Banco de Datos

RGRB

Rede Galega de Reservas de Biosfera (RGRB)


O artigo 7 do Marco estatutario da Rede mundial de Reservas de Biosfera (Resolución28C/2.4 da Conferencia Xeral da UNESCO, 1995) regula a participación en rede. Pola súa vez, o artigo 8 aborda as subredes rexionais e temáticas, e dispón que os Estados deben propiciar a constitución e o funcionamento cooperativo de subredes rexionais e/ou temáticas de reservas de biosfera e fomentar, no marco destas subredes, o intercambio de información. Conforme co artigo 27.30 do Estatuto de Autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva para o establecemento de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, no seu artigo 50, inclúe, dentro das áreas protexidas por instrumentos internacionais, as "Reservas de Biosfera" declaradas pola UNESCO e engade que o seu réxime de protección será o establecido nos correspondentes convenios e acordos internacionais, sen prexuízo da vixencia de réximes de protección, ordenación e xestión específicos cuxo ámbito territorial coincida total ou parcialmente coas ditas áreas, sempre que se adecúen ao previsto nos ditos instrumentos internacionais.

De forma mais específica, no capítulo I do título IV da lei (artigos 68 a 70) regúlase a Rede española de Reservas de Biosfera, como un subconxunto definido e recoñecible da Rede mundial de reservas da biosfera, e recóllense, no artigo 70, as características que deben ter as reservas da biosfera para a súa integración e mantemento como tales.

Finalmente, mediante o Decreto 95/2017 creouse a Rede Galega de Reservas de Biosfera. A normativa fixa a existencia dun órgano colexiado para a xestión da rede galega que foi posteriormente regulado a través do Decreto 10/2019.



Configuración da Rede Galega de Reservas de Biosfera

Na actualidade (02/2024) a Rede Galega de Reservas de Biosfera esta conformada por 7 espazos. A primeira en declararse foi a Reserva da Biosfera de Terras do Miño (2002), seguida da Área de Allariz (2005), Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá (2006), a Reserva do Río Eo, Oscos e Terras de Burón (2007), a Reserva Transfronteiriza Gerês-Xurés (2009) e a Reserva das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (2003). En conxunto, abarcan en Galicia un territorio próximo ás 610.000 ha, o cal representa un 21% do total do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A finais de 2019, a Xunta de Galicia iniciou ante o Comité Español do Programa Home &  Biosfera da UNESCO a presentación da candidatura dunha nova Reserva da Biosfera, para o territorio da Ribeira Sacra e as montañas de Oribio e Courel, que finalmente foi aprobada en 15/09/2021 polo Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere, reunido en Abuja (Nixeria), e publicada no BOE. (Resolución 5/10/2021 do OAPN. BOE 247/15/10/2021)
.



Mapa de localización da Red de reservas de Biosfera de Galicia


Normativa
  • Decreto 95/2017, do 21 de setembro, polo que se crea a Rede de reservas da biosfera de Galicia. DOG 195, 13/10/2017. (Descarga: DOG).
  • Decreto 10/2019, do 17 de xaneiro, polo que se crea e se regula o Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. DOG 35, 19/02/2019. (Descarga: DOG)