladas no National Wetland Inventory dos EEUU, os diversos tipos de hábitats presentes nos humidais de Galicia pódense distribuír en dous grandes grupos; "hábitats característicos" e "hábitats non característicos". Podendo establecerse unha relación directa entre os tipos de hábitats característicos cos do Anexo I da DC 92/43/CEE.
A delimitación dos humidais e dos diferentes hábitats dentro dos mesmos realizouse dixitalmente a partires de fotografías aéreas e escenas de satélite, mediante a aplicación de diversas técnicas de cartografía, xerando un sistema de información xeográfica. A cartografía sintética xerada corresponde á escala 1:25.000, empregando escalas de detalle (1:5.000) para as áreas de maior relevancia ambiental.
5.4 CARTOGRAFÍA DE HÁBITATS DA REDE NATURA 2000 EN GALICIA
Continuando co traballo elaborado no Inventario de Humidais de Galicia (Ramil & Izco 2003) e co fin de obter unha información máis precisa e manexable relativa á rede Natura 2000 galega, procedeuse á realización da súa cartografía. Para este proxecto definiuse un sistema de clasificación de hábitats xerarquizado, derivado do Inventario de Humidais de Galicia empregando unidades homoxéneas que puidesen ser facilmente identificables e valoradas. As unidades cartográficas empregadas correspóndense a hábitats no sentido dado por Blondel (1979, 1986), o que permitiu a súa integración con outras capas de información cartográficas (unidades paisaxísticas, unidades lito-estratigráficas, mapas de distribución de especies, etc.) e ao mesmo tempo ser empregadas como unidades básicas para a xestión e planificación do territorio, constituíndo o denominado Sistema de Unidades Ambientais (Ramil
et al. 2005).
O sistema de clasificación proposto por Ramil
et al. (2005), define a
unidade ambiental (UA) como unha parte do espazo que posúe características xeográficas e ecolóxicas homoxéneas, mostrando unha resposta tamén uniforme fronte ás accións derivadas dos procesos humanos, constituíndo o elemento básico para sustentar a planificación e xestión de dito espazo. En total o sistema inclúe máis de 70 tipos de unidades ambientas distribuídas en 9 grupos, que representan medios de carácter natural (hábitats mariños e costeiros, humidais continentais, matogueiras e medios rochosos e bosques naturais e seminaturais), así como outros derivados da transformación antrópica (paisaxe rural tradicional, paisaxe rural transformado), ou vinculados directamente con sistemas artificiais (humidais artificiais, áreas urbanas e industriais, viais e liñas de abastecemento)
Cada unidade ambiental defínese por un conxunto determinado de “hábitats característicos” que, de forma conxunta, representan a maior cobertura da unidade cartografía, xeralmente máis dos 70% da súa superficie. O resto de cobertura da tesela ou unidade cartográfica completaríase, de darse o caso, cos denominados hábitats secundarios, que de calquera modo comprendería menos do 30% da superficie da unidade cartográfica.
Entre os hábitats característicos e secundarios e os hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE pode existir unha correlación de diverso tipo, que en todo caso implica a asignación dos hábitats de interese comunitario á unidade cartografada. Ao traballar con rangos de cobertura en diferentes clases de hábitats, é posible estimar o valor de superficie dos hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE a partires de cada unidade cartográfica, obtendo uns valores cun grao de erro inferior ao obtido da aplicación da metodoloxía do Inventario Nacional de Hábitats do Ministerio do Medio Ambiente.
A elaboración da cartografía de unidades ambientais realizouse a partires da análise das ortoimaxes pertencentes ao ano 2003 do proxecto SIXPAC, a escala 1:5.000. Á súa vez empregouse como cartografía básica a elaborada pola Consellería de Política Territorial, Obras Publícase Vivenda da Xunta de Galicia a escala 1:5.000.
A delimitación e delineación das diferentes unidades ambientais e hábitats realizouse mediante interpretación visual en pantalla das ortoimaxes e tomando como apoia a cartografía básica, así como a información cartográfica do Inventario de Humidais de Galicia (Ramil & Izco 2003), o III Inventario Forestal Nacional (BDB 2002a, 2002b, 2002c, 2002d) e o Inventario Nacional de Hábitats e Taxóns do Ministerio de Medio Ambiente (Rivas-Martínez & Penas 2003). Posteriormente procedeuse á revisión con traballo de campo da cartografía xerada.
A cartografía resultante non se limitou á área comprendida pola rede Natura 2000 en Galicia, se non que se estendeu por unha zona periférica en torno ao espazo, sendo a escala da mesma 1:5.000. Como extensión mínima cartografable tomouse aquelas unidades ambientais cunha superficie superior a 0,5 ha. O que mellora sensiblemente a precisión e delimitación dos hábitats de interese comunitario respecto a traballos anteriores como o do Inventario Nacional de Hábitats, convertendo a esta cartografía nunha ferramenta de aplicación eficaz no cotián da xestión da rede Natura 2000 en Galicia, permitíndose a súa consulta pública mediante o Sistema de Información Territorial da Biodiversidade de Galicia (SITEB) aloxado na páxina web da Xunta de Galicia (
http://inspire.xunta.es/siteb/acceso.php).
Comparando a Cartografía de Hábitats da Rede Natura 2000 en Galicia con outras cartografías existentes no territorio, apréciase a elevada resolución da mesma, ao superar as 100.000 unidades cartografadas para unha superficie menor a un millón de hectáreas. Mentres que para o conxunto do territorio galego (aproximadamente 3 millóns de hectáreas) o resto de cartografías non supera as 40.000 teselas no mellor dos casos (Inventario Forestal Nacional) ou se reduce a algo menos de 9.000 teselas no caso do Inventario Nacional de Hábitats.
De modo análogo, e coincidindo coa elaboración da Cartografía de Hábitats da Rede Natura 2000 en Galicia, procedeuse á creación dun mapa de coberturas do terreo para todo o territorio galego, empregando a metodoloxía proposta por Ramil
et al. (2005), obtendo finalmente un mapa de síntese que se presenta a continuación.