Banco de Datos

Bosques

Manual de Hábitats de Galicia.

Bosques

Os bosques constitúen un tipo natural da vexetación terrestre, dominado por árbores, que se estende pola superficie continental coa soa excepción das zonas moi áridas ou polares, que están ocupadas polos semidesertos, desertos e glaciares. Na maior parte dos casos representan a etapa madura, estable ou clímax na sucesión ecolóxica sendo moi variables no seu aspecto, estrutura e composición florística. En moitas ocasións, pola súa proximidade e frondosidade, as copas trábanse entre si e forman un dosel continuo dando orixe aos chamados bosques pechados ou densos. En outras, sobre todo nos climas máis secos, as árbores áchanse máis separadas ou algo dispersas dun modo natural, polo que non chegan a entrecruzar as súas copas e, en consecuencia, o sotobosque é máis luminoso, dando lugar aos chamados bosques abertos (Rivas-Martínez, 2005). A extensión primixenia dos bosques naturais reduciuse notablemente en toda a Terra debido ás actividades humanas, sobre todo pola transformación de amplas áreas en terreos dedicados ao cultivo ou á gandaría e polo aproveitamento dos principais recursos forestais con fins enerxéticos (madeira e carbón vexetal) e construtivos.
 
Os subgrupos e tipos de hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE que se inclúen nesta categoría engloban bosques naturais e sub naturais de especies autóctonas, en monte alto con sotobosque típico, que responden a un dos seguintes criterios: raros ou residuais, e/ou que albergan especies de interese comunitario.
 
O concepto de bosque natural inclúe formacións de carácter primitivo ou prístino (pristine wood), nas que a súa configuración estrutural, composición biocenótica e ecofunción non foron afectadas pola acción humana. Segundo esta definición, este tipo de hábitats boscosos quedarían restrinxidos ás áreas montañosas centrais e setentrionais da Unión Europea. Por outra banda, a miúdo inclúense igualmente dentro dos bosques naturais aquelas formacións arboradas, máis ou menos intervidas polo ser humano, que representan as etapas clímax de cada territorio ou unidade bioxeográfica e que posúen características ecofuncionais, dinámicas, estruturais e biocenóticas próximas ás daquelas consideradas como prístinas. Non obstante, diversos autores prefiren diferenciar este grupo de bosques dos anteriores e designalos como "bosques primarios". Estes bosques non alterados nas súas características esenciais, malia ser aproveitados polo home dende antigo, consérvanse principalmente en áreas montañosas ou en chairas inundables pouco aptas para o cultivo, alcanzando unha representación moi variable con respecto á totalidade da superficie forestal arborada nos respectivos países da Unión Europea.
 
En calquera dos casos sinalados, se trata dos tipos de hábitats arborados que posúen un maior valor de conservación, representando a etapa madura ou clímax da vexetación natural potencial primitiva. É característica destes bosques a existencia de árbores moi vellos, vivos ou caídos, xunto a outros máis novos, como resultado do dinamismo interno creado pola senescencia, morte ou abatemento natural (por raios, vendavais, etc.) doutras árbores. Tamén adoita ser habitual que se poida transitar sen grandes dificultades polo sotobosque, que non adoita ser moi denso, salvo pola presenza das árbores caídas.
 
Como bosques sub naturais, se englobarían formacións arbóreas fortemente influenciados pola actividade humana ("bosques secundarios") que representan estadios iniciais na dinámica dos bosques naturais ou mesmo aquelas formacións de orixe natural sometidas secularmente a un aproveitamento que supuxo unha modificación significativa da composición e estrutura do bosque primitivo, como é o caso das “dehesas” mediterráneas ou as plantacións antigas de Castanea sativa (soutos) presentes en diversos países ribeiráns do mediterráneo así como na área atlántica da Península Ibérica.
 


Os diferentes tipos de bosques naturais e sub naturais existentes en Galicia, albergan un importante continxente de especies silvestres que mostran unha forte dependencia e, consecuentemente, fidelidade ao ambiente nemoral e que se atopan catalogadas como especies protexidas. Entre os taxóns botánicos cabería destacar Culcita macrocarpa, Vandenboschia speciosa e Woodwardia radicans, aos que habería que unir un importante número de especies tipificadas nas categorías de En perigo e Vulnerable segundo a Lista Vermella da Flora Vascular Española. Entre as especies faunísticas, habería que resaltar as poboacións da pita do monte cantábrica (Tetrao urogallus cantabricus), as poboacións cantábricas occidentais de oso pardo (Ursus arctos), ou as de aves forestais como o pito negro (Dryocopus martius) ou o bufo real (Bubo bubo).
 
A cobertura territorial das formacións arboradas de carácter natural e subnatural en Galicia sufriu ao longo dos últimos 3.000-2.500 anos unha forte redución (Ramil-Rego, 1992; Muñoz Sobrino, 2001), quedando relegada a unha superficie similar á ocupada pola vexetación arborada durante os períodos fríos da última glaciación cuaternaria. A análise temporal da superficie que as diversas formacións arbóreas recoñecibles neste territorio tiveron ao longo do Holoceno permite considerar moitas de elas como pertencentes á categoría de "residuais" ou "raras", como é o caso dos faiais, os bosques de barrancos, os bosques aluviais ou as turbeiras boscosas, que nos últimos 10.000 anos ocuparon superficies reducidas neste contexto. Noutras, como as carballeiras, concentráronse os procesos deforestadores iniciados hai máis de 7.000 anos e xeneralizados a partir do 4.500-4.000 anos BP. Como contrapartida e, sobre todo como consecuencia de diversos impulsos reforestadores levados a cabo nos últimos séculos, foise consolidando a supremacía territorial das formacións arbóreas de carácter exótico (piñeirais, eucaliptais, etc.) no ámbito de Galicia, fronte aos bosques naturais e sub naturais.

Os tipos de hábitats arborados que merecen protección no ámbito da Unión Europea aparecen recollidos dentro do Anexo I da Directiva 92/43/CEE baixo seis epígrafes, en catro deles formacións arboradas presentes en Galicia: 91. Bosques da Europa temperada, existen igualmente representacións dentro dos chamados 92. Bosques mediterráneos caducifolios, 93. Bosques esclerófilos mediterráneos e 95. Bosques de coníferas de montañas mediterráneas e macaronésicas.
 


O grupo de hábitats de interese comunitario Bosques é o máis grande dentro do Anexo I da DC 92/43/CEE. En Galicia este grupo é o que posúe un maior número de hábitats (12), dos cales catros son considerados como prioritarios. O que presenta unha distribución máis ampla no territorio galego e a Rede Natura 2000 é o tipo prioriotario Nat2000 91E0* – Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior, podendo atoparse en case todos os lugares da Rede Natura 2000, 57 LIC e 14 ZEPA. Este hábitat non se ten descrito no LIC Illa Cíes e Illas Estelas e na ZEPA Illas Cíes.
 
Pola súa contra, os hábitats de interese comunitario do grupo Bosques que posúen unha distribución máis restrinxida en canto a lugares da Rede Natura 2000 son os tipos Nat2000 9120 – Faiais acidófilos atlánticos e Nat2000 92A0 – Bosques de ribeira de Salix alba e Populus alba.
 

No tocante á estimación da superficie de hábitats do grupo Bosque na Rede Natura 2000 de Galicia sobresae o tipo Nat2000 9230 – Carballeiras galaico-portuguesas de Quercus robur e Quercus pyrenaica, con algo máis de 30.000 ha. o que sitúa este hábitat como o terceiro entre todos os presentes en Galicia. Seguindo ao tipo Nat2000 9230 atópase o Nat2000 9260 – Soutos con preto de 11.000 ha., mentres que en terceiro posto sitúase o tipo prioritario Nat2000 91E0* – Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior. Os tipos Nat2000 91D0* – Turbeiras boscosas, Nat2000 91F0 – Bosques mixtos das veigas dos grandes ríos e Nat2000  92A0 – Bosques de ribeira de Salix alba e Populus alba estarían situados en último lugar dentro desta clasificación por superficie dos hábitats de interese comunitario do grupo Bosque na Rede Natura 2000 de Galicia.
 
