5 Edición

Acto de entrega da V Edición dos Premios “Rafael Crecente”
 
A cerimonia de entrega dos galardóns da quinta edición dos Premios Rafael Crecente a Propostas Innovadoras en Xestión Territorial desenvolveuse o xoves 15 de decembro de 2022, as 18.00 horas, no Salón Isaac Díaz Pardo (EPSE), do Campus Terra da USC. O acto estivo presidido polo Reitor da Universidade de Santiago, acompañado na mesa polo Director do IBADER, a Directora da EPSE e a Coordinadora do Campus Terra. Ao acto asistiu un importante número de persoas, sendo ademais distribuído en directo a través de distintas plataformas informáticas.
 
O acto incluiu o relatorio ‘As percepcións da cidadanía sobre o cambio climático: unha análise apoiada en big data’, ofrecido por a profesora do Departamento de Análise Económica da USC a Dra. María Loureiro.
 
Na edición do 2022 dos premios Rafael Crecente, o primer premio foi otorgado a Dona Olga Vallejo López polo traballo: “Posible redeseño bioclimático dunha vivenda do rural de Galicia”. O segundo premio foi otorgado a Don Tomás Ariel Arteta, polo traballo titulado: “Optimización dunha produción de kiwiño con técnicas de IA”.

Ao final do acto, o Director do IBADER anunciou a convocatoria da sexta edición dos premios Premios “Rafael Crecente” a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial (2023).
 
 
 

 
V Edición dos Premios “Rafael Crecente” a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial
 
Convocado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC, coa colaboración do Laboratorio do Territorio da USC.
 
O profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015) estaba considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia.

Foi profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela, e o seu labor estivo vinculado principalmente á investigación, sendo director do Laboratorio do Territorio e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) desta universidade. Así mesmo, participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador, lugar no que impulsou un programa de colaboración, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest, profesor invitado na Universidade de Múnich e investigador do IBADER adscrito ao Grupo de Investigación 1934 Territorio-Biodiversidade.
 
Na súa homenaxe, creáronse estes premios para impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial.

Con estas bases publícase a quinta edición destes premios, que se convocan anualmente ao comezo de cada curso académico, e que se publicitan a través das canles institucionais da Universidade de Santiago de Compostela e outros medios de difusión que se consideren oportunos.
 
 
 

BASES DA CONVOCATORIA 2021-2022:
 
1. Obxectivo

Estes premios teñen como obxectivo impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.

2. Participantes

Poderán participar nesta convocatoria todas aquelas persoas que finalizaron a súa titulación universitaria de Grao ou Máster nos últimos 5 anos, tomando como referencia a data límite de entrega de propostas ao presente premio.
 
3. Carácter dos premios

Concederanse dous premios, un primeiro e un segundo, co recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha contía económica de 2.000’00 € e 1.000’00 € respectivamente. A dotación do premio farase a través da partida orzamentaria do IBADER 6095-2416-64000.

As propostas premiadas poderán difundirse parcial ou completamente a través dos medios de difusión que se designen polos organizadores do premio.
 
4. Prazos

Con data de 28 de setembro  de 2021 abriuse o primeiro prazo para presentación de propostas sendo o 31 de xaneiro de 2022 a data límite para a recepción de candidaturas. Devandito prazo para a presentación de candidaturas estendeuse  ata  o 30 de setembro de 2022 .

O fallo, emitido polo Consello Científico do IBADER, farase público no transcurso do mesmo ano académico coincidente coa convocatoria. O acto formal de concesión dos premios terá lugar en data e lugar que serán anunciados oportunamente.
 
5. Presentación das propostas

As persoas candidatas deberán enviar unha proposta innovadora no ámbito do desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial ao correo electrónico premio.rafaelcrecente@usc.es, en formato pdf.

As propostas poderán ser ideas orixinais, ou baseadas en iniciativas ou traballos preexistentes. Neste caso, as propostas candidatas terán que destacar o seu carácter novidoso, explicando onde reside a compoñente de innovación e en que medida a proposta contribúe á iniciativa máis aló do xa existente.

Aínda que os premios buscan ideas innovadoras que poidan inspirar e mellorar a xestión territorial en Galicia, o ámbito das propostas non se circunscribe á devandita comunidade autónoma. Neste sentido acéptanse propostas de fóra deste territorio, a condición de que se detalle e faga referencia explícita á súa aplicabilidade e/ou viabilidade para o contexto galego. Por exemplo, indicando en que medida a proposta é replicable en Galicia, cal pode ser a achega da idea ao contexto galego, que factores poden favorecer ou dificultar a súa aplicabilidade, etc. 

A memoria explicativa terá unha extensión máxima de 50.000 caracteres, sen contar os espazos, e tamaño A4. Poderá presentarse en galego ou castelán, e incluirá un resumo en galego, castelán e inglés dun máximo de 150 palabras. As persoas candidatas solicitarán confirmación da correcta recepción do documento.

Complementariamente á memoria descrita no parágrafo anterior, as persoas candidatas deberán achegar á mesma unha ficha resumo de dúas páxinas, tamén en A4, na que se faga unha breve descrición do proxecto de forma esquemática e visual, incluíndo diagramas, fotografías ou outros elementos gráficos de apoio. Dita ficha resumo terá unha finalidade divulgativa.

Así mesmo, e para fins de difusión e divulgación, os candidatos deberán achegar unha ou dúas imaxes ilustrativas ou representativas da proposta, que se facilitarán en formato png ou jpg/jpeg, Neste sentido, prefírese unha fotografía no canto dunha ilustración ou figura, e en ningún caso debe haber textos sobreimpresos sobre as imaxes facilitadas.

Finalmente, deberase cumprimentar o formulario que se xunta no Anexo I da presente convocatoria, indicando os datos persoais dos participantes, e achegar un curriculum vitae resumido de dúas páxinas de extensión máxima, no que conste expresamente a denominación e a data de obtención do título universitario co que acceden á convocatoria.
 
6. Criterios de valoración

Valoraranse a viabilidade práctica da idea ou proxecto innovador, é dicir, a súa aplicabilidade, o impacto na sustentabilidade territorial e a xestión dos recursos en Galicia, e que teña compoñentes de innovación social, por exemplo, no ámbito da xestión da propiedade. Así mesmo, valorarase a calidade expositiva e a claridade da memoria.

No caso de propostas non orixinais, considerarase de relevancia a achega á iniciativa existente e compoñente de innovación, a cal debe contribuír aos mesmos fins: aplicabilidade, o impacto na sustentabilidade territorial e a xestión dos recursos en Galicia

Con respecto aos traballos de ámbitos territoriais alleos ao galego, a maiores do anterior, terase en conta a viabilidade e aplicabilidade en Galicia.
 
7. Comité avaliador

O Consello Científico do IBADER desempeñará as funcións de  comité avaliador das propostas, podendo solicitar o asesoramento dunha Comisión Externa de expertos, que trasladará as súas propostas a este Consello Científico.

Este Consello Científico terá a potestade de interpretar as bases da convocatoria, así como de determinar o modo correcto da súa aplicación no desenvolvemento destes Premios, tomando as decisións que considere oportunas.

El Consello Científico aprobará unha lista priorizada dos traballos presentados, indicando nela os correspondentes ao primeiro e segundo premio. Así mesmo, á vista da calidade dos traballos, poderá formular unha mención honorífica a aqueles que considere de especial interese. O ditame do Consello Científico será comunicado aos participantes. As decisións deste Comité avaliador serán inapelables.

Ante a publicación do fallo do concurso por parte do Consello Científico do IBADER, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte á data de publicación oficial no taboleiro de anuncios electrónico, de conformidade cos artigos 46 e 8 da Lei da Xurisdición Contencioso Administrativa, aprobada por Lei 29/1998, do 13 de xullo. Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que o ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en tanto non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao amparo dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
 
8. Dereitos das persoas candidatas

Os dereitos de propiedade intelectual serán dos seus autores con excepción dos dereitos de difusión, que corresponderán ás entidades convocantes deste premio.

Así, as entidades convocantes deste premio poderán divulgar por calquera medio audiovisual as propostas presentadas, e en particular a ficha resumo e as imaxes descritas no apartado 5 das presentes bases. Indicarase en todo momento a autoría das propostas innovadoras, informando sobre os dereitos de propiedade intelectual asociados ás mesmas.
 
9. Aceptación das bases

Os participantes aceptarán incondicionalmente as bases da presente convocatoria.