En 1968, a UNESCO celebrou en París a Conferencia intergobernamental de expertos sobre as bases científicas da utilización racional e a conservación dos recursos da Biosfera, na que se analizaron os usos e a conservación dos recursos naturais. Entre as súas conclusións acordouse recomendar á UNESCO a creación dun programa internacional de investigación sobre o home e a biosfera, que abordase entre outras actuacións: a) a investigación sobre a polución na Biosfera, así como as medidas para o seu control, b) a utilización racional dos recursos naturais, c) a utilización e conservación dos recursos xenéticos, d) a conservación dos espazos naturais e das especies ameazadas, e) o desenvolvemento de proxectos de colaboración en países en vías de desenvolvemento, f) a creación de centros de investigación e formación para o inventario e a avaliación dos recursos naturais (UNESCO 1969, 1971, 1972, 1981, 1984; Batrisse 1984, UNESCO 1996, OAPN 2012, Ramil-Rego et al. 2011 b., Ferreiro da Costa & amp; Ramil-Rego 2018).
En 1971, a UNESCO aprobou a posta en marcha do Programa Home & Biosfera ( Man & Biosphere Programme, M&B Programme), integrado no “Sector das ciencias naturais e sociais” e orientado á procura de novos modelos para a conservación e o uso racional dos recursos naturais na Biosfera, tratando de mellorar a relación global entre as persoas e o medio ambiente. En 1974, a UNESCO alentou a reunión dun grupo de traballo do Programa M&B no que se expuxo a súa reorientación, así como a creación de áreas-piloto para aplicar e avaliar modelos territoriais para o cumprimento dos seus obxectivos. Ditas áreas-piloto serán designadas como “Reservas de Biosfera” (UNESCO 1969, 1971, 1972, 1981, 1984; Batrisse 1984, UNESCO 1996, OAPN 2012, Ramil-Rego et al. 2011 b., Ferreiro da Costa & Ramil-Rego 2018). Dous anos máis tarde, en 1976, a UNESCO, declarou as primeiras Reservas de Biosfera e o seu número foise incrementando en anos sucesivos, de modo que, no ano 1979, alcanzábanse as 86 Reservas, distribuídas entre 23 países.
En 1977 foron declaradas as dúas primeiras Reservas da Biosfera españolas: Grazalema (Andalucía) e Ordesa-Viñamala (Aragón). En 1995, o número de Reservas de Biosfera declaradas alcanzaba as 324, das que 14 eran españolas: Grazalema (1977), Ordesa- Viñamala (1977), Montseny (1978), Doñana (1980), Mancha Húmida (1980), As Serras de Cazorla e Segura (1983), Marismas do Odiel (1983), A Palma (1983), Urdaibai (1984), Sierra Nevada (1986), Cuenca Altadel Río Manzanares (1992), Lanzarote (1993), Menorca (1993), Sierra de las Nieves e a seu estorno (1995). A primeira Reserva de Biosfera de Galicia, Terras do Miño, foi declarada o ano 2001.
O éxito do programa e a necesidade de fortalecelo levaron á UNESCO a celebrar en marzo de 1995 en Sevilla unha conferencia internacional de expertos do Programa Hombre & Biosfera, na que se redactaron dous documentos esenciais: a Estratexia de Sevilla para as Reservas da Biosfera e o Marco Estatutario da Rede Mundial das Reservas da Biosfera. Ambos os documentos foron posteriormente adoptados oficialmente en novembro de 1995, baixo a Resolución 28/C/2.4. da Conferencia Xeral da UNESCO e publicados en 1996 (UNESCO 1996).
As Reservas da Biosfera constitúen un elemento esencial do Programa M&B da UNESCO. Son áreas de ecosistemas terrestres, costeiros ou mariños nos que se promove a conservación dos recursos naturais e o desenvolvemento económico e social das comunidades locais, tendo en conta todas as necesidades sociais, culturais, económicas dos seus poboadores, apoiadas nunha base científica. As Reservas da Biosfera son lugares excepcionais para a investigación, a observación a longo prazo, a formación, a educación e a sensibilización do público, permitindo ao mesmo tempo que as comunidades locais participen plenamente na conservación e o uso sostible dos recursos.
De acordo co Marco Estatutario da Rede Mundial das Reservas de Biosfera (UNESCO 1996), as Reservas da Biosfera deben cumprir tres funciones básicas:
1) conservación: contribuír á conservación das paisaxes, os ecosistemas, as especies e a variación xenética;
2) desenvolvemento: fomentar un desenvolvemento económico e humano sostible desde os puntos de vista sociocultural e ecolóxico; e
3) apoio loxístico: prestar apoio a proxectos de demostración, de educación e capacitación sobre o medio ambiente e de investigación e observación permanente en relación con cuestións locais, rexionais, nacionais e mundiais de conservación e desenvolvemento sostible.
Todas as Reservas da Biosfera aprobadas pola UNESCO configuran a Rede Mundial de Reservas de Biosfera como lugares de demostración que poden ofrecer respostas eficaces aos novos retos, como a perda dos coñecementos tradicionais e a diversidade biolóxica e cultural, a perda de terras cultivables, os cambios nos usos do chan ou o cambio climático, nun marco que pretende fomentar prácticas conformes a un modelo de desenvolvemento sostible.
O Marco Estatutario da Rede Mundial das Reservas de Biosfera (UNESCO 1995) fixa tamén os criterios xerais que haberá de satisfacer un territorio para ser designado Reserva de Biosfera: