Manual de Hábitats de Galicia.
Os Hábitats de Interese Comuntario en Galicia
O Anexo I da DC 92/43/CEE engloba 231 tipos de hábitats de interese comunitario, dos que 72 tipos son considerados como hábitats prioritarios. En Galicia están presentes 72 tipos de interese comunitario (33%), dos cales 18 son considerados como prioritarios (25%).
A nivel estatal, o aporte de Galicia á diversidade de hábitats de interese comunitario é notable, incluindo o 57% destes hábitats dentro do estado español. Tendo en conta os datos existentes para o conxunto do territorio español, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma do estado en número total de hábitats, así como naqueles tipos prioritarios. Ademais conta con 4 hábitats de interese comunitario inventariados soamente dentro do territorio galego, son o Nat2000 1220 - Vexetación perenne de coídos, o Nat2000 7120 - Turbeiras altas degradadas, Nat2000 8240* - Pavimentos calcarios e o Nat2000 91F0 - Bosques mixtos das veigas dos grandes ríos.
A distribución dos hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE nas diferentes provincias galegas é desigual, observándose como a provincia de Lugo presenta o maior número de hábitats de interese comunitario de entre as 4 provincias, superando a todas elas en máis de 10 tipos diferentes. Unicamente lle restan tres hábitats de interese comunitario para completar o conxunto dos mesmos en toda Galicia.
Os 69 hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE na provincia lucense contrastan cos 40 da ourensán, provincia co menor número de hábitats no territorio galego, situación que se explica pola ausencia de hábitats dos grupos ligados a medios litorais, ao ser unha provincia sen saída ao mar. É por isto que débese ter en consideración á provincia de Ourense, mostrando unha importante diversidade de hábitats, xa que de posuír esta un tramo costeiro equivalente ao das restantes provincias galegas, podería ver incrementado o seu número de hábitats en 20, colocando a esta provincia en segundo lugar en Galicia e ser só superada pola provincia de Lugo.
As provincias de A Coruña e Pontevedra inclúen un número similar de hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE, contando a primeira con 3 tipos prioritarios máis. En todo caso pódese afirmar a elevada proporción de hábitats prioritarios nas catro provincias galegas, con 12 tipos en Ourense e Pontevedra, 15 en A Coruña e 18 en Lugo, esta última provincia ten representados todos os hábitats galegos deste tipo.
Comparando ás diferentes provincias galegas coas dezasete Comunidades Autónomas do estado español, Ourense e Pontevedra situaríanse no undécimo lugar, A Coruña no sétimo, e Lugo, tras Galicia, no terceiro, o que demostra a importante diversidade de hábitats existente nas catro provincias galegas.
A elevada diversidade galega de hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE é tamén apreciable observando a súa distribución por cuadrículas UTM de 100 Km2. A media de tipos en Galicia situaríase en 17,4 hábitats/100 Km2, máis do dobre do valor obtido para a Península Ibérica (8,2 hábitats/100 Km2) de acordo coa información da Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA). Atendendo ao mapa obtido, compróbase como as cuadrículas con máis de 30 tipos de hábitats diferentes pertencen exclusivamente aos tramos litorais. A provincia de A Coruña, a que conta co tramo litoral máis extenso, é a que inclúe un maior número de cuadrículas con máis de 30 hábitats de interese comunitario (22), a continuación situaríase Lugo (4) coa rasa cantábrica e a ría de Viveiro, e finalmente Pontevedra (3) que incluirían parte das súas tres rías, as de Arousa, Pontevedra e Vigo.
Débense sinalar aquelas cuadrículas UTM nas que se superan os 35 hábitats de interese comunitario, xa que unicamente é posible atopalas en Galicia dentro do estado español. Contabilízanse cinco destas cuadrículas, catro delas na provincia de A Coruña e unha na de Lugo. As relativas á provincia coruñesa intégranse nos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) Costa da Morte e Carnota - Monte Pindo, mentres que a única da provincia de Lugo pertence aos LIC Monte Maior, Río Landro e Costa da Mariña Occidental, incluíndo 39 hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE e 9 prioritarios, o que converte a esta cuadrícula na de maior número de hábitats en toda España, destacando ademais por ter representados os 9 grupos de hábitats recollidos na DC 92/43/CEE.
Excluíndo o tramo litoral da análise, aprécianse varios núcleos con entre 20 e 30 hábitats de interese comunitario, estas áreas están asociadas a diferentes sistemas montañosos da Galicia oriental, as Serras do Xistral e Cadramón no Norte lucense, as Serras dos Ancares e O Courel no Leste e por parte da provincia de Ourense as Serras da Queixa, San Mamede e do Eixe. Polo que respecta ás zonas de chairas e vales, tanto os interiores como os sublitorais, presentan polo xeral entre 6 e 15 hábitats de interese comunitario por cuadrícula, con valores normalmente superiores á media existente na Península Ibérica (8,2 hábitats/100 Km2). Doutra banda constátase a ausencia no territorio galego de cuadrículas con ningún hábitat do Anexo I da DC 92/43/CEE.
O mapa de distribución de hábitats prioritarios por cuadrículas UTM de 100 Km2 presenta un predominio de superficie con menos de 3 hábitats prioritarios. Aínda que se observan tres cuadrículas nas que o número de tipos prioritarios é de 0, o resto contan con algún hábitat prioritario, xeralmente o tipo Nat2000 91E0* - Bosques aluviais de
Alnus glutinosa e
Fraxinus excelsior, amplamente distribuído pola xeografía galega. Con respecto ás tres cuadrículas sen hábitats prioritarios, estas correspóndense con zonas nas que a practicamente a totalidade da cuadrícula UTM é superficie mariña, ou parte dela é solo urbano. Practicamente a metade das cuadrículas UTM de Galicia posúen de 1 a 3 hábitats prioritarios, o 49,5%, mentres que o 39% teñen entre 4 e 6 tipos, e con máis de 6 atoparíanse o 10,4%.
As zonas cunha diversidade maior de hábitats prioritarios por cuadrícula UTM, aquelas con máis de 6 tipos prioritarios, repártense sobre todo pola área litoral das provincias coruñesa e lucense. En áreas de interior unicamente se atoparían en Lugo e Ourense. No primeiro caso sitúanse na Mariña Oriental e Central, na Serra do Xistral, no Río Ladra e nas Serras dos Ancares e O Courel, mentres que por parte de Ourense restrinxiríanse á Serra do Eixe, no Macizo de Pena Trevinca.
8.1 RELACIÓN DE HÁBITATS DE INTERESE COMUNITARIO EN GALICIA
A continuación preséntase a relación dos grupos e tipos de hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE, sinalando aqueles presentes en Galicia
8.2 HÁBITATS DE INTERERE COMUNITARIO NA REDE NATURA 2000
De acordo coa información recollida nas bases de datos da Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA) e do Sistema de Información Territorial da Biodiversidade de Galicia (SITEB) da Xunta de Galicia, inclúese a continuación a información relativa aos tipos de hábitats existentes na Rede Natura 2000 de Galicia.
Co fin de facilitar a súa consulta nos diferentes Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), estes espazos agrupáronse en tres categorías en función dos ambientes ecolóxicos dominantes, “LIC litorais”, LIC humidais e corredores fluviais” e “LIC de montaña”, de igual modo que no apartado 7.2 da presenta obra.
ÁREA LITORAL
ÁREA LITORAL
HUMIDAIS E CORREDORES FLUVIAIS
HUMIDAIS E CORREDORES FLUVIAIS
ÁREAS DE MONTAÑA
ÁREAS DE MONTAÑA