IBADER - Persoal Investigador Non Vinculado


CONVOCATORIA PARA O INGRESO NO IBADER COMO
PERSOAL INVESTIGADOR NON VINCULADO
2024/05/05

 

No marco do procedemento de reformulación dos Institutos da Universidade de Santiago de Compostela (Proposta de reformulación. Consello de Goberno, 1/12/2017), o Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), desenvolveu dous procedementos para a incorporación do  persoal investigador vinculado, así como un procedemento inicial para incorporación do persoal investigador non vinculado. Dado o prazo transcorrido dende a última convocatoria de persoal investigador vinculado, e tendo en conta ademais o marco de estabilización extraordinaria de emprego temporal (Resolución reitoral do 07 de decembro de 2022 (DOG do 21 de decembro de 2022 e BOE do 06 de febreiro de 2023), resulta necesario proceder a efectuar un novo procedemento para a incorporación do persoal investigador non vinculado ao IBADER.
 
O Regulamento de réxime interno do Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, IBADER (Consello de Goberno USC, 29/10/2019), contempla no seu artigo 24 o procedemento para a incorporación do persoal investigador non vinculado (persoal investigador non permanente, persoal investigador en formación, persoal investigador colaborador). Co fin de harmonizar este proceso o IBADER, acordou proceder á apertura da convocatoria formal a tal fin.

 
1.- OBXETO DA CONVOCATORIA
 
A finalidade desta convocatoria é abrir o prazo de solicitude de ingreso ao IBADER, para a figura de persoal investigador non vinculado (persoal investigador non permanente, persoal investigador en formación, persoal investigador colaborador), de acordo co procedemento establecido no Regulamento de réxime interno do IBADER e co Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC.
 
2.- DESTINATARIOS
 
Persoal investigador non vinculado (non PDI) da USC.
 
2.1.- Persoal investigador non permanente: Persoal investigador contratado especificamente con cargo a programas ou proxectos de investigación desenvolvidos por  persoal investigador vinculado ao IBADER, de acordo co marco laboral e normativo aplicable.
 
2.2.- Persoal investigador en formación: Persoal investigador matriculado nalgún programa de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela que conte coa dirección ou codirección de persoal investigador vinculado ao IBADER.
 
2.3.- Persoal investigador colaborador: Entendido como persoal investigador non incluído nos apartados anteriores que colabore asiduamente nalgún proxecto ou programa do Instituto, ou no mantemento das súas actividades.
 
3.- REQUISITOS
 
As incorporacións de persoal non permanente, persoal en formación e persoal investigador colaborador será realizada polo Consello Científico do IBADER, consultada a Comisión Asesora Externa.
 
3.1.- A incorporación de persoal investigador non permanente deberá contar co acordo expreso do persoal investigador vinculado responsable da actividade de investigación na que se atope contratado.
 
3.2.- A incorporación de persoal investigador en formación deberá contar co acordo expreso do persoal investigador vinculado responsable da actividade de investigación en que se atope contratado.
 
3.3.- A incorporación de persoal investigador colaborador realizarase previa solicitude ao Consello Científico da persoa interesada, incluíndo un Curriculum Vitae, que contemple os aspectos referidos no artigo 22 do Regulamento de Réxime Interno do IBADER.
 
3.4.- O persoal investigador non vinculado ao IBADER no poderá formar parte como persoal investigador doutros Institutos Universitarios de Investigación, Centros Singulares ou Centros Propios da USC.
 
3.5.- O persoal investigador non vinculado levará a cabo súa actividade dentro dos ámbitos fixados no Plan de Acción do IBADER.
 
4.- SOLICITUDES
 
Quen desexe participar no proceso de ingreso da presente convocatoria deberá facelo constar por escrito, mediante solicitude dirixida ao/á Sr/a. Director/a do IBADER.
 
Para seren admitidos, as persoas solicitantes manifestarán na súa solicitude que reúnen todos e cada un dos requisitos e condicións de acceso esixidas, referidas á data de expiración do prazo sinalado para a presentación de solicitudes.
 
A presentación da solicitude supón a aceptación das bases por parte de cada persoa solicitante.
 
5.- DOCUMENTACIÓN
 
5.1.- Ademais da instancia de solicitude, o persoal investigador deberá presentar a seguinte documentación:
 
5.1.A.- Xustificante que poña de manifesto a súa condición actual como persoal investigador da USC nas distintas categorías de investigadores non vinculados (persoal investigador non permanente, persoal investigador en formación, persoal investigador colaborador).
 
5.1.B.- Curriculum Vitae abreviado no que se recollan as achegas de I+D+i, principalmente dos últimos dez anos, dos seus méritos de investigación e idoneidade cos obxectivos, fins e liñas do IBADER.
 
5.1.C.- Calquera outra documentación que considere de interese para a súa aceptación como persoal investigador non vinculado ao IBADER.
 
Os ficheiros coa correspondente documentación estarán dispoñibles na páxina web do IBADER.
 
 
6.- PRAZO DE PRESENTACIÓN
 
As solicitudes dirixiranse ao/á Sr./a. Director/a. do IBADER, no prazo de 20 días hábiles dende a publicación no Taboleiro de anuncios da Sede electrónica da USC.
 
7.- LUGAR DE PRESENTACIÓN
 
A presentación de solicitudes farase no Rexistro electrónico da USC (https://sede.usc.es > Rexistro electrónico), de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
 
8.- NOTIFICACIÓNS
 
De conformidade cos artigos 40 a 43 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións practicaranse por vía electrónica, a través do Taboleiro Electrónico da Sede Electrónica da USC, lugar onde se efectuarán as sucesivas comunicacións.
 
9.- ADMISIÓN DAS SOLICITUDES DOS INVESTIGADORES
 
Nos 10 días hábiles seguintes, despois de finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase a relación de persoal investigador admitido e excluído.
 
O persoal investigador non admitido ou excluído poderá xustificar o seu dereito a ser admitido, no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación, quedando excluído definitivamente de non facelo.
 
Rematado este prazo, publicarase a relación definitiva de persoal investigador admitido e excluído.
 
10.- PROCEDEMENTO DE AVALIACION DAS SOLICITUDES
 
O proceso de avaliación das solicitudes será efectuado conforme as disposición contempladas no Regulamento do IBADER. A resolución final será emitida polo Consello do IBADER, consultada a Comisión Asesora Externa, dando traslado da mesma aos interesados e a Vicerreitoría de Política Científica
 
11.- RESOLUCIÓN FINAL
 
Contra a presente convocatoria, poderá interpoñerse recurso de alzada ante este órgano ou directamente ante o/a reitor/a no prazo dun mes, a contar desde o día seguinte á súa recepción, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
 
Lugo a 05/04/2024
 
Pablo Ramil Rego
Director do IBADER

Información complementaria: ---------------------------------------------

Regulamento do IBADER (Enlace)