Manual de Hábitats de Galicia.
Limiar
As políticas de conservación e xestión do territorio centráronse tradicionalmente na protección de grandes espazos delimitados, en moitas ocasións, por un conxunto de valores que responderon máis a criterios de carácter escénico ou mesmo relixioso ou cultural, que a unha valoración obxectiva dos compoñentes da biodiversidade e xeodiversidade.
As primeiras etapas de declaración de áreas protexidas no estado español, derivada da aplicación da Lei do 8 de decembro de 1916 de parques nacionais e da Lei 15/1975 de espazos naturais protexidos, consagran legalmente a primacía dos elementos pintorescos e agrestes, mesturados con condicionantes culturais e relixiosos na declaración dos espazos naturais, fronte ás necesidades de conservar a xea, a flora, e a fauna. O concepto de ecosistema, proposto inicialmente por Arthur Tansley en 1935, non será aínda asumido polo lexislador español.
A recuperación da democracia vén marcada por unha nova normativa estatal relativa aos espazos naturais e á conservación da diversidade. A Lei 4/82, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre, supón un cambio de rumbo na política de conservación, reducindo o peso dos elementos pintorescos na configuración das áreas protexidas, aínda que non formula un modelo obxectivo para a súa delimitación. O alcance da lei quedou moi condicionado, e centrado nun número moi reducido de áreas protexidas, delimitadas nalgúns casos cunha aplicación moi libre da propia Lei, así como nun número concreto e escaso de especies de flora e fauna silvestre protexidas, polo menos no diario oficial.
Neste ambiente, a aprobación da Directiva Comunitaria 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, xerou un verdadeiro cambio de rumbo na peculiar política de conservación existente no estado español, enmarcando ademais, o desenvolvemento da política impulsada polas Comunidades Autónomas. A Directiva Hábitat, formúlase dende un concepto ecosistemático do territorio, formulando a conservación e xestión dos seus procesos e funcións, como de unidades concretas destes, os hábitats, e dos seus propios elementos bióticos, as especies. Achegando ademais criterios e unha metodoloxía para a delimitación das áreas protexidas, e para a avaliación do seu estado de conservación.
As áreas protexidas delimitadas nos distintos países da Unión Europea en conformidade coa DC 92/43/CEE, conforman unha extensa rede de espazos naturais, a Rede Natura 2000, iniciativa que soamente é superada tanto en extensión, coma no número de países que a conforman, pola Rede Mundial de Reservas da Biosfera, e a Lista de Humidais de Importancia internacional do Convenio de Ramsar.
No procedemento de configuración e implementación da Rede Natura 2000, a información ambiental, referida aos tipos de hábitats e especies incluídas nos anexos da DC 92/43/CEE, convértese nun elemento esencial no deseño, xestión e seguimento das áreas protexidas e da propia rede. Non obstante, en moitas áreas xeográficas, a información existente é escasa, ou presenta deficiencias en canto á xeorreferenciación dos seus compoñentes. Esta situación vese agravada no caso dos hábitats, cando se trata de protexer elementos que ata o momento tiveran un escaso interese entre as políticas nacionais de conservación, ou mesmo de hábitats cuxa análise e distribución non foran obxecto de estudios científicos en grandes áreas territoriais. A falta de información agrávase naquelas áreas con condicións bioxeográficas e de usos do territorio particulares, que reducen a aplicabilidade de estudios xeneralistas, impulsados e edificados dende unha visión centralista e reducionista.
O presente traballo formulouse co obxectivo, de efectuar unha primeira avaliación da diversidade dos tipos de hábitat do Anexo I da DC 92/43/CEE presentes en Galicia, contextualizándoo con outras áreas da Península Ibérica e da propia Unión Europea.
Os Autores.
Lugo, 2009
Agradecementos
A información aquí contida é froito do desenvolvemento de diversos proxectos de investigación elaborados nos últimos nove anos polo GI-1934 TTB: Caracterización e seguimento dos hábitats e plantas de importancia comunitaria no extremo setentrional de Galicia (Plan Galego de I+D. Xunta de Galicia. 2001-2004); Valoración de turbeiras e queirogais húmidos dentro da rede de espazos naturais de Galicia (Plan Nacional de I+D+I. Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía. 2002-2005); Our Common European Cultural Landscape Heritage (Unión Europea 2004-2007), Avaliación do estado de conservación dos hábitats nos Lugares de Interese Comunitario do espazo litoral-sublitoral das provincias de A Coruña e Lugo (Plan Galego de I+D. Xunta de Galicia. 2001-2004), así como de diversos convenios de colaboración efectuados coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia.
Dedicatoria
Ao ilustre botánico Baltasar Merino y Román (1845,1917), no centenario da publicación da Flora ilustrada e Descritiva de Galicia (1905-1909).