Instrumentos de Xestión das Areas Naturais Protexidas no ámbito da Serra do Courel


Os instrumentos de xestion das areas naturais protexidas da montaña de Ou Courel correspóndense na actualidade con:

1.- Plan Director da Red Natura 2000 de Galicia.
 
Documento normativo:
Decreto 37/2014, de 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. DOG 62, 31/03/2014. [DOG].
 
Documento técnico:
Ramil-Rego, P. & Crecente Maseda, R. (Coord). Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Conselleria do Medio Rural. Xunta de Galicia (2012). Documento sometido a información pública. Comprende: 1 volumen de texto, 7 volúmenes de anexos. 5 Mapas. (Descarga: IBADER).
 
A normativa do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014), regula as distintas actividades e usos que inciden sobre a conservación e protección dos recursos naturais, incluíndo disposicións para as actividades de uso público (Artigo 61) e para as actividades científicas e de monitoraxe (Artigo 63).

2.- Plan de Xestión da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras de Oribio e Courel.
Integrado na memoria sometida a información pública e finalmente incluído na proposta de declaración enviada á UNESCO. (Descarga: Xunta).
 
3.- Regulación das actividades científicas e monitoraxe no Decreto 37/2014.
 
Decreto 37/2014
Artigo 63. Actividades científicas e monitoraxe
 
1.- Obxectivos.
a) Fomentar o coñecemento sobre a dinámica ou evolución dos compoñentes e dos procesos naturais no espazo natural.
b) Regular as actividades científicas e de monitoraxe do patrimonio natural e da biodiversidade no espazo natural co fin de evitar a afección aos seus compoñentes.
 
2.- Directrices.
a) Favorecerase a realización de traballos de investigación relacionados coa biodiversidade e o patrimonio natural do espazo natural e as súas peculiaridades e fomentarase a investigación naqueles temas de interese para a xestión e conservación destes.
b) Todos os traballos científicos ou de investigación a realizar no ámbito do espazo natural utilizarán as técnicas e métodos menos impactantes posibles para o medio natural.
c) Limitarase a recolección de especimes e mostras biolóxicas ou de rochas, minerais e fósiles aos casos estritamente necesarios e estableceranse as condicións de captura ou recollida nas que se indiquen as cantidades, lugares, épocas e modo de realizalas.
d) Crearase un depósito bibliográfico con copias dos estudos e traballos realizados nos espazos naturais.
 
3.- Normativa xeral.
a) As investigacións científicas serán efectuadas por persoal cualificado logo da avaliación dunha proposta técnica que conterá a información necesaria para avaliar a incidencia da actividade sobre o medio (paisaxe, medios ecolóxicos, hábitats protexidos e especies de interese para a conservación). O órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza poderá propoñer que a realización das actividades científicas se realicen nunha zona ou nunha área concreta do espazo natural ou, se é o caso, denegar a autorización para a súa execución.
 
1º) Neste sentido, prestarase especial atención ás actividades de marcación e anelamento de fauna silvestre, que deberán ser desenvolvidas ao abeiro da normativa sectorial.
 
b) Toda actividade científica ou de investigación, con incidencia nos compoñentes naturais e ambientais do espazo natural, deberá ser autorizada previamente polo órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza e adaptarase ás normas e condicionantes recollidos na devandita autorización.
 
1º) As actividades científicas ou de investigación que afecten especies de interese para a conservación ou a hábitats de interese comunitario deberán contar coa autorización expresa do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza, o cal poderá pedir logo da súa solicitude ou durante o transcurso da actividade, información detallada sobre os labores de investigación e establecer medidas preventivas ou limitacións sobre a recollida, captura, extracción ou sobre os métodos de estudo co fin de asegurar o mantemento do estado de conservación dos hábitats ou das especies obxecto da investigación.
 
2º) Soamente poderán ser outorgados permisos de investigación que afecten o estado de conservación de hábitats ou especies consideradas como de interese para a conservación, cando sexan estritamente necesarios para a xestión destes elementos e cando non existan alternativas para que os traballos de investigación se poidan realizar con outros métodos menos impactantes, ou en áreas non integradas no espazo natural.
 
3º) Para a realización de actividades científicas ou de investigación poderanse outorgar permisos especiais para o transporte de material e persoas polas vías de tránsito restrinxido. Igualmente, poderase autorizar a instalación dos campamentos e infraestruturas necesarias en áreas non habilitadas para tal fin, con carácter temporal e con impacto visual e ecolóxico mínimo.
 
4º) O responsable das investigacións realizadas nun espazo natural deberá proceder aos traballos necesarios para a restauración das condicións naturais que houbese con anterioridade.
 
c) As actividades de investigación ou monitoraxe non poderán deixar pegadas permanentes que vaian en detrimento dos valores naturais e culturais.
 
d) As actividades de investigación non poderán, en ningún caso, introducir especies ou subespecies, así como xenotipos diferentes aos existentes no espazo natural.