Luns, 22 de Xaneiro de 2024

2024/01/22: Aberta a convocatoria da VII Edición dos Premios “Rafael Crecente” a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial


Aberta a convocatoria  da VII Edición dos Premios “Rafael Crecente” a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial 

O premio, convocado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC, coa colaboración do Laboratorio do Territorio da USC, abre a súa septima edición.

Con data de 22 de xaneiro de 2024 abriuse o prazo para presentación de propostas sendo o 30 de setembro de 2024 a data límite para a recepción de candidaturas (
Acceso as bases da 7 edición). 
 
O profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015) estaba considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia.

Foi profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela, e o seu labor estivo vinculado principalmente á investigación, sendo director do Laboratorio do Territorio e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) desta universidade. Así mesmo, participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador, lugar no que impulsou un programa de colaboración, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest, profesor invitado na Universidade de Múnich e investigador do IBADER adscrito ao Grupo de Investigación 1934 Territorio-Biodiversidade.
 
Na súa homenaxe, creáronse estes premios para impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial.

Acceso as bases
2024/01/22: Aberta a convocatoria da VII Edición dos Premios “Rafael Crecente” a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial
Compartir
 
Voltar