Aínda que Galicia conta con diversas cuadrículas UTM con máis de 35 hábitats de interese comunitario, é Portugal a que posúe, de acordo coa información existente, a cuadrícula con maior diversidade da Península Ibérica. Trátase da cuadrícula UTM 29SNB13, situada na rexión do Alentejo e que se corresponde coa área protexida Parque Natural Sudoeste do Alentejano e Costa Vicentina, na que están inventariados ata 41 hábitats de interese comunitario, 11 dos cales considéranse como prioritarios. Por outro lado a cuadrícula UTM que sucede a esta en número de hábitats de interese comunitario pertence a Galicia, e máis concretamente á provincia de Lugo, na ría de Viveiro. Esta cuadrícula UTM presenta unha ubicación privilexiada, integrando ata tres Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) diferentes e unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA): o LIC e ZEPA Costa da Mariña Occidental, o LIC Monte Maior e o LIC Río Landro. En total esta cuadrícula incorpora entre os seus límites ata 39 hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE, dos que 9 están tipificados como prioritarios.
En relación aos tipos de hábitats de interese comunitario cunha maior área de ocupación na Península Ibérica de acordo á súa distribución por cuadrículas UTM de 100 Km2, o seu listado estaría encabezada por un hábitat tipificado como prioritario, o tipo Nat2000 6220* - Pseudoestepas de gramíneas e anuais da orde
Thero-Brachypodietea. A continuación atópanse os tipos Nat2000 9340 – Aciñeirais, Nat2000 92A0 – Bosques de ribeira de
Salix alba e
Populus alba e Nat2000 4090 – Queirogais oromediterráneos endémicos con toxos.
Atendendo aos 10 hábitats de interese comunitario cunha maior área de ocupación por cuadrículas UTM na Península Ibérica, obsérvase como 4 pertencen ao grupo de Bosques, 3 ao de Formacións herbosas naturais e seminaturais, 2 ao de Queirogais e matogueiras de zona temperada e 1 ao de Matogueiras esclerófilas. Así mesmo, os tres primeiros grupos de hábitats citados son os que posúen unha maior área de ocupación, xa que de sumar todas as cuadrículas dos seus hábitats na Península, os hábitats de Bosque presentarían máis de 15.000 cuadrículas UTM. Sucedendo aos hábitats do grupo de Bosques situaríanse os tipos pertencentes ás Formacións herbosas naturais e seminaturais, que sumarían 12.000 cuadrículas UTM.
7.1 OS HÁBITATS DE INTERESE COMUNITARIO EN ESPAÑA
A publicación no DOCE da Directiva 92/43/CEE do Consello relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, o 21 de maio de 1992, supuxo o establecemento dunha rede europea de espazos protexidos distribuída polos países constituíntes da Unión Europea, a Rede Natura 2000. Entre os obxectivos desta rede inclúese o mantemento nun estado de conservación favorable unha serie de hábitats e especies considerados de interese para a conservación, e que en moitos casos estaban a sufrir unha redución da súa área de distribución, principalmente debida á actividade humana.
A Directiva 92/43/CEE comunmente denominada Directiva Hábitat foi actualizada progresivamente, co fin de adaptala a sucesivos cambios na composición da Unión Europea ou por mor do avance científico, incluíndo actualmente no seu Anexo I un total de 231 tipos de hábitats denominados de interese comunitario dos cales 72 foron tipificados como prioritarios. Ademais 4 tipos de hábitats de interese comunitario son considerados como prioritarios en determinadas situacións, o tipo Nat2000 21A0* – Marchairs
en Irlanda, o Nat2000 6210* - Prados secos semi naturais e facies de matogueira sobre substratos calcáreos (
Festuco-Brometalia)
en paraxes con notables orquídeas, o Nat2000 7130* – Turbeiras de cobertor
no caso das activas e Nat2000 9430* - Bosques montanos e subalpinos de
Pinus uncinata sobre substratos xesoso ou calcáreo.
Para a elaboración deste capítulo empregáronse diversas fontes documentais, esencialmente as bases de datos da Axencia Ambiental Europea (EEA), así como a información publicada e accesible dende as páxinas web do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MMAMRM) e nas diferentes Comunidades Autónomas.
Do conxunto de hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE, considéranse presentes no territorio español un total de 126 tipos, dos cales 33 están tipificados como prioritarios. Este dato indica a importante representación española de hábitats prioritarios, ao incluír no seu territorio o 45% dos hábitats europeos desta categoría. A elevada diversidade de hábitats de España responde á súa realidade xeográfica, ao ter representadas no seu territorio ata 4 das 9 rexións bioxeográficas consideradas na Directiva Hábitat. Tres destas ecorrexións contan cunha superficie relativa ampla, a mediterránea, a atlántica e a macaronésica, mentres que a rexión bioxeográfica restante, a alpina, abarca unha área menor en relación coas anteriores, limitada ao Pirineo navarro, aragonés e catalán. A importante diversidade de tipos de hábitats de España constátase observando a proporción de hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE inventariados en España en relación ás diferentes rexións bioxoeográficas presentes no territorio. No caso das rexións atlántica, mediterránea e macaronésica o 60% dos hábitats de interese comunitario inventariados en Europa están presentes en España, mentres que por outra banda a rexión bioxeográfica menos representada en canto aos hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE é a alpina, inventariándose en España o 41% destes dentro do conxunto europeo.
Tendo en conta a distribución dos tipos de hábitats de interese comunitario nas diferentes Comunidades Autónomas do territorio español, obsérvase destacada a Cataluña, cun número sensiblemente superior ao resto de comunidades españolas, incluíndo un total 93 hábitats de interese comunitario dos que 23 son tipificados como prioritarios. Seguindo a Cataluña atópanse Andalucía en segundo lugar e Galicia en terceiro, con 75 e 72 hábitats de interese comunitario respectivamente. Cabe salientar o caso de Galicia pola importante diversidade de hábitats que mostra, tendo en conta que se atopa practicamente por completo dentro do dominio bioxeográfico atlántico e conta cunha extensión máis reducida que outras Comunidades Autónomas como Andalucía ou Castela e León.
As Comunidades Autónomas que teñen inventariado o número máis reducido de hábitats de interese comunitario son Estremadura e Illas Canarias, contando en ambos casos con 7 hábitats prioritarios. Ten un grande interese dende o punto de vista da conservación o caso das Illas Canarias, única Comunidade Autónoma española pertencente á rexión bioxeográfica macaronésica, co que isto supón no aporte de hábitats de interese comunitario en dita rexión dentro da Unión Europea, en concreto os 23 tipos de hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE das Illas Canarias correspóndense co 61% de hábitats da rexión macaronésica en Europa.
Considerando a información recollida relativa aos hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE e atendendo á distribución dos mesmos en relación ás diferentes Comunidades Autónomas do territorio español, é posible detectar aqueles hábitats de interese comunitario que só se citan nunha única Comunidade Autónoma. En total relaciónanse 22 tipos inventariados nunha única comunidade, sendo Cataluña, Illas Canarias e Galicia as que posúen un maior número destes hábitats, con 6, 5 e 4 respectivamente.
A maior parte destes hábitats están ligados ás rexións bioxeográficas alpina e macaronésica, factor que se explica por seren estas rexións as que menor extensión posúen en España. Tamén poden darse casos nos que se descoñeza a distribución ou a propia existencia do hábitat de interese comunitario en determinadas Comunidades Autónomas, valla como exemplo o tipo Nat2000 7120 - Turbeiras altas degradadas, que de acordo á información existente, a súa presenza en España restrinxiríase á Comunidade Autónoma de Galicia, en contraste coa ampla distribución do mesmo na Europa atlántica e alpina, tal e como se mostra na figura.
7.2 OS HÁBITATS DE INTERESE COMUNITARIO NA REDE NATURA 2000 NO CONTEXTO BIOXEOGRÁFICO ATLÁNTICO ESPAÑOL
Por medio da revisión da distribución dos tipos de hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE na Rede Natura 2000 de Galicia presentada nesta publicación, é posible realizar unha análise do grao de representatividade que teñen os tipos de hábitats de interese comunitario recoñecidos no territorio galego, ademais de realizar unha comparación con aqueles identificados nas áreas xeográficas do ámbito español incluídas na rexión bioxeográfica Atlántica. Deste modo pódese coñecer a contribución de cada Comunidade Autónoma ao mantemento do estado de conservación dos hábitats existentes en dita ecorrexión e detectar posibles deficiencias na selección e delimitación dos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) do estado Español.
A información de partida para a realización desta análise correspóndese coa revisión elaborada para Galicia e a existente na páxina web do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (
MMAMRM) na que se recollen os tipos de hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE identificados nos LIC propostos para a rexión bioxeográfica Atlántica en España. Co fin de obter unha mellor comparación agrupáronse os diferentes espazos en tres categorías en función dos ambientes ecolóxicos dominantes, “LIC litorais”, LIC humidais e corredores fluviais” e “LIC de montaña”.
Débese ter en conta que a rexión bioxeográfica Atlántica do estado español inclúe as Comunidades Autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León, País Vasco e Navarra. Tendo en conta o número de tipos hábitats prioritarios, os non prioritarios e os totais dos LIC Atlánticos españois obtéñense os seguintes resultados.
En relación ao grupo de hábitats de interese comunitario, os LIC das categorías "humidais" e "litorais" de Galicia acadan os valores máximos e medios máis elevados, considerablemente distanciados dos do resto de Comunidades Autónomas. Con respecto aos primeiros, Asturias e Navarra son os territorios que presentan valores medios máis baixos, mentres que no caso dos litorais, son o País Vasco e Asturias, as comunidades con valores medios e inferiores máis baixos. O conxunto de LIC de montaña mostra, en contraposición aos dous anteriores, unha maior homoxeneidade con valores máximos de hábitats de interese comunitario presentes superiores a 20 en Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, esta última co máximo absoluto (27). Os valores medios nestas Comunidades Autónomas son igualmente bastante parellos, por enriba dos 10 tipos de hábitats. Pola súa contra os valores máis baixos rexístranse en Asturias (0) e Cantabria (1).
No relativo aos hábitats tipificados como prioritarios, as tendencias cambian. Así, Galicia rexistra neste caso o número máis elevado de hábitats deste tipo dentro do grupo de LIC litorais e, paradoxicamente, nos de montaña, mentres que no grupo de LIC humidais equipárase a Castela e León, con 8 tipos. Destaca neste último grupo de LIC os baixos valores máximos e medios acadados por outras Comunidades Autónomas como Navarra, Asturias e País Vasco. En canto aos LIC litorais, Asturias, Cantabria e País Vasco presentan valores máximos e medios baixos en comparación cos xa comentados de Galicia, pois non superan os 6 e 4 hábitats prioritarios respectivamente.
A situación é similar no caso dos LIC de montaña, pois acádanse valores de 8 para o máximo e 5 para a media. É interesante destacar con relación a este tipo de hábitats o seguinte, existen LIC litorais no País Vasco e LIC de montaña en Asturias e Cantabria que, segundo as fontes empregadas, carecen de hábitats de tipo prioritario, cuestión que entraría en conflito co requisito establecido no punto 2 do art. 4 da DC 92/43/CEE para a aceptación de lugares propostos polos Estados Membros para formar parte da lista definitiva de Espazos da Rede Natura 2000.
A representación do total de hábitats presentes nos LIC da rexión bioxeográfica Atlántica mostra un aspecto moi semellante ao descrito para a parcial dos hábitats de interese comunitario, debido ao maior peso deste grupo de hábitats nos grupos de LIC humidais e litorais, mentres que no caso dos LIC de montaña, o peso que alcanza Galicia dentro de subconxunto de hábitats prioritarios fai que nesta representación conxunta sexa a Comunidade Autónoma na que se atopa o LIC cun maior número total de hábitats da Directiva 92/43/CEE, o LIC Os Ancares-O Courel sito na provincia de Lugo. Non obstante, o valor medio máis elevado obtense para o conxunto de LIC de montaña de Castela e León, con 21 tipos de hábitats.
Esta información mostra que os LIC de Galicia contribúen, na súa actual delimitación, dun xeito substancial aos fins de mantemento da diversidade ecolóxica que a UE persegue coa aprobación e posta en práctica de Directiva Hábitat. Esta situación é especialmente significativa nos grupos de LIC humidais e LIC litorais, dentro dos que se atopan algúns dos espazos cunha maior diversidade ecolóxica da parte española da rexión bioxeográfica Atlántica. Aínda que non dun xeito tan destacado, os LIC de montaña galegos tamén contribúen cun conxunto de hábitats elevado no contexto bioxeográfico analizado, integrando un elevado número de hábitats en gran parte deles.
Os resultados obtidos anteriormente deben de interpretarse enmarcados nun contexto fortemente condicionado polas fontes de información utilizadas. Neste sentido, é conveniente lembrar que a base de datos subministrada polo MAMMRM presenta importantes contradicións con respecto a diversas publicacións e documentos técnicos nos que analiza a distribución e variabilidade dos tipos de hábitats presentes en diferentes territorios españois (cf. Fernández Prieto & Díaz González 2003; Escudero Alcántara
et al. 2008). En boa medida, estas carencias derivan da inexistencia dunhas directrices comúns a nivel estatal destinadas a coordinar e dar coherencia ao proceso de identificación e cartografía dos hábitats da Directiva 92/43/CEE no noso país que, como é sabido, recae administrativamente baixo responsabilidade última de cada unha das Comunidades Autónomas. Algúns exemplos de situacións paradóxicas ás que conduce a aplicación de criterios dispares dentro da parte española da rexión bioxeográfica Atlántica poderían quedar plasmados en casos como os dos tipos de hábitats que a continuación se relacionan.
Como xa se comentou, a persistencia de diverxencias interpretativas e malinterpretacións na identificación dos tipos de hábitats dificulta a posta en práctica e a utilidade da aplicación da DC 92/43/CEE en España. Sorprende, dende este punto de vista, que non se producira un axuste periódico entre a información proporcionada polas diferentes Comunidades Autónomas e a xerada polo avance científico-técnico que nos últimos anos se produciu sobre esta materia. Un exemplo patente desta coordinación obsérvase ao confrontar os listados de hábitats leñosos proporcionados polas fichas correspondentes aos LIC da rexión bioxeográfica Atlántica de Asturias e Cantabria albergadas na páxina web do MMAMRM co achegado por Fernández Prieto & Díaz González (2003) nun traballo no que se argumenta a presenza de cada un dos tipos de hábitats considerados como presentes neste ámbito bioxeográfico. Por elo, e en aras a que a devandita Directiva sirva de xeito efectivo para preservar a diversidade ecolóxica do noso territorio, sería desexable que se tomasen medidas dirixidas a reconducir esta situación, mantendo o criterio de coherencia que nela se formula.