Banco de Datos

Presentación


A Infraestrutura Verde concíbese como unha rede ecoloxicamente coherente e estratexicamente planificada composta por un conxunto de áreas naturais e semi-naturais, (espazos continentais, costeiros, mariños, humidais), así como elementos e espazos verdes en áreas urbanas, peri-urbanas e rurais. Elementos que en conxunto, mediante unha xestión racional e sostible, na que se desenvolven proxectos de restauración ecolóxica e de mellora da conectividade, melloran o estado de conservación dos ecosistemas e a súa resiliencia, contribuíndo de forma significativa á conservación da biodiversidade, e a prestación dos servizos dos ecosistemas, que contribúen ao desenvolvemento social e económico do territorio.

Os instrumentos sobre os que pivota a Infraestrutura Verde son a conservación da biodiversidade, a conectividade e a restauración ecolóxica, sen os cales non será posible identificar o valor infraestrutural do territorio, é a propia infraestrutura verde. Para poder cumprir coas súas funcións, a infraestrutura verde debe ser dinámica e adaptativa, e isto debe reflectirse na súa cartografía, que nunca vai ser unha foto estática.

A infraestrutura Verde é unha ferramenta que achega beneficios ecolóxicos, económicos e sociais mediante solucións naturais, e pode axudar a comprender o valor dos beneficios que a natureza proporciona á sociedade humana e a mobilizar investimentos para sostelos e reforzalos; así mesmo contribúe a evitar a dependencia de infraestruturas cuxa construción é custosa, e pode contribuír de maneira significativa á aplicación efectiva de todas as políticas cando algúns ou todos os obxectivos desexados poden conseguirse, parcial ou totalmente, mediante solucións baseadas na natureza.

Outro dos aspectos clave da infraestrutura verde é a súa multi-funcionalidade, é dicir, a súa capacidade para desempeñar múltiples funcións ambientais (por exemplo, control de especies exóticas ou adaptación ao cambio climático), sociais, e económicas nun mesmo ámbito territorial. É, por tanto, un instrumento esencial para a planificación sostible do territorio. Cabe sinalar, ademais, que se concibe como un instrumento dinámico que deberá actualizarse periodicamente en función da información e coñecementos máis actualizados.