Funcións da EC-Courel
As funcións da EC-Courel, no marco das actividades que promove o IBADER, son as seguintes:
1.- O apoio á docencia, como espazos fundamentais para a formación do alumnado de grao, posgrao e formación continua, servindo á súa vez como un punto de encontro para o diálogo e o debate multidisciplinar ao redor da temática medioambiental.
2.- O coñecemento, protección e conservación do patrimonio natural a través do apoio á investigación e o estudo da biodiversidade, así como das medidas de prevención, protección, conservación e recuperación dos hábitats e especies, e investigacións aplicadas nos eidos agrícola, gandeiro, forestal e das augas mariñas e continentais.
3.- O fomento e promoción da investigación científica, facilitando aos investigadores tódalas súas instalacións e medios dispoñibles para o desenvolvemento de traballos científicos, proxectos de investigación, teses de doutoramento e reunións científicas.
4.- O seguimento da dinámica temporal a longo prazo dos principais ecosistemas galegos, caracterizando a variabilidade natural e identificando os patróns cíclicos ou tendencias direccionais.
5.- O estudo das perturbacións de orixe natural ou antrópica que producen alteracións estruturais ou funcionais nos ecosistemas, así como a súa resposta.
6.- A transferencia da innovación e o coñecemento da investigación científica sobre os ecosistemas, con especial relación neste ámbito co sector produtivo, contribuíndo ao desenvolvemento económico sostible dentro dos territorios onde están situados, clave para o benestar social e a conservación dos espazos naturais.
7.- A educación medioambiental, a través da divulgación e a xeración de cultura científica como parte importante da responsabilidade social.
8.- O establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras Universidades e institucións científicas de España e doutros países.