Os tipos de hábitats de interese comunitario relacionados co xénero Pinus non se consideran en Galicia, ao carecer de poboacións naturais deste xénero no territorio. Aínda así, existe diversidade de criterios para a consideración de masas de piñeiro como hábitats de interese comunitario no estado español. Baste como exemplo a Comunidade Autónoma de Castela e León, onde, na súa guía de interpretación de hábitats de interese comunitario (Escudero et al. 2008), consideran masas artificiais de algunhas repoboacións antigas e con alto grao de naturalidade de piñeiro como hábitat de interese comunitario. Esta diversidade de criterios é apreciable observando a figura relativa á distribución do tipo Nat2000 9540 – Piñeirais mediterráneos de piñeiros mesoxeanos endémicos que se pode consultar na Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA)
 
Dentro do grupo de hábitats de interese comunitario Bosques hai que salientar o hábitat Nat2000 91F0 – Bosques mixtos das veigas dos grandes ríos, xa que este hábitat está descrito unicamente en Galicia no contexto español. De acordo coa información existente na Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA) este hábitat está presente en Portugal e boa parte da Europa central.
 









BOSQUES DA EUROPA TEMPERADA

Dentro do subgrupo 91. Bosques da Europa temperada, a Directiva 92/43/CEE contempla 29 categorías nas que se distribúen bosques de coníferas (abetais, piñeirais), faiais, carballeiras albares e pedunculadas, bosques mixtos, turbeiras arboradas e bosques de carácter aluvial. En cinco destas categorías inclúense diversos tipos de bosques presentes en Galicia: Nat2000 9120 - Faiais acidófilos atlánticos con sotobosque de Ilex e ás veces de Taxus (Quercion robori-petraeae ou Ilici-Fagenion), Nat2000 9180* - Bosques de encostas, desprendementos e barrancos do Tilio-Acerion, Nat2000 91D0* - Turbeiras boscosas, Nat2000 91E0* - Bosques  aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae) e Nat2000 91F0 - Bosques mixtos de Quercus robur, Ulmus laevis, Ulmus minor, Fraxinus excelsior ou Fraxinus angustifolia, das veigas dos grandes ríos (Ulmenion minoris).
 

BOSQUES MEDITERRÁNEOS CADUCIFOLIOS

Dentro desta categoría inclúese fundamentalmente faiais meridionais europeos, diversos tipos de carballeiras de especies marcescentes (subesclerófilas), bosques de especies mesófilas (Platanus, Liquidambar), bosques de cipreses e diversos tipos de galerías riparias de distribución circummediterránea. De todas elas soamente tres están representadas en Galicia: Nat2000 9230 - Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica, Nat2000 9260 - Soutos e Nat2000 92A0 - Bosques de ribeira de Salix alba e Populus alba.






BOSQUES ESCLERÓFILOS MEDITERRÁNEOS

O subgrupo Bosques esclerófilos mediterráneos inclúen 10 tipos de hábitats caracterizados polo dominio fisionómico de especies perennifolias, tres dos cales teñen representación dentro de Galicia: Nat2000 9330 - Sobreirais, Nat2000 9340 - Aciñeirais e Nat2000 9380 - Bosques de Ilex aquifolium.


BOSQUES DE CONÍFERAS MEDITERRÁNEAS E MACARONÉSICAS

O subgrupo 95 Bosques de coníferas de montañas mediterráneas e macaronésicas engloban a 9 tipos de hábitats, dos cales soamente un esta presente en Galicia. Nat2000 9580* - Bosques de Taxus baccata.


 
FICHAS HÁBITATS
9120
Faiais acidófilos atlánticos con sotobosque de Ilex e as veces de Taxus.
9180*
Bosques de encostas, desprendementos e barrancos do Tilio-Acerion.
91D0*
Turbeiras boscosas
91E0*
Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae)
Descarga
91F0
Bosques mixtos de Quercus robur, Ulmus laevis, Ulmus minor, Fraxinus excelsior ou Fraxinus angustifolia, das veigas dos grandes ríos (Ulmenion minoris)
9230
Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica
9260
Soutos
92A0
Bosques de ribeira de Salix alba e Populus alba
9330
Sobreirais
Descarga
9340
Aciñeirais
Descarga
9380
Acevedos
Descarga
9580*
Teixedais
Descarga