En Galicia existen varias iniciativas relacionadas coa infraestrutura verde desenvolvidas ou propostas en distintos concellos galegos. Inclúense plans, estratexias e proxectos municipais vinculados coa renaturalización urbana, a mellora da biodiversidade, a conectividade ecolóxica, a adaptación ao cambio climático e a incorporación de solucións baseadas na natureza na planificación local.
As Neves
O
Plan Estratéxico para a implantación dunha infraestrutura verde de adaptación ao cambio climático no núcleo urbano das Neves PIVAN iniciativa abrangue a redacción do proxecto estratéxico en 2024 e unha intervención inicial de xardinaría para crear zonas de sombra mediante plantación e reposición de arborado.
O plan estratéxico estrutúrase arredor da integración de vexetación, arborado de sombra e solucións urbanas de drenaxe sostible. O documento propón adaptar determinados espazos urbanos como refuxios climáticos, maximizar a función ambiental dos espazos libres existentes, mellora dapermeabilización do solo, mobiliario urbano e accesibilidade universal.
O plan concibe a infraestrutura verde como unha rede funcional de espazos lineais e estanciais, integrando arborado de sombra, zonas verdes, superficies permeables, sistemas urbanos de drenaxe sostible e elementos de mobiliario e accesibilidade. As propostas diferencian entre ámbitos que xa prestan servizos, espazos públicos existentes con posibilidade de mellora e áreas pendentes de desenvolvemento ou incorporación ao sistema público. Desta forma, o documento ordena actuacións futuras e establece criterios comúns para a renaturalización progresiva do núcleo urbano.
A estratexia tamén incorpora medidas relacionadas coa adaptación da normativa municipal, a identificación de posibles fontes de financiamento e a participación cidadá. Entre as primeiras actuacións asociadas ao plan inclúense plantacións de arborado de sombra en distintos equipamentos públicos, co obxectivo de mellorar as condicións ambientais dos espazos máis utilizados pola poboación. En conxunto, o PIVAN constitúe unha ferramenta de planificación local orientada á adaptación climática, á mellora ambiental do espazo público e á incorporación de solucións baseadas na natureza no núcleo urbano das Neves.
Ligazóns de interese:
https://www.fundacionconama.org/wp-content/uploads/conama/premios/8/PIVAN_20240820.pdf
Ponteareas
O Concello de Ponteareas conta cunha
Estratexia de Infraestrutura Verde municipal elaborada polo Concello de Ponteareas coa colaboración da Fundación Juana de Vega, recóllese no documento
Infraestrutura Verde Ponteareas. Estratexia e Plan de Acción, datado en xuño de 2024. O documento estrutúrase arredor dunha diagnose territorial e paisaxística, a identificación dos elementos da rede de infraestrutura verde, a análise de servizos ecosistémicos e unha parte propositiva organizada en visión, misión, proposta espacial e plan de acción.
A estratexia parte da delimitación dos elementos que conforman a rede municipal de infraestrutura verde, incluíndo áreas núcleo, corredores ecolóxicos, áreas de amortecemento, espazos con potencial de xestión multifuncional e ámbitos urbanos. A análise territorial incorpora o papel do río Tea, os espazos fluviais, os montes, os mosaicos agroforestais, as zonas agrícolas e os elementos verdes urbanos como compoñentes relevantes para a conectividade ecolóxica e a provisión de servizos ecosistémicos.
O documento establece obxectivos, liñas estratéxicas, accións e propostas para o conxunto do termo municipal, incluíndo o núcleo urbano e as parroquias. A estratexia aborda aspectos relacionados coa biodiversidade, a conectividade ecolóxica, os espazos verdes e azuis, a calidade ambiental e a adaptación ao cambio climático.
A proposta define unha infraestrutura verde municipal e urbana cun horizonte de referencia en 2050, representada espacialmente mediante áreas núcleo, corredores e zonas de amortecemento. O plan de acción estrutúrase en 8 obxectivos, 40 liñas estratéxicas e 50 accións, moitas delas concretadas en 43 propostas con solucións baseadas na natureza para os espazos analizados. Entre os contidos da estratexia figuran criterios de mellora ecolóxica e restauración, accións para a infraestrutura verde urbana e fichas de propostas aplicadas a casos de estudo concretos do municipio.
Ligazóns de interese:
https://juanadevega.org/es/la-fundacion-juana-de-vega-disena-la-estrategia-de-infraestructura-verde-de-ponteareas-el-primer-ayuntamiento-de-galicia-que-cuenta-con-esta-herramienta-a-escala-municipal/
Pontevedra
O proxecto RedeVerde Pontevedra “
Proyecto de renaturalización mejora de la biodiversidad e incremento de la resiliencia urbana de Pontevedra” está promovido polo Concello de Pontevedrae a Universidade da Coruña co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU. Trátase dun proxecto da convocatoria PRTR orientado á renaturalización, mellora da biodiversidade e incremento da resiliencia urbana de Pontevedra.
O proxecto
RedeVerde está orientado á renaturalización urbana, á mellora da biodiversidade e ao incremento da resiliencia climática da cidade. A iniciativa procura incorporar a infraestrutura verde como unha dimensión complementaria ao modelo urbano de Pontevedra, integrando a natureza no espazo público e reforzando a conexión entre os ámbitos urbanos, fluviais e marítimos. Segundo a Fundación Biodiversidade, o proxecto ten como obxectivo impulsar a transformación urbana da cidade mediante a renaturalización do espazo urbano, o aumento da biodiversidade e a recuperación da conectividade dos espazos marítimos e fluviais.
Entre as actuacións principais figura a renaturalización do río dos Gafos no seu tramo urbano de Campolongo, centrada na recuperación e restauración ecolóxica dun tramo soterrado do río.
Unha das accións centrais do proxecto é a
Estratexia Local de Infraestrutura Verde e Resiliencia Urbana de Pontevedra, concibida como unha ferramenta para definir a estrutura ecolóxica da cidade e orientar a integración da natureza no planeamento urbano. Inclúe tamén actuacións e procesos vinculados á gobernanza, á participación cidadá e á divulgación ambiental.
Ligazóns de interese:
https://redeverde.pontevedra.gal/ç
https://fundacion-biodiversidad.es/proyecto_prtr/proyecto-de-renaturalizacion-mejora-de-la-biodiversidad-e-incremento-de-la-resiliencia-urbana-de-pontevedra-redeverde-pontevedra/
Santiago e Compostela
O proxecto
Entre Sar e Sarela está promovido polo Concello de Santiago de Compostela en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a través do IBADER, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU. A iniciativa ten como finalidade a renaturalización urbana, a mellora da biodiversidade e a consolidación da infraestrutura verde de Santiago de Compostela, favorecendo a conexión ecolóxica entre o Anel Verde Exterior e a trama urbana.
Un dos fitos principais do proxecto foi a aprobación da Estratexia de Infraestrutura Verde e Adaptación ao Cambio Climático de Santiago de Compostela pola Xunta de Goberno Local do Concello. A estratexia constitúe o marco de referencia para ordenar a infraestrutura verde local, definir criterios de conectividade ecolóxica e orientar actuacións de renaturalización, adaptación climática e mellora ambiental no municipio.
No marco de Entre Sar e Sarela tamén se publicaron a versión en Castelán en en Galego da Estratexia, así como o documento de Bases Científico-Técnicas. Estas bases amplían a información territorial e de diagnóstico do municipio e recompilan as fontes de datos necesarias para a implementación dos indicadores e o seu seguimento. A publicación destes documentos facilita a consulta pública da estratexia aprobada polo Concello e pon a disposición da cidadanía e dos axentes implicados os criterios, fundamentos e liñas de actuación do proxecto.
O proxecto inclúe, ademais da elaboración da estratexia, varias actuacións de renaturalización e restauración ambiental en ámbitos vinculados aos ríos Sar e Sarela. Entre elas figuran a creación dun corredor ecolóxico urbano no Barrio Verde de Pontepedriña, actuacións no Xardín Botánico, a recuperación ambiental do barrio de Cornes e a restauración ecolóxica e fomento da biodiversidade no Monte do Viso. Tamén incorpora plans de participación, comunicación, sensibilización e seguimento de indicadores.
Ligazóns de interese:
https://entresaresarela.santiagodecompostela.gal/
https://www.ibader.gal/seccion/1217/Entre-Sar-e-Sarela.html
A Coruña
O proxecto CORUÑA VERDEA está promovido polo Concello da Coruña coa participación da Universidade de Santiago de Compostela, a través do IBADER, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad no marco da convocatoria de axudas para o impulso da infraestrutura verde para a renaturalización e resiliencia de cidades españolas, financiada polo FEDER.
A iniciativa está orientada á renaturalización urbana, á mellora da biodiversidade e á creación de corredores ecolóxicos urbanos para a consolidación da infraestrutura verde e azul da Coruña. O proxecto inclúe a restauración de espazos verdes urbanos, a promoción da fauna local, a conexión entre a trama urbana e periurbana, a implantación de sistemas urbanos de drenaxe sostible e a creación de hábitats para refuxio, cría e alimentación da fauna nos espazos verdes urbanos.
No marco de CORUÑA VERDEA está prevista a redacción da Estratexia de Infraestrutura Verde da Coruña, que servirá como documento de planificación para ordenar a rede de espazos verdes e azuis da cidade, identificar oportunidades de conectividade ecolóxica e orientar futuras actuacións de renaturalización urbana. O proxecto incorpora tamén procesos de participación pública, concibidos para recoller achegas da cidadanía e dos axentes sociais, ambientais e institucionais implicados, así como para acompañar o deseño das actuacións e a definición da estratexia municipal.
Entre as actuacións previstas figuran a mellora da biodiversidade do Parque Carlos Casares e da súa conectividade co ENIL Torre de Hércules, incluíndo o incremento da vexetación, creación de biotopos, ampliación de hortas urbanas e control de especies invasoras. Tamén se prevé a creación dun corredor verde urbano entre o Parque Carlos Caseres e Parque de Marte no interior do barrio de Montealto, a restauración dos humidais do Parque de Eirís, a recualificación do Parque de Oza, a mellora ambiental do Parque de Vioño, o establecemento dun corredor verde no barrio da Sagrada Familia e un proxecto piloto de codeseño social para a implantación de microespazos verdes no Agra do Orzán.
Ligazóns de interese:
https://www.ibader.gal/seccion/1233/Coruna-Verdea.html
https://fundacion-biodiversidad.es/proyecto_feder/coruna-verdea-naturaleza-conectividad-y-bienestar-proyecto-de-renaturalizacion-mejora-de-la-biodiversidad-y-creacion-de-corredores-ecologicos-urbanos-para-la-consolidacion-de-la-infraestructura-ve/
Vigo
O proxecto
Alcabre Verde: Mitigación dos efectos paisaxísticos e ambientais derivados da expansión urbana e mellora da conectividade ecolóxica e social de Alcabre-Navia está promovido polo Concello de Vigo e conta co apoio da Fundación Biodiversidad no marco da convocatoria de axudas para o desenvolvemento e consolidación da infraestrutura verde para a renaturalización e resiliencia de cidades españolas, cofinanciada polo FEDER.
Entre as actuacións recollidas no proxecto está a transformación da Avenida de Europa nun eixo de conexión ecolóxica entre a cidade e o litoral de Samil, mediante a incorporación de drenaxe sostible, arborado, vexetación e melloras na integración paisaxística. Tamén se prevén intervencións no fronte litoral de Alcabre, na infraestrutura verde dos barrios de Alcabre e Navia, nos espazos verdes, masas forestais e espazos libres existentes, así como actuacións para mellorar a permeabilidade e a conectividade entre Alcabre e Bouzas no ámbito da VG-20.
Ligazóns de interese:
https://fundacion-biodiversidad.es/proyecto_feder/alcabre-verde-mitigacion-de-los-efectos-paisajisticos-y-ambientales-derivados-de-la-expansion-urbana-y-mejora-de-la-conectividad-ecologica-y-social-de-alcabre-navia/
Iniciativas Galicia-Portugal
O proxecto Green Gap: Impulso das infraestruturas verdes locais para a restauración da biodiversidade, a renaturalización e o deseño de paisaxe resiliente ante o cambio climático nas zonas urbanas e rurais de Galicia e o Norte de Portugal desenvólvese no marco do programa Interreg España-Portugal 2021-2027 / POCTEP, cofinanciado polo FEDER. Ten como finalidade impulsar a infraestrutura verde local no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, incorporando actuacións vinculadas coa restauración da biodiversidade, a renaturalización e a adaptación ao cambio climático.
No ámbito galego, o proxecto inclúe actuacións piloto en Pontevedra, Muíños e en concellos do Baixo Miño. No ámbito portugués, as actuacións localízanse en Paredes de Coura e Guimarães. Estes espazos funcionan como ámbitos demostrativos para aplicar solucións de infraestrutura verde en contextos urbanos, rurais e naturais, co obxectivo de xerar experiencias transferibles a outros territorios.
O partenariado está formado por entidades galegas e portuguesas, entre administracións públicas, universidades e organismos especializados. Participan o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense, a Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, o Municipio de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, o Municipio de Guimarães, o Laboratório da Paisagem, a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas.
Green Gap estrutúrase arredor da planificación local de infraestruturas verdes, a execución de proxectos piloto, a creación de metodoloxías e ferramentas de apoio ás administracións locais, e a transferencia de coñecemento no ámbito transfronteirizo. O proxecto inclúe tamén accións formativas a través da Green Gap Academy, actividades de divulgación e iniciativas de cooperación orientadas á restauración ecolóxica, á renaturalización e á mellora da conectividade territorial.
Ligazóns de interese:
https://green-gap.eu/es/projecto/