1.- Marco normativo
En Galicia a Infraestrutura Verde atópase indicada en dúas normativas. A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do Patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia [DOG 149, 7/08/2019], e a Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de Ordenación do territorio de Galicia [DOG 8, 14/01/2001].
1.1.- Normativa relativa ao Patrimonio natural
A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do Patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, no seu Título II, incorpora, a semellanza da normativa estatal, unha serie de previsións relativas ás infraestruturas verdes e á conectividade e restauración ecolóxicas, impoñendo a obrigación de elaborar conxuntamente polas consellerías con competencias afectadas unha estratexia galega nesta materia que respecte a estratexia estatal aprobada para o efecto. Esta participación na elaboración da estratexia galega é unha mostra máis das numerosas previsións contidas na presente lei para facer efectiva a integración da consideración ambiental nas demais políticas sectoriais, esixencia derivada do propio Tratado de funcionamento da Unión Europea, no seu artigo 11.
Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.
CAPÍTULO VIII
Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas
Artigo 86.- Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas
1.- Para garantir a conectividade ecolóxica e a restauración do territorio galego, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural elaborará, no prazo máximo de tres anos, contado desde a aprobación da estratexia estatal ao respecto, unha Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas, logo da súa consulta coas consellarías afectadas.
2.- Ademais da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, participarán na elaboración desta estratexia, polo menos, os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou as entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias nas seguintes materias: forestal, agrícola, infraestruturas, augas, ordenación do territorio, enerxía, minaría e paisaxe.
3.- A estratexia galega aprobarase no prazo máximo de tres anos, contado desde a aprobación da estratexia estatal ao respecto, por unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, e publicarase no Diario Oficial de Galicia.
4.- A Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas incluirá, cando menos, os obxectivos contidos na estratexia estatal na materia.
Artigo 87.- Coherencia e conectividade ecolóxica
1.- Para mellorar a coherencia e a conectividade ecolóxica do territorio, a Administración autonómica fomentará na súa planificación ambiental a conservación de corredores ecolóxicos e a xestión daqueles elementos da paisaxe e das áreas territoriais que resulten esenciais ou revistan primordial importancia para a migración, a distribución xeográfica e o intercambio xenético entre poboacións de especies de fauna e flora silvestres, tendo en conta os impactos futuros do cambio climático.
2.- A Administración autonómica outorgará un papel prioritario aos cursos fluviais, ás vías pecuarias, ás areas de montaña e a outros elementos do territorio lineais e continuos ou que actúan como puntos de enlace, con independencia de que teñan a condición de espazos naturais protexidos.
3.- A Administración autonómica procurará establecer mecanismos de colaboración con outras administracións xestoras de espazos contiguos, así como, no marco das súas competencias e respectando a competencia estatal en materia de relacións internacionais, con órganos, organismos públicos ou entes doutros estados, para facilitar a conectividade e a coherencia na xestión.
1.2.- Normativa de Ordenación do Territorio
No preámbulo da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de Ordenación do territorio de Galicia, o lexislador indica que as políticas de planificación territorial han de orientarse aos principios e propostas a escala europea e mundial, como son impulsar o desenvolvemento de infraestruturas verdes en todos os ámbitos territoriais (nacional, rexional e local) e garantir a súa consideración na ordenación do territorio, creando así unha rede interconectada dos espazos de maior valor ambiental, paisaxístico e cultural, planificada de maneira estratéxica e deseñada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos e para protexer a biodiversidade, tanto dos asentamentos rurais como urbanos. Do mesmo xeito que as infraestruturas tradicionais, esta infraestrutura servirá para vertebrar o territorio, dotándoo de continuidade, sendo necesaria a súa definición con carácter previo á planificación das novas demandas de solo.
Unha infraestrutura verde, composta polos espazos naturais, cursos e masas de auga, os espazos non urbanizados e os grandes espazos verdes das cidades, así como os corredores ecolóxicos que os interconectan, permitirá manter en bo estado os ecosistemas, para que poidan continuar prestando os seus valiosos servizos á sociedade, como son o aire limpo e a auga pura. O investimento nunha infraestrutura verde ten unha lóxica económica: manter a capacidade da natureza, por exemplo, para mitigar os efectos negativos do cambio climático, o cal resulta moito máis rendible que substituír eses servizos perdidos por solucións tecnolóxicas humanas moito máis custosas.
O artigo 9 da Lei 1/2021, enmarca a Infraestrutura Verde no ámbito da ordenación territorial de Galicia, indicando:
Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de Ordenación do territorio de Galicia
Artigo 9. A infraestrutura verde
1.- A infraestrutura verde constitúe un sistema territorial básico, composto polos ámbitos de máis relevante valor ambiental, cultural, agrícola e paisaxístico; as áreas críticas do territorio cuxa transformación implique riscos ou custos ambientais para a comunidade; e os corredores ecolóxicos e conexións funcionais que poñan en relación todos os elementos anteriores.
A infraestrutura verde estenderase aos solos urbanos e urbanizables, comprendendo, como mínimo, os espazos libres e as zonas verdes públicas máis relevantes, así como os itinerarios que permitan a súa conexión.
2.- Os instrumentos de ordenación do territorio terán en conta, en función da súa escala, as determinacións da Estratexia estatal de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, así como a que desenvolva a Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, os instrumentos de ordenación do territorio recollerán a identificación e a caracterización dos espazos da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia.
3.- A infraestrutura verde estará integrada por determinados espazos e elementos que desempeñan unha función ambiental e territorial, incluíndo tanto ámbitos protexidos por unha regulación específica como outros que non posúen esa protección. En ambos os dous casos os instrumentos de ordenación do territorio regularán os usos e os aproveitamentos que resulten compatibles co mantemento da estrutura e da funcionalidade da dita infraestrutura.
4.- As funcións da infraestrutura verde son as seguintes:
Para levar a cabo a Estratexia Galega e dar deste xeito cumprimento aos requirimentos fixados polas normas e estratexias da Unión Europea e do Estado, foi necesario abordar inicialmente un amplo traballo científico-técnico no que se depuraron e validaron numerosas fontes de datos tabulares e de información cartográfica, así como procesos de cálculos para a avaliación dos principais compoñentes ambientais, territoriais e dos servizos ecosistémicos. Estes traballos científico-técnicos foron desenvoltos por un amplo equipo interdisciplinario conformado por persoal investigador das universidades da Coruña e Santiago de Compostela, e persoal técnico do Instituto de Estudos do Territorio, que asumiu tamén a dirección técnica do proxecto. Os resultados do mesmo recóllense no documento: Bases Científico-Técnicas para o establecemento da Infraestrutura Verde de Galicia (2021). Onde se establece o marco xeral da infraestrutura verde para o ámbito mariño e terrestre de Galicia, así como para os grandes ámbitos urbanos-periurbanos. Para dar cumprimento a todas as obrigacións contempladas nas estratexias europea e estatal sobre Infraestrutura Verde, así como as disposicións incluídas na normativa estatal e autonómica, redáctase esta Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da Conectividade e a Restauración Ecolóxica.
O documento da Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da Conectividade e a Restauración Ecolóxica, foi aprobado polo Consello da Xunta de Galica o 07/10/2024 entrando en vigor no ano 2025: ORDE do 4 de outubro de 2024 pola que se aproba a Estratexia galega da Infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas.DOG 27, 10/02/2025 [Descarga-DOG].
2.- Estratexía Galega de Infraestrutura Verde
A infraestrutura verde é un concepto que integra a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático, asegurando a provisión sostible destes servizos e incrementando a resiliencia dos ecosistemas.
As especiais características do territorio galego fan que este proporcione unha gran diversidade e potencialidade de servizos ecosistémicos. Algúns datos que reflicten esta potencialidade son as 1.400.000 hectáreas de superficie arborada (48% do territorio), os 50.000 km de ríos, os 1.498 km de costa, os 72 tipos de hábitats de interese comunitario (a terceira comunidade autónoma con maior número de hábitats) ou unha densidade de hábitats que dobra a media española (17,4 hábitats/100 km2 fronte a 8,2), ao que hai que engadir certas características, como a existencia dunha actividade agrícola tradicional ou unha estreita relación entre as zonas urbanas e rurais. Todo isto fai, se cabe, máis necesaria a conservación, potenciación e aproveitamento de todos estes valores, polos seus beneficios ambientais e sociais, pero tamén pola súa capacidade para xerar emprego.
A finalidade da estratexia é a creación dunha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos. Trátase en definitiva de levar a cabo unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental para asegurar a provisión de servizos de regulación (biodiversidade, adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire, control de inundacións e erosión, etc.), servizos de abastecemento (produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía, etc.) e servizos culturais (ocio, benestar, saúde, paisaxe, etc.).
Estas redes estratexicamente planificadas de espazos verdes poden proporcionar múltiples beneficios a través do soporte dunha economía verde, a mellora da calidade de vida, a protección da biodiversidade e o incremento da capacidade dos ecosistemas para proporcionar servizos como a redución do risco de desastres naturais, a purificación da auga, a calidade do aire, os espazos de ocio e a adaptación e mitigación do cambio climático.
A Comisión Europea adoptou no ano 2013 unha estratexia destinada a fomentar a infraestrutura verde nas distintas políticas: agrícola, forestal, ambiental, auga, pesca, medio mariño, desenvolvemento rexional, mitigación e adaptación ao cambio climático, transporte, enerxía, prevención de catástrofes e ordenación do territorio.
Este traballo desenvolveuse dentro dun convenio de colaboración cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña no que participan cinco grupos de investigación:
A Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da Conectividade e a Restauración Ecolóxicas supón un cambio de paradigma na ordenación do territorio e un compromiso coa preservación da natureza polos beneficios que esta achega á sociedade e á sustentabilidade do planeta. Vai permitir reducir a rotura ou fragmentación de hábitats que albergan ecosistemas claves para o benestar da poboación, permitindo que se poidan restaurar espazos degradados por mor da contaminación ou da explotación incontrolada dos seus recursos.
A súa finalidade é crear unha rede territorial continua entres aqueles espazos de maior valor ambiental, paisaxístico e cultural, cunha planificación estratéxica que permita protexer a biodiversidade dos impactos negativos que xeran as actividades económicas e sociais dos asentamentos urbanos ou rurais, atendendo ás novas demandas do solo.
A Estratexia Galega de Infraestrutura Verde recolle como obxectivos: Deseñar unha planificación e xestión do territorio que respecte aos ecosistemas mais vulnerables; fomentar a coordinación entre as distintas Administracións públicas coa finalidade de garantir o éxito de implantar e consolidar unha infraestrutura Verde coas máximas garantías; priorizar a información, formación e a participación da cidadanía no concepto da Infraestrutura Verde como elemento vertebral dos ecosistemas e hábitats do noso territorio e promover a investigación e mellora dos coñecementos para alcanzar o grao de excelencia na conservación ambiental.
3.- Mais